14/5/12
Club Lecturas Debuxadas de maio
O martes 15 de maio, a sesión do club de cómic Lecturas Debuxadas estará dedicada á novela gráfica Agencia de viajes Lemming (Astiberri) do autor portugués José Carlos Fernandes.
A cita é na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20:00 horas.
O libro
A idea para Agencia de viajes Lemming, un percorrido imaxinario polos máis improbables destinos turísticos, saíu exclusivamente da cabeza de José Carlos Fernandes, aínda que sexa unha homenaxe asumida ás cidades invisibles de Italo Calvino, esa obra mestra da imaxinación, a intelixencia e o profundo coñecemento da arquitectura das relacións humanas.
Igual que Calvino, José Carlos Fernandes tamén fala do que temos máis cerca, aínda que pareza deambular por mundos distantes. E desde Dulia, a cidade que busca desesperadamente ter algún elemento interesante, á inhóspita Manzil, que crece como un tumor a pesar de que todos os seus habitantes queiran abandonala; desde Gallupi, cidade de humores volubles e estatuas retiradas, a Kwinz, a cidade dos cemiterios, atopámonos cunha xeografía de lugares distantes que resultan estar demasiado próximos; de cidades nunca vistas que, ao final, coñecemos demasiado ben.
O autor
(Loulé, Portugal, 1964) empezou a destacar nos fanzines portugueses onde publicou numerosos traballos na década dos noventa. Entre a súa ampla obra merecen destacarse títulos como Coração de Arame, As aventuras do Barãou Wrangel, Pessoas que usam bonés-com-hélice, A última obra mestra de Aaron Slobodj (Devir, 2005), O que está escrito nas estrelas e, sobre todo, a serie A peor banda do mundo (de próxima publicación por Astiberri), que recibiu numerosos premios e atravesou as fronteiras de Portugal con traducións ao castelán, francés, polaco e eúscaro, e foi obxecto de adaptacións ao cine e ao teatro. Escribiu guións, debuxados por Luís Henriques, para Tratado de umbrografía (Devir, 2006) e A metrópole feérica.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario