26/5/11

O Lendo Contigo despide a tempada cunha observación astronómica nun monte veciño

O Club de Lectura Compartida Lendo Contigo muda o seu día e hora habituais para celebrar a última sesión da tempada. Será na noitiña do venres 27 de maio, a partir das 21:00 horas, cando comece na Biblioteca Municipal de Gondomar o programa especial de despedida que rematará cunha observación astronómica. Nesta ocasión, o libro que centrará a actividade é Un veciño cheo de sorpresas de Víctor Raga, publicado dentro da colección O Club da Ciencia de Edicións Xerais.
O libro
Un veciño cheo de sorpresas é o primeiro número da interesante colección de divulgación científica editada por Xerais O Club da Ciencia.
Martiño e Helena, os protagonistas desta serie, cóanse na terraza do señor Viramontañas. Gustaríalles ver as estrelas a través do seu telescopio. Pero o seu veciño ten un problema moi gordo e teñen que axudarlle a resolvelo. En troques, o señor Viramontañas ensinaralles os misterios marabillosos do Universo. [Presentación editorial]

Observación astronómica nun monte veciño
A partir desta historia, que divulga dun xeito ameno conceptos relacionados co Universo, desenvolverase o programa especial de despedida de tempada que culminará coa saída ao monte Cepudo (preto do Alba) para realizar unha observación de estrelas guiados por membros da Agrupación Astronómica Rías Baixas.
O programa comezará ás 21.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, alí falarase sobre o libro de Víctor Raga, e Francisco Novoa, presidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas, fará unha pequena charla divulgativa para explicar o que imos ver no monte.
Arredor das 22.00 horas farase unha merenda-cea nun parque de Gondomar e, arredor das 23.00 horas, trasladarémonos ao monte Cepudo, onde estarán agardando tres membros máis da Agrupación con telescopios para poder facer unha observación astronómica.

Con esta sesión, o Club de Lectura dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos e seus pais e nais remata a tempada 2010-2011. A actividade reanudarase tras o verán.