28/10/11

Información sobre o servizo de préstamo na Casa da Lectura

Logo de varios meses de traballo voluntario e altruísta dun equipo de cinco persoas, está rematado o labor de catalogación e etiquetaxe dos fondos da Casa da Lectura e os libros están xa de volta nos andeis clasificados e catalogados, a disposición dos usuarios e usuarias da biblioteca. Comezamos xa a facer o préstamo a través do programa Meiga e o noso catálogo pode consultarse a través do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia, picando aquí.

Desde Espazo Lectura queremos recoñecer e agradecer a colaboración de Rosa, Luís, Mar, Concha e Xoán que se encargaron de catalogar, clasificar e etiquetar, co entusiasmo, a dedicación e o rigor que caracteriza o habitualmente o traballo desinteresado de todo o equipo de voluntariado de Espazo Lectura.
Grazas!!











26/10/11

Así foi o Lendo Contigo con Fausto Isorna


O sábado 22 de outubro inauguramos a tempada 2011-2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo. Para iso, tivemos o pracer de recibir a Fausto Isorna, que nos veu falar do cómic que lemos este mes, Golfiño e os invasores, do cal é o autor e ilustrador.
Fausto explicounos que son os golfiño sapiens (e debuxóunolos), a especie á que pertence o protagonista da serie máis famosa do cómic galego e que pouco ten que ver cos seus colegas mariños.


Despois respondeu todas as preguntas que tiñan para el os nenos e nenas que participaron na sesión e, unha das cousas que máis nos gustou: ensinounos como é o proceso de elaboración dunha banda deseñada como Golfiño: dende os primeiros bosquexos, pasando polos debuxos a lapis, o entintado e a cor. Foi un verdadeiro luxo ter entre as mans os orixinais!


Antes de rematar, sorteamos o libro do mes que vén, Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo (Xerais, 2011), entre os nenos que acertaron todas as superpreguntas.


Pero aí non remataron as sorpresas. A editorial El Patito, onde se publicou Golfiño e os invasores, enviounos de agasallo unha cunca de Golfiño e mais 7 calendarios.
Os agasallos foron sorteados entre os rapaces que trouxeron o debuxo que pediamos na guía de lectura. Que sorte tiveron os premiados!


Aínda así, ao final todos levaron un regalo para a casa: as impresionantes dedicatorias que Fausto lles dedicou a cada un dos nenos e nenas que participaron.


Estes son algúns dos debuxos que fixeron os nenos e nenas para esta sesión.


25/10/11

Que che gustaría ser?


Podemos ser peixes, curuxas, crocodilos, mesmo nenos e nenas para xogar a ser...
Este mércores, na Casa da Lectura, descubriremos a partir do conto Que che gustaría ser? que, cun pouco de imaxinación, todo é posible. Para compartir con nós o que che gustaría ser se non foses neno ou nena, vide á Casa da Lectura este mércores 26 de outubro. Imos crear un imaxinario fantástico para convertelo en albúm dixital.
A sesión comezará ás 18.30 horas, e unha hora antes a Casa da Lectura xa estará aberta para consulta de fondo e préstamo bibliotecario.

Estas imaxes correspóndense coa sesión de dinamización lectora do mércores pasado.

22/10/11

Contomar


No Contomar deste luns (24 de outubro) leremos, entre outros contos, Vou ter un irmán, de María Solar (Galaxia), O galo Traganoces, de Roberto Mezquita e Bernardo Carvalho (OQO) e A casa da miña avoa, de Pep Bruno e Matteo Gubellini (OQO).
A sesión de contacontos comeza ás 18.00 horas na Biblioteca de Gondomar.

Nestas fotografías pódense ver algúns momentos da sesión da semana pasada.












20/10/11

Todo listo para a primeira sesión da tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo

Este sábado 22 de outubro inauguramos a tempada 2011-2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, un club para nenos e nenas de 6 a 11 anos, e para os seus pais e nais, que ten lugar os últimos sábados de mes, ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. Para participar non é preciso nada máis que ter ganas de ler os libros que se propoñen e vir ás sesións para comentalos con nós.

Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, é o cómic sobre o que imos falar este sábado

Para comezar a nova tempada imos falar dun divertido cómic de aventuras protagonizado por un dos personaxes máis famosos da banda deseñada galega: Golfiño. O seu título é Golfiño e os invasores.
A humanidade aínda non o sabe, pero a invasión está en marcha! O que empeza como unha tranquila tarde no parque, convértese para Golfiño e os seus amigos nunha trepidante aventura na que deberán enfrontarse a unha raza alieníxena que chega á Terra con propósitos inconfesables... Por fin a versión íntegra, que inclúe o esperado final, en formato panorámico, cos diálogos orixinais ao completo e a cor totalmente restaurada. Acadará Golfiño fanar os maquiavélicos plans do Grande Imperio Cuá-Cuá? Nestas páxinas, o relato veraz do que aconteceu...

O autor do cómic, Fausto Isorna, estará connosco na sesión.


Non podedes perdelo! E lembra que se non tes a guía de lectura desta sesión, podes consultada picando aquí.