30/11/10

Na Casa da Lectura, construímos o mundo á nosa medida

O 1 de decembro, na actividade semanal de dinamización lectora que ten lugar todos os mércores a partir das 18.30h na Casa da Lectura, imos construír entre todos un universo particular: o universo literario de Donas, a parroquia onde está situada a Casa da Lectura. Será logo de ler a fabulosa viaxe que nos propón Mi casa azul, o conto de Alain Serres e Edmée Cannard publicado por Kónikos.
Deseguido podedes ver algunhas imaxes da sesión da semana pasada, durante a cal tivemos que facer complicados cálculos matemáticos para medir a nosa capacidade imaxinativa antes de enfrontarnos ao reto de descubrir a obra de arte que se agochaba detrás dunha mancha.

28/11/10

Tic-tac, tic-tac, mañá toca Contomar

No Contomar deste luns, 29 de novembro, aprenderemos algunhas cancións do libro-disco Tic-tac de Pablo Díaz. Unha obra para ver, escoitar e cantar.
Ademais, contaremos os seguintes contos: Paco trolas, A voda do galo pinto e Manda narices.

Agardámosvos na Biblioteca de Gondomar a partir das 18.00 horas.


Estas fotos son da sesión da semana pasada:

27/11/10

As metamorfoses do libro no Club de Formación Lectora


O pasado 25 de novembro tivo lugar unha sesión do Club de Formación Lectora centrada no ensaio de Román Gubern Metamorfosis de la lectura (editorial Anagrama).
En pouco máis de 100 páxinas, o autor traza un percorrido histórico dende a aparición da linguaxe na especie humana, pasando polas primeiras mostras escritas, a invención da imprenta, o nacemento da novela..., ata rematar na aparición do libro electrónico e a lectura en pantallas. Precisamente foi esta última metamorfose pola está a experimentar o libro a que máis debate suscitou entre os asistentes ao club.

O Club de Formación Lectora está centrado na lectura de libros que teñen como tema a lectura, a animación lectora ou outro tema relacionado co ámbito do libro. Está ideado para garantir a formación continua e o debate de ideas entre as persoas vencelladas a Espazo Lectura.

A seguinte sesión terá lugar o 27 de xaneiro de 2011 e estará dedicada ao libro 10 ideas clave. Animación a la lectura (ed. Graó) de Juan Mata, polo que aproveitamos tamén para recomendar o seu blog Discreto lector.

25/11/10

O Lendo Contigo recibe a visita de Manuel Janeiro


O sábado 27 de novembro terá lugar a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é A abella abesullona, do escritor Manuel Janeiro (Galaxia, 2009).
O autor estará con nós na Biblioteca de Gondomar. A cita é o sábado ás 12.00 horas.

O libro
A abella abesullona é un libro que conta a historia dunha abella disposta a pasar á historia a base de preguntar e preguntar e preguntar. Trátase dun becho fascinante que está rodeado de multitude de animais que amosan a riqueza existente na natureza.
Un volume divertido que lles ensinará aos máis pequenos como se pode chegar a ser máis autónomo cada día e decidir por un mesmo. Neste volume, ademais, descubriremos como se comunican as abellas, a súa linguaxe e aproximarémonos ao seu mundo e a outros que conforman o seu ecosistema.
N’A abella abesullona aprenderemos, ao tempo que nos divertimos, a xerarquía dentro da colmea e como se alimentan estes laboriosos insectos.

O autor
Manuel Janeiro (Madrid, 1951) é, se cadra, máis coñecido como deseñador que como escritor. Así e todo, a súa primeira publicación, o poemario en castelá Primera edad, viu a luz xa no ano 1976. Ata o 2006 non publicará o seu primeiro libro de narrativa: Pucho, o habitador dos tellados (Premio IBBY, 2008), ao que seguiu en 2008 A fada das lapas. Con A abella abesullona sobe un chanzo máis que o leva a se converter nunha das voces máis singulares da nosa literatura infantil máis interesante.

24/11/10

Esta fin de semana, libros e moito máis no Culturgal


Recomendamos a visita á III edición do Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, que se celebra os días 26, 27 e 28 (venres, sábado e domingo) no Pazo de Congresos de Pontevedra.

As persoas que se acheguen a Pontevedra poderán visitar os stands de gran parte das industrias culturais galegas (libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías) e gozar dunha ampla programación cultural, para público adulto e infantil, que vai dende presentacións de libros e obras audiovisuais, a recitais de poesía, concertos e obradoiros.

Na páxina web do Culturgal pódese acceder á programación completa de actividades.

23/11/10

Con moita arte

Este mércores temos unha nova cita na Casa da Lectura.
Con Moncho, o protagonista de Moncho e a mancha de Kiko Dasilva, achegarémonos ao mundo da arte e ao xeito en que os artistas atopan a súa inspiración no proceso creativo. Despois, a través dun xogo, poremos a proba a nosa imaxinación e a nosa capacidade para crear.
A actividade de dinamización lectora comezará a partir das 18.30 horas, pero a Casa da Lectura estará aberta, coma todos os mércores, dende as 17.30h.

Na sesión da semana pasada soubemos o que son os petróglifos e mesmo fixemos un coas nosas propias mans. Estas son algunhas imaxes dese día.

22/11/10

Hoxe, Contomar


No Contomar de hoxe, 22 de novembro, leremos entre outros os seguintes contos: Nariz de ouro (OQO), O gato lambón (Kalandraka) e Guyi Guyi (Thule Edicións). A cita é na Biblioteca de Gondomar a partir das 18.00 horas.
As imaxes anteriores correspóndense co Contomar do luns pasado.

17/11/10

Espazo Lectura presentará o venres o seu proxecto no Simposio O libro e a Lectura

Espazo Lectura presentará este venres 19, ás 12:15 da mañá, o seu proxecto de fomento da lectura no Simposio O libro e a Lectura, que organiza en Santiago de Compostela a Asociación Galega de Editores e que comeza mañá xoves 18. A intervención da presidenta da asociación, Concha Costas, terá lugar no auditorio do Centro Social Caixanova, onde se desenvolve o Simposio.

Os profesionais que participan
Ao longo destes dous días diversos profesionais do libro participarán nestes actos en que estarán presentes editores como Antonio Ventura e Constantino Bértolo; bibliotecarios como Albino Alonso e David Pérez, responsables da Biblioteca Municipal do Porriño, que foi Premio Nacional María Moliner de animación á lectura 2006; a portuguesa Cristina Taquelim, responsable do programa Palavras andarilhas da Biblioteca Municipal de Beja, coa que a presidenta de Espazo Lectura participou nunha mesa redonda na cidade de Porto en 2008; o responsable da Asociación Feria del Libro de Sevilla (Premio Nacional ao Fomento da Lectura 2010); a libreira Sandra Senra, que representa á librería viguesa, da editorial Kalandraka, Libros para soñar; o bibliotecario do biblomóvel de Proença-a-nova; así como algúns outros intervintes cos que Espazo Lectura participou o pasado mes de outubro en Bilbao (Mercedes Caballud, Joan Portell, Itziar Zubizarreta). O programa completo pode ser descargado aquí.

O mes pasado, Espazo Lectura falou na Alhóndiga de Bilbao sobre o seu traballo no Val Miñor



A finais do pasado mes de outubro, Espazo Lectura expuxo en Bilbao o proxecto da fomento da lectura que leva a cabo no Val Miñor. A súa presidenta participou nas xornadas Pequeños lectores, grandes mundos, organizadas conxuntamente pola editorial Ibaizabal e o centro cultural e de ocio Alhóndiga Bilbao, o lugar onde se desenvolveron os encontros.
Espazo Lectura compartiu mesa con Imanol Mercero, que presentou o proxecto Liburuen Altxorra, vencellado a Galtzagorri Elkartea; con Joan Portell, que representaba o proxecto catalán Municipi lector, do Consell de Lectura de Cataluña; e con Mercedes Caballud, cofundadora do programa Leer Juntos de Ballobar. A mesa redonda foi moderada pola pedagoga, especialista en fomento da lectura, Itziar Zubizarreta.

Financiamento dos proxectos
O proxecto de Liburuen Altxorra conta co apoio e patrocinio da asociación vasca para a literatura infantil e xuvenil Galtzagorri Elkartea; o proxecto catalán de Municipi lector naceu ligado a un centro de ensino, que o impulsou, e agora está coordinado desde CLIJ-CAT (Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil), que asumiu a tarefa de profesionalizalo; e o proxecto de Leer Juntos, nacido hai 17 anos dun grupo de profesoras en Ballobar e que recibiu en 2005 o Premio Nacional de Fomento da Lectura, foi asumido recentemente pola Junta de Aragón que o financia e coordina, estendéndoo por todo Aragón da man das profesoras fundadoras.

16/11/10

Convertémonos en arqueólogos na Casa da Lectura

Na actividade de dinamización lectora do mércores 17, Rosana Estévez vai traernos á Casa da Lectura un libro moi curioso e moi interesante que nos vai ensinar unha chea de cousas sobre os petróglifos, que é como se chaman os gravados feitos nas pedras polos nosos antepasados. Como este, que se atopa moi preto de nós, no Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón:

Se queredes convertervos en arqueólogos e arqueólogas por unhas horas e axudarnos a descubrir a arte que se agocha en moitos penedos dos nosos montes, só tedes que achegarvos á Casa da Lectura, este mércores a partir das 18.30 horas.

Deseguido podedes ver varias imaxes do fotógrafo Manuel G. Vicente tomadas na sesión de fomento da lectura do mércores 10 de novembro.

Biblioburro

15/11/10

O ilustrador Manel Cráneo estará este martes no Lecturas Debuxadas

O martes 16 de novembro celébrase a xuntanza mensual do club de cómic Lecturas Debuxadas. Nesta ocasión, o cómic do que imos falar é Os lobos de Moeche, do autor e ilustrador Manel Cráneo.
Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00h.

Contaremos coa presenza do autor
O autor e ilustrador Manel Cráneo achegarase á biblioteca para falar cos lectores sobre a súa obra.


O libro
Os lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009) narra unha aventura que transcorre no ocaso do século XV. A trama ten como telón de fondo a revolta Irmandiña.
No ano 1497, na cidade italiana de Bolonia, Martín de Ferreira asina un libro coas súas memorias no que lembra os feitos que fixeron que pasase de ser un mozo labrego a converterse nun home do Renacemento.
Xunto ao seu irmán Lopo vivirá, nas terras do Eume, unha intensa aventura marcada por dramáticos acontecementos, nunha época socialmente afogada polo sistema feudal, onde a xente dos pobos e vilas non tardarán en reaccionar aos abusos da nobreza de forma contundente.


O autor
Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é debuxante e ilustrador cunha ampla actividade desde mediados dos anos noventa, cando promoveu numerosísimos fanzines como Ovo, Costra de Postre, Os rústicos da guadaña, Craneografía e Craneofilia. Participou nas dúas etapas da revista Golfiño realizando a serie "A fraga Milmañas" con guións de Carlos Amil. Traballos seus viron a luz en cabeceiras colectivas como BD Banda, Barsowia e Subterfuge.
É ex presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, liderou a súa práctica refundación en 2003. Na mesma época foi o principal promotor con Kike Benlloch do Colectivo Chapapote, resposta ao desastre do Prestige coa participación de ducias de ilustradores. Ademais dunha longa experiencia en cartelismo e publicidade, é o responsable do storyboard de diversos filmes como (O lapis do carpinteiro) e curtametraxes (como A ti como se che di adeus).

Podedes ler unha entrevista con Manel Cráneo aquí.

14/11/10