5/11/10

Onde hai libros hai futuro

Espazo Lectura botou a andar esta semana a campaña de fomento da lectura Onde hai libros hai futuro que consta da edición e distribución de diferentes materiais informativos e divulgativos sobre a importancia social da lectura e sobre as actividades que a asociación realiza no Val Miñor.



CHARLAS PARA AS FAMILIAS NOS CENTROS DE ENSINO

Dentro da campaña, que se desenvolverá ao longo dos próximos meses, inclúese a edición de 4000 exemplares dunha guía dirixida a nais e pais con consellos e recomendacións para fomentar a lectura dende a casa. A distribución desta guía irá acompañada dun programa de charlas-coloquio polos centros de ensino da zona nas que se ofrecerán estratexias para traballar dende a casa a lectura cos nenos e nenas como unha alternativa máis de ocio. Nas charlas participan Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Anxo Iglesias Marino, membro da directiva da asociación.

O ciclo de charlas xa comezou
O pasado martes, 2 novembro, o CEIP A Cruz-Camos, acolleu a primeira charla divulgativa. Estas son algunhas imaxes do encontro.


O próximo martes, 9 de novembro, ás 16.30h, o programa de charlas continuará no CEIP de Belesar e o ciclo estenderase ao longo das próximas semanas por diferentes centros de ensino da zona nun esforzo por favorecer o necesario diálogo sobre a lectura como ferramenta para o lecer e a aprendizaxe e, sobre todo, para tentar dinamizar o papel das nais e pais neste ámbito.

Espazo Lectura quere recoñecer e agradecer a colaboración das ANPAS e Bibliotecas Escolares dos centros de ensino da zona no desenvolvemento desta iniciativa, coa que a asociación quere dar un paso máis nunha das liñas fundamentais do seu proxecto: a formación.

No hay comentarios: