Ademais, fan público o seu Primeiro Pronturario Fundacional, que reproducimos:

- A irmandade Secreta dos Devoradores de Libros é unha alternativa á cultura que as grandes fontes de poder fan mastigar ás masas. Non é unha corrente artística, non unha forma de expresar o eu interior que todos levamos. Tan só un medio onde canalizar as experiencias (literarias polo momento) que pasan polas nosas mans e que, polo escaso público, pola pouca difusión, ou pola consciente condea de certos estamentos, resulta complicado atopar referencias.
- A Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros non ten un fin sectáreo ou relixioso, o seu obxectivo primeiro e último é o de imbuír dun sentimento cultural á sociedade de consumo, a cultura de lixo, ao pensamento único.
- Un cravel ou un crisantemo son para un locutor televisivo flores que se atopan no lugar erróneo no momento equivocado. Un cravel ou un crisantemo son para a irmandade un símbolo, un lugar, un momento, un sentir, unha ausencia, un nada, unha evocación calquera.
- A Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros exprésase en galego, ao tratarse, logo de milleiros de probas científicas, do idioma dos ceos.
- A irmandade Secreta dos Devoradores de Libros destinase a devorar literatura, a mastigala e pasala polo filtro da alma individual. É, polo tanto, unha visión parcial, valiosa e parcial, non sempre compartida, mais sempre respectada.