Manifesto a favor da lectura
Se hai algo difícil de definir é a experiencia da lectura. Hai tantas lecturas como soños, como ilusións, como vidas, como persoas, como futuros. Ler é conquistar a oportunidade de vivir moitas veces máis das que unha persoa é capaz. Pero, ademais, a lectura é un motor agachado e secreto para chegar moito máis alá. Un motor contra o desánimo, contra a imposición, contra a necidade, contra o descoñecemento, contra a discriminación, contra a tiranía, contra o abuso, contra a inxustiza, contra a ignorancia, contra a indefensión, contra o desalento. A lectura constrúenos como persoas. A lectura é esperanza. É futuro.Mañá celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro. Por iso, hoxe, en Gondomar, lendo para medrar, queremos anticiparnos a esa cada vez máis necesaria celebración para imprimirlle un novo espírito. Queremos unirnos na rebelión da lectura.
Vivimos tempos de crise. Tempos de desacougo.
Precisamente por iso debemos ser conscientes, máis conscientes ca nunca de que onde hai libros hai esperanza, porque onde libros hai futuro.
Aquí, en Gondomar, para nós o centro do mundo, sentados cun libro nas mans, poñemos en valor este acto humilde e poderoso que é a lectura, e queremos facer nosa, desde a voz da cidadanía, a máis importante das rebelións: a rebelión da lectura.
Precisamente nestes tempos de crise, cando é máis visible ca nunca que o mundo está gobernado por un diminuto grupo de persoas opulentas e cobizosas que atesouran a maior parte da riqueza, nós reivindicamos outro tipo de riqueza, máis humana, máis xenerosa, máis creativa, moito máis poderosa e moito máis confortable: a que nos dá a lectura.
A lectura é un referente de benestar social.
Precisamente por iso debemos defender o papel da lectura como imprescindible para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e ocio das persoas; indispensable para construír o futuro, indispensable para recuperar a esperanza, indispensable para erguer un porvir presidido pola razón e a dignidade.
Precisamente por iso, hoxe queremos protagonizar a rebelión da lectura. Porque hoxe, a lectura, é máis necesaria ca nunca. Porque hoxe, a da lectura, é unha rebelión imprescindible. A Lei do Libro e a Lectura aprobada polo Parlamento de Galicia e a Ley del Libro aprobada polo Parlamento español establecen que a lectura e o seu fomento deben ser elementos centrais e transversais de todas as accións de goberno, por entender que contribúe decisivamente ao desenvolvemento social, económico, industrial e cultural das sociedades.
Precisamente por iso, neste tempo global de recortes, desde a voz cidadá queremos deixar constancia de que os recursos elementais para o fomento e o hábito da lectura están compostos de vontade, de atención, de imaxinación, de entrega e de boa disposición. E non estamos dispostos a que ningún deses recursos nos sexa escatimado.
Para nós, a lectura ten a palabra. E o valor da palabra é o que nos fai persoas, o que nos distingue dos outros seres vivos. Por iso, nós, cidadás e cidadáns de a pé, reivindicamos a rebelión da lectura. Proclamamos o seu carácter festivo, o noso dereito ao seu acceso xeralizado inalienable, o seu papel motor, o seu valor subversivo.
A lectura moldea sociedades libres, sociedades críticas, sociedades soñadoras, sociedades renovadoras, sociedades atentas, sociedades capaces, sociedades emprendedoras, sociedades avanzadas.
Precisamente por iso, nun momento coma este, como cidadás e cidadáns, queremos facer nosa a palabra, queremos facer nosa a lectura, e reunímonos para poñela en valor, para encomiala, para saudala, para enxalzala, para reivindicala, para dignificala, para reclamala.
Precisamos reiniciar o mundo, resetealo. E só é posible facelo desde a palabra. Só é posible facelo desde a lectura.
A lectura ten o poder arrebatador das meigas e das treboadas. O feitizo da lúa chea. Fainos brincar, fainos gozar, fainos bailar, fainos bicar praias descoñecidas, fainos acariñar golfiños, fainos voar, fainos chorar, fainos cuspir, fainos viaxar, fainos comprender, fainos sentir, fai que nos emocionemos.
Si, a lectura ten o poder arrebatador das meigas e o feitizo dunha noite de luada. Por iso, para a cidadanía galega, a reivindicación da lectura debe ir acompañada do desenvolvemento social e cultural da nosa lingua, debe ir abeirada nesa ollada milenaria que se nos transmitiu, de xeración en xeración, desde Martín Códax e Afonso X o Sabio, coma un tesouro de valor incalculable. A lectura tamén serve para coñecernos e recoñecernos. Para saber quen somos e de onde vimos.
Hoxe, as novas tecnoloxías están a poñer en valor a lectura. Vivimos nunha sociedade notoriamente dixital, que transforma os hábitos de acceso á información e que fai da lectura unha ferramenta estratéxica. A lectura na actualidade é máis imprescindible ca nunca. Unha sociedade só poderá ser avanzada se é lectora.
A lectura é educación, é formación, é traballo, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para proposperar.
Unha sociedade lectora é unha sociedade capaz. Precisamente por iso non temos dúbidas: onde hai libros, hai futuro. Esta é a nosa revolución. A revolución da cidadanía.
Únete á rebelión da lectura.
1 comentario:
Emociona ler un manifesto coma este, cheo de vida, de enerxía, de esperanza. Cargado de futuro, que diría Celaya.
Os meus parabéns pola iniciativa da Sentada Lectora, unha mostra mais de que son moitas as persoas dispostas a cambiar o mundo.
Publicar un comentario