19/10/11

Comunicado de Espazo Lectura ante a derrogación, por parte da Xunta de Galicia, das axudas a asociacións culturais

Ante a publicación, onte 18 de outubro de 2011, no Diario Oficial de Galicia, da Orde 5 de outubro de pola que se deixa sen efecto a Orde do 11 de maio de 2011 de subvención a asociacións e institucións culturais galegas para a realización de programas e actividades culturais, Espazo Lectura quere manifestar o seguinte:

1. Esta derrogación das axudas para realización de programas e actividades culturais supón un feito gravísimo e pon ás asociacións culturais galegas contra as cordas, polo que Espazo Lectura quere facer pública a súa máis enérxica protesta.

2. No que se refire ao ámbito do fomento e promoción da lectura –ámbito que se considera estratéxico por parte de organizacións como a UNESCO– lembramos que «chove sobre mollado», xa que esta nova supresión de axudas se produce logo de que, na pasada primavera do 2011, o goberno galego decidise non convocar as axudas específicas para o fomento e animación á lectura que se viñan convocando anteriormente. Xa que logo, as asociacións que traballamos nese ámbito carecemos a partir de hoxe de cobertura para o co-financiamento público das nosas actividades.

3. Os profesionais do ámbito do libro e a lectura solicitáronlle recentemente ao goberno galego que a lectura formase parte da axenda pública, e que iso supuxese unha implicación significativa das administracións neste ámbito. Non só non se produciu esa implicación senón que se toma a crise como excusa para unha drástica involución.

4. Parécenos oportuno lembrar aquí as recentes palabras do reitor da Universidade de Santiago de Compostela nas que advertía que non investir en educación «resultaba carísimo». Nese mesmo sentido, desde Espazo Lectura queremos manifestar que o goberno galego debería ser consciente de que o fomento da lectura non supón un gasto senón un investimento. Un país sen poboación lectora é un país sen futuro, abocado ao fracaso. O desenvolvemento das capacidades lectoras é unha ferramenta imprescindible para unha sociedade do século XXI. Por manifestalo en termos económicos, o futuro é moi opaco cando non está refrendado pola existencia dun capital humano coa plusvalía engadida que supón habilidade lectora.

5. Espazo Lectura (como sucede con outras moitas entidades) é unha asociación que traballa activamente a prol da sociedade á que se dirixe, facéndoo exclusivamente con voluntariado. Todas as persoas que traballan para Espazo Lectura fano entregando xenerosa e desinteresadamente o seu tempo libre para lograr cidadáns mellor formados, máis capaces e competentes, tentando facer da lectura un ben de carácter e acceso universal.

6. Esta segunda supresión de axudas supón un duro golpe institucional para o traballo de Espazo Lectura, inmerecida por todo o seu voluntariado e polos destinatarios da súa dinamización. Lembramos que o labor de Espazo Lectura foi recoñecido co II Premio de Dinamización Sociocultural Everest (competindo con entidades de todo o estado), co Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia, e co Premio Francisco Fernández del Riego 2010 concedido pola Asociación Galega de Editores. Así mesmo, Espazo Lectura foi chamada a expoñer e dar a coñecer o seu proxecto en diversas ocasións en lugares como o País Vasco, Aragón, Castilla y León e Portugal.

7. Queremos solidarizarnos coa situación de desamparo que, a partir deste momento, van vivir moitas asociacións que, con voluntarismo e profesionalidade, facían posible un rico tecido de programación cultural que chegaba ao corazón da cidadanía, sen dúbida en moita maior medida que a custosísima programación da Cidade da Cultura e os desorbitados orzamentos da súa interminable construción.

8. Finalmente, queremos manifestar que a crise non pode constituírse en ningún caso nunha desculpa para liquidar o incalculable traballo cultural, de custes mínimos, que levan a cabo as asociacións en Galicia e que non é concebible un goberno do século XXI que non habilite fórmulas de apoio ao fomento e dinamización da lectura, en contra das indicacións e do criterio dos países máis desenvolvidos e os organismos internacionais máis prestixiosos, así como das autoridades culturais, educativas e pedagóxicas.

2 comentarios:

Agrimensor dijo...

Moi ben, un comunicado que pon as cousas no seu sitio. Tiñades que ser da Red Madre ou similar, entón si que habería apoio.
Nada que engadir a un texto tan claro e contundente. O único, pedir que se divulgue "por terra, mar e aire". Para que lles caia a cara de vergoña cando a algúns dos que cobran de nós se lles encha a boca con loanzas á lectura.

Gonzalo («Darabuc») dijo...

Es lamentable. La cultura molesta, a lo sumo la consideran accesoria. Y en realidad es la única base de una sociedad futura sana, formada por personas capaces de pensar con libertad. Volvemos al principio: será que esa libertad no interesa, al revés, molesta... :(