Lendo para medrar
No concello de Gondomar, no sur da provincia
pontevedresa, un grupo de pais e de nais iniciaron no 2006 unha
experiencia de socialización diferente arredor da comunicación e a
lectura. Dous anos despois constituíron unha especie de asociación
veciñal que denominan Espazo Lectura e que dende entón enche de festa
participativa a contorna, tanto para adultos como para os máis pequenos.
Habilitaron as antigas dependencias dunha escola infantil, cedida
daquela polo Concello, e alí, por propia iniciativa e co apoio dalgunhas
editoras, configuraron unha biblioteca que serve de campo de
actividades lúdicas nas que participan as familias: pais e fillos,
unidos pola afección común aos libros.
Os clubs de lectura son un fenómeno relativamente
recente que opera de xeito espontáneo por todo o país. Poño de
referencia o de Gondomar pola súa eficacia, polo seu activismo, pola
imaxinación que o caracteriza e pola súa capacidade de dinamización
social. Tiven ocasión de visitalo recentemente. Son arredor de 120
socios, que o sosteñen con modestas achegas económicas, arredor de 30
euros ao ano, e case que medio cento de familias. Non precisan nin
demandan máis axuda, agás que os deixen actuar e desenvolverse. Nestes
tempos de precariedade e escaseza son un exemplo a salientar. ¿Quen di
que o país non está vivo?
Nenos e adultos. Non é a primeira vez que
saliento esta cuestión, que me parece moi importante. A lectura (a
cultura en xeral) é fundamentalmente un territorio de afectos
compartidos. Afectos e descubertas. A primeira vez que me enfrontei a un
texto literario, a emoción do texto, mesmo sen sabelo, foi da man do
meu pai, que nos metía a meu irmán e mais a min na cama nas mañás dos
domingos e nos recitaba poemas. O romance do prisioneiro, recórdoo moi
ben. Cando anos despois o profesor de literatura comentou no instituto
aquel texto eu xa o levaba dentro, non coma un produto literario senón
coma un territorio de amor, inzado de bicos. Tal é a filosofía das
xentes de Gondomar.
Dentro duns días conmemoramos o Día das Letras
Galegas. Os amigos da asociación pontevedresa celebran periodicamente as
Noites Golfas, noites de festa arredor dos libros, contacontos para os
máis pequenos, debates para os adultos arredor de textos e autores,
experiencias de banda deseñada... O espazo infantil move lectores entre 3
e 11 anos. A condición é sempre a mesma: pais e fillos xuntos. Os pais
len, contan historias aos máis pequenos, comparten con eles a alegría de
estar xuntos e descubrir xuntos os libros. Os pequenos celebran os
cumpreanos con sesións de Cumprecontos, que consiste en ler e compartir
en voz alta as historias que máis lles gustan. Ocupan espazos na vila,
facendo lecturas públicas nas que invitan a outros veciños. Acampadas
nocturnas no xardín da escoliña, sempre rodeados de historias.
Necesitamos, agora máis ca nunca, iniciativas deste tipo, que xorden da
base social, non impostas, nin programadas dende enriba. Velaquí a panca
que, se a sabemos aproveitar, ha de mover o mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario