2/10/11

O Sete Vidas inaugura a cuarta tempada cunha historia conmovedora sobre amor e enfermidade

Este martes, 4 de outubro, retomamos as sesións do club de lectura Sete Vidas centrado en títulos de narrativa. A partir das 20.00 horas, as persoas que queiran achegarse á Biblioteca de Gondomar poderán compartir impresións sobre a novela que inaugura a cuarta tempada do club. Trátase de Futuro imperfecto, da autora Xulia Alonso (Galaxia, 2010), unha historia conmovedora sobre amor, enfermidade e superación.

Encontro coa autora

Logo dunha primeira parte de debate entre os participantes na sesión, a propia autora, Xulia Alonso, achegarase á biblioteca a partir das 21.00 horas para conversar cos lectores e lectoras da novela.

O libro

Vida e literatura ás veces camiñan á par. Iso acontece en Futuro imperfecto, onde Xulia Alonso narra a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda.
Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un reencontro con ese tempo, coa súa presenza proxectada no futuro. Un futuro que xa non pode ser perfecto mais é esperanzado.

A autora

Xulia Alonso Díaz (A Rúa, 1961) cursou bacharelato e COU Colexio Paulo VI da súa vila natal e iniciou en Santiago de Compostela os estudos de Psicoloxía no ano 1979. En xaneiro de 1981 comeza a traballar como auxiliar administrativo na Xunta de Galicia, onde desenvolve o súa actividade laboral ata setembro de 2008, momento en que motivos de saúde a apartan do mundo laboral. A descuberta, naqueles primeiros anos 1980, do mundo das drogas e a súa adicción a heroína durante tres anos, superada en 1985, deixarán unha pegada indeleble que marcará o seu futuro: o VIH.

No hay comentarios: