O sábado 24 de
novembro tivo lugar a sesión do Lendo contigo co escritor Daniel Ameixeiro e o
seu libro Bonifacio foi a palacio.
En canto abrimos o
libro a maxia da súa historia inundou a Biblioteca de Gondomar de imaxes que
non sabiamos se correspondían á realidade ou á fantasía. Das súas páxinas
chegou o autor nunha chuvia de palabras a coro e contounos moitas cousas sobre
Bonifacio. Logo, os personaxes, que fuxiran do libro polo burato aberto polos
nosos soños, achegáronse a nós: a Princesa Liela, o Mago Rododendro, o Príncipe
Rampante, o Príncipe Liorteiro, Adosinda, o Cabaleiro Poeta, a Raíña Meendiña,
o Doutor Ruperto... Co tempo detido o espazo era un túnel, un corredor que
conectaba a forza da imaxinación co cristal dos nosos ollos. Pero nada é para
sempre e todo ten un lugar: os personaxes debían volver ao seu mundo de
castelos e princesas, de crocodilos vexetarianos e dragonas con biberón e nós
debiamos continuar a nosa vida. Hai unha orde no universo que non se debe
alterar... Si, a mesma chuvia de palabras, a mesma fervenza serviu para pechar
o libro e que as nosas pálpebras caesen nun breve sono. Dixemos entón adeus a
Bonifacio e fomos ao seu palacio... Ou foi el quen veu a nós?
No hay comentarios:
Publicar un comentario