Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Bragado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Manuel Bragado. Mostrar todas las entradas

21/4/12

Artigo de Manuel Bragado sobre a Sentada Lectora

Manuel Bragado publicou esta semana en Faro de Vigo un artigo sobre a Sentada Lectora que celebramos mañá a partir das 12:00 horas na Alameda de Gondomar.


Sentada lectora
Manuel Bragado

Espazo Lectura convoca para o domingo 22 de abril, ás doce da mañán, unha "Sentada lectora" na Alameda de Gondomar. Encadrado na completa semana de actividades que a hiperdinámica asociación gondomareña de fomento da lectura organiza con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), este acto cívico reunirá a persoas de todas as idades comprometidas a ler durante un cuarto de hora o libro que levará cada unha delas. A lectura dun manifesto a prol da lectura por parte de Paula Carballeira e Araceli Gonda e as actuacións musicais do grupo Migallas e do coro Cantares do Brión de Vincios completarán o programa deste acto lúdico e reivindicativo co que os organizadores pretenden nun momento de crise financeira e certo conformismo social salientar que "o valor da lectura e a cultura é máis importante que nunca para facer libre á cidadanía e dotala de instrumentos de futuro, de esperanza". Un acto orixinal de rebelión e insubmisión lectora, do que non existen precedentes en Galicia, que de forma simbólica e silenciosa evidenciara o carácter cívico da lectura e a necesidade de que sexa incluída na axenda pública utilizada polas administracións públicas, partidos políticos, asociacións veciñas e medios de comunicación.
Hoxe a lectura é un fenómeno híbrido e socialmente moi relevante, que afecta a toda a cidadanía, xa que vivimos un proceso de mudanza profunda entre o modelo de lectura textual, característico dos libros, revistas e xornais impresos, e o de lectura hipertextual, utilizado sobre as pantallas de ordenadores, taboíñas, e–readers ou teléfonos. Os lectores de todas as idades, non só os máis novos, compartimos decote a actividade lectora sobre libros e xornais impresos coa que realizamos sobre as diversas pantallas hipertextuais. Os espazos públicos urbanos quedaron inzados de máquinas dixitais para ler e escribir das que ningún cidadán pode prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde en internet ninguén sabe nin pode lelo todo, onde todos debemos asumir que somos parcialmente analfabetos nalgúns eidos, onde rematou o monopolio da escritura correcta, onde hai unha parte significativa da escritura pública –como a das mensaxes de sms ou das anotacións de twitter– que non se atén as convencións ortográficas, onde o devir cotián está marcado polas transaccións lectoras realizadas sobre as pantallas dos máis diversos formatos –algunhas tamén táctiles e interactivas que utilizan recursos iconográficos e multimodais moi atractivo– ás que adoito non son alleas interferencias publicitarias e outros spams que poden chegar a confundir a lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais.
Neste proceso de mudanza xa non podemos concebir a lectura como un hábito ou unha afección dunha parte da cidadanía (arredor do 58% dos maiores de 14 anos defínese como "persoas lectoras") disposta ao goce das obras literarias impresas. Hoxe a lectura é moito máis, é unha competencia cidadá imprescindible, un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade. A cidadanía contemporánea será lectora multisoporte ou non será cidadanía, non hai posibilidade escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassany "se diversifican tanto os artefactos letrados, como os usos e as funcións da lectura".
O fomento da lectura así entendida transfórmase na prioridade das políticas educativas, culturais e de igualdade. É esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencias abondas para utilizar toda clase de textos e hipertextos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como adquire especial significatividade o papel no fomento da lectura contemporánea das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer á cidadanía de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer a responsabilidade dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. As familias tamén poden contribuír de forma decisiva á lectura, xa que no seu seo se poden consolidar hábitos lectores xerados e compartidos ao abeiro dos afectos. Outrosí sucede coas redes sociais capaces de compartir recomendacións literarias no que xa se denomina "lectura social" ou do papel dinamizador do chamado "voluntariado para a lectura", promovido por entidades privadas como Espazo Lectura, capaces de provocar poderosas revolucións lectoras como a que se vive en Gondomar dende hai apenas tres anos. 

27/5/10

Manuel Bragado na Casa da Lectura

Este mércores na Casa da Lectura, o editor Manuel Bragado demostrou que non perdeu as mañas como mestre de Educación Infantil durante a sesión centrada nos contos de Dona Carme (adaptado por el mesmo dun conto tradicional) e Negros e brancos (de David McKee).

Con Dona Carme aprendemos como falan as cadelas, as gatas, os ratos, os bois (que teñen un falar longo), os galos, os burros, os porcos, as ovellas e os lobos. Todos estes animais fóronse metendo no cuarto de Dona Carme mentres ela durmía e acabaron por espertala. Entón, a partir de aí, decidimos entre todos un novo final para o conto: Dona Carme marchou dacabalo do burro e chegou a un hotel, onde lle deron un cuarto moi grande con balcón e cunha colcha fucsia e alí puido por fin durmir tranquila.

Despois, cando todos nos colocamos segundo as cores da nosa roupa, escoitamos o relato Negros e brancos, onde os elefantes brancos e os elefantes negros se aniquilan entre si a trompazos simplemente por teren unha cor de pel diferente.


Ao rematar, Manuel Bragado entrevistou aos nenos e nenas para que desen a súa opinión sobre cal dos dous contos lles gustara máis e por que.

Xusto antes de marcharmos, cantamos unha canción popular moi coñecida:
Paxariños que alegres cantades
polas follas dos loureiros
e subides polos ameneiros
a buscar a raíña do sol.

24/5/10

Dona Carme e Manuel Bragado estarán este mércores na Casa da Lectura

Este mércores a Casa da Lectura recibirá un convidado especial. O editor Manuel Bragado, mestre de Educación Infantil e director xeral de Edicións Xerais de Galicia dende 1994, será o encargado de manter a sesión semanal de fomento da lectura. Os contos Dona Carme e Negros e brancos, ademais dunha canción popular, serán a materia prima coa que se vai construír a actividade.
Dona Carme (Ir Indo, 1990) é un conto adaptado polo propio Manuel Bragado procedente da tradición oral. A súa estrutura acumulativa e o seu ritmo fan que sexa apegadizo e doado de aprender para os nenos e nenas.
Negros e brancos (Xerais, 2008), de David McKee, a quen xa coñecemos na Casa da Lectura por ser o autor de Elmer, é unha parábola sobre o absurdo do racismo e da intolerencia protagonizada por elefantes enfrontados entre si.

A actividade será o mércores 26 ás 18.30 horas. A partir das 17.30 as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas.

A continuación, amosamos algunhas imaxes da actividade da semana pasada dedicada ás árbores.

30/3/09

Os nosos índices de lectura

Recomendamos a lectura deste artigo publicado por Manuel Bragado en Faro de Vigo (29-03-09), no cal reflexiona sobre o medre dos hábitos lectores en Galicia e o incremento da lectura en galego, segundo os últimos datos achegados polo Observatorio da cultura galega.

9/2/09

Barómetro de lectura, 2008

Recomendamos a lectura desta anotación en Brétemas onde se analizan os datos achegados polo Barómetro de lectura de 2008 da Federación de Gremios de Editores de España.
Como dato positivo, o informe sinala que Galicia sobe no seu índice lector, situándose no 52,6% da poboación maior de 14 anos, lonxe aínda do 54,6% do conxunto do Estado.

30/6/08

Campo de Granada

O artigo dominical de Manuel Bragado (Campo de Granada) no Faro de Vigo de onte estaba dedicado á noite na biblioteca organizada por Espazo Lectura. Bragado é unha das persoas que máis escribe sobre temas relacionados coa lectura e o seu fomento, moi especialmente desde o seu blog Brétemas. No artigo, denunciábase tamén o grave déficit de dotación das bibliotecas públicas galegas. Desde Espazo Lectura, vaia o noso agradecemento polas súas palabras.


Noite na biblioteca

A pasada fin de semana vinte e seis rapaces e rapazas quedaron durmir unha noite na biblioteca de Gondomar. Unha experiencia moi innovadora e atrevida, organizada polo colectivo Espazo Lectura coa colaboración do concello de Gondomar, destinada a fomentar a lectura e o interese polos libros entre os rapaces e rapazas de seis a once anos. As actividades comezaron no serán do venres cun pasacorredoiras a cargo da sección xuvenil “Vichelocrego Teatro” e coa actuación de contacontos e do grupo de música infantil Mamá Cabra na praza de Portugal, transformando así as rúas da localidade miñorana nun espazo para escoitar e gozar das palabras. Chegada a noitiña, os participantes e os seus monitores converteron a biblioteca en ceador improvisado onde compartiron viandas preparadas na casa e a ledicia de cear arroupados por milleiros de libros. Antes de rematar o día do solsticio (o máis longo do ano) e despois de lavar os dentes, vestidos xa cos seus pixamas, estes auténticos leóns da lectura participaron nunha “noite meiga”, onde non faltaron os contacontos e un pequeno recital de poemas preparado polos seus monitores. Antes de prender no sono, agarimados pola dozura dos seus sacos e colchonetas, os xoves lectores e lectoras miñoranos aínda tiveron unha nova oportunidade de arrolarse cos seus libros máis amados. E co mencer, acordaron con cancións e, antes do almorzo compartido, volveron ao acubillo proporcionado polos libros. Ás dez da mañá saíron para as súas casas contentos coma cucos, con moitas cousas novas para contar e cantar. Todo un éxito!
Esta interesantísima e novidosa actividade de Espazo Lectura –un modélico colectivo de fomento da lectura, formado por oito persoas e cunha ampla rede de colaboradores (ao longo de todo o ano organiza os ciclos “Contomar” e “Lendo contigo”, amais de actividades de formación de mediadores familiares en lectura)– recolle con características propias o fío prendido por experiencias semellantes (“Pixamas às letras”) realizadas dende hai catro anos en Portugal, nas bibliotecas municipais de Oeiras, de Algés e de Carnaxide con motivo da celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil (2 de abril). En todos os casos, estas experiencias, que chaman a atención dos medios, salientan a importancia do papel da biblioteca pública como eixo da vida cultural dunha comunidade local e o da lectura (e por extensión dos libros) na conformación dunha nova cidadanía.
Alén da importancia da vivencia para os seus participantes, sen dúbida dispostos a repetila o vindeiro ano, esta gozosa noite gondomareña puxo de relevo que é posible transformar a biblioteca pública no fogar primeiro das palabras e dos libros. Unha biblioteca que é casa primeira dos libros; lareira da actividade lectora realizada sobre os diversos soportes (dende os impresos aos dixitais ofrecidos nas pantallas); sollado privilexiado para visibilizar aos autores e autoras e para compartir cos lectores e lectoras a súa creación; adro de encontro interxeracional dos clubs de lectura… Como demostra esta experiencia de Espazo Lectura é posible mergullar dentro das instalacións e actividades da biblioteca a ledicia argallada polo balbordo entusiasta dos picariños co acougo proporcionado polos textos impresos, xa que é, en definitiva, o espazo especializado para compartir a lectura e a vida.
A pesar destas valiosas experiencias do voluntariado pola lectura (un fenómeno recente, interesantísimo) e do esforzo dos actuais responsables da Consellaría de Cultura e Deporte, o número, as instalacións, os fondos, os recursos humanos e técnicos dispoñibles da rede de bibliotecas públicas galegas é claramente insatisfactorio. O funcionamento da nosa rede de bibliotecas presenta carencias clamorosas (o ermo bibliotecario vigués continúa sendo vergonzoso), que nos impiden abandonar o vagón de cola dos índices de lectura; insuficiencias mais inadmisibles, aínda, no marco da actual sociedade da información dixital, no que a biblioteca pública (como sinalan todas as recomendacións internacionais) debera xogar un papel sobranceiro no proceso de alfabetización informacional da cidadanía de todas as idades.
A refundación do modelo actual de biblioteca pública sitúase en Galicia como primeiro obxectivo das novas políticas de fomento da lectura (non esquezamos que temos un plan de lectura en marcha) e como o alicerce máis sólido sobre o que desenvolver as políticas culturais de cada comunidade local. A exitosa experiencia desta noite na biblioteca en Gondomar e das actividades do colectivo de voluntariado de Espazo Lectura amosa que este é un vieiro que pode contribuír a aumentar o número de lectores e a conformar o seu criterio lector. Fomentar a lectura é formar cidadanía.
Manuel Bragado

8/6/08

Sobre os clubs de lectura

O artigo de Manuel Bragado de hoxe no Faro de Vigo reflexiona sobre o papel dos clubs de lectura en apoio ao libro galego e fai un percorrido por moitas destas iniciativas. Entre elas cítanse algunhas das actividades de Espazo Lectura.

10/2/08

Penúltimos en lectura

Hoxe resulta especialmente interesante ler no Faro de Vigo o artigo de Manuel Bragado sobre a lectura. Titúlase "Penúltimos en lectura" e reflexiona sobre os últimos datos de hábitos lectores feitos públicos esta semana. Como asegura no seu artigo, «non podemos esquecer que os hábitos de lectura e de compra de libros son considerados internacionalmente como os referentes máis fiables para comparar o desenvolvemento cultural e educativo de cada sociedade». Ademais, Bragado propón declara o ano 2009 como Ano da Lectura.