6/6/11
O escritor Santiago Lopo pecha a tempada do Sete Vidas
A novela Peaxes, de Santiago Lopo (Xerais, 2009), é a proposta coa que Espazo Lectura pecha a tempada do club de lectura Sete Vidas, que retomará a súa actividade tras o verán.
A cita será o martes 7 de xuño, a partir das 20.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar.
Contaremos coa presenza do autor
Logo dunha primeira parte durante a cal as persoas que se acheguen á biblioteca poderán compartir as súas impresións arredor da novela Peaxes, o seu autor, Santiago Lopo, achegarase á biblioteca a partir das 21.00 horas para conversar cos lectores e lectoras da novela.
O libro
Desde a súa ventá ao mundo, un caixeiro de peaxe da autoestrada bota unha ollada ás fraccións de vidas que se cruzan con el acotío. Esas instantáneas compoñen unha colaxe que lle axuda a fuxir da soidade. A partir destes encontros fugaces, ceiba a súa imaxinación e crea un universo ao ritmo da música que sae dos nosos vehículos cando baixamos a xanela para pagar, un planeta movido por anacos de conversas que desaparecen a cen quilómetros por hora. Desde a cabina, o narrador obsérvanos, temeroso de mergullarse na nosa rutina, mais contento de que rompamos a súa. Os usuarios da autoestrada erixímonos en protagonistas dun relato áxil que acelera nas curvas perigosas. En Peaxes conflúen todas as Galicias existentes e as imaxinadas, demostrando que realidade e ficción comparten a miúdo o noso destino. Unha novela breve que fará gozar a lectores e lectoras. [Presentación editorial]
O autor
Santiago Lopo (Vigo, 1974) é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos en inglés para televisión, e en 1998 cotraduciu ao galego, xunto a Xavier Queipo, dúas obras do escritor francés Hervé Guibert (Citomegalovirus e O meu criado e mais eu), publicadas por Xerais. Desde o ano 2000 colabora coa revista Unión Libre, onde publicou diversos artigos e traducións. En 2006 gañou o VI Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, coa novela Game Over. Peaxes é a súa segunda novela.
Deseguido pódense ver dúas imaxes da sesión do Sete Vidas do mes de maio dedicada á lectura da novela de Neira Vilas Memorias dun neno labrego.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario