26/10/11

Así foi o Lendo Contigo con Fausto Isorna


O sábado 22 de outubro inauguramos a tempada 2011-2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo. Para iso, tivemos o pracer de recibir a Fausto Isorna, que nos veu falar do cómic que lemos este mes, Golfiño e os invasores, do cal é o autor e ilustrador.
Fausto explicounos que son os golfiño sapiens (e debuxóunolos), a especie á que pertence o protagonista da serie máis famosa do cómic galego e que pouco ten que ver cos seus colegas mariños.


Despois respondeu todas as preguntas que tiñan para el os nenos e nenas que participaron na sesión e, unha das cousas que máis nos gustou: ensinounos como é o proceso de elaboración dunha banda deseñada como Golfiño: dende os primeiros bosquexos, pasando polos debuxos a lapis, o entintado e a cor. Foi un verdadeiro luxo ter entre as mans os orixinais!


Antes de rematar, sorteamos o libro do mes que vén, Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo (Xerais, 2011), entre os nenos que acertaron todas as superpreguntas.


Pero aí non remataron as sorpresas. A editorial El Patito, onde se publicou Golfiño e os invasores, enviounos de agasallo unha cunca de Golfiño e mais 7 calendarios.
Os agasallos foron sorteados entre os rapaces que trouxeron o debuxo que pediamos na guía de lectura. Que sorte tiveron os premiados!


Aínda así, ao final todos levaron un regalo para a casa: as impresionantes dedicatorias que Fausto lles dedicou a cada un dos nenos e nenas que participaron.


Estes son algúns dos debuxos que fixeron os nenos e nenas para esta sesión.


No hay comentarios: