16/5/12

Acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade

Reproducimos unha información remitida polo Instituto de Estudos Miñoranos sobre o acto dedicado a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que terá lugar este xoves, 17 de maio, ás 19:30 h, no auditorio Lois Tobío de Gondomar. O acto consistirá nun recital de poemas de Paz Andrade a cargo de empresarios do Val Miñor e na actuación do coro tradicional Cantares do Brión.

O Instituto de Estudos Miñoranos está a organizar un acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra 1899 – Vigo 1987), un dos máis poliédricos activistas do galego da nosa recente historia. Destacou, ademais, como grande empresario e, por iso, este día 17 de maio a el dedicado os seus colegas, empresarios do Val Miñor, queren renderlle homenaxe recitando poemas seus no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. Únese xenerosamente á homenaxe o coro tradicional Cantares do Brión que interpretará pezas do seu repertorio coa incorporación dunha obra creada e ensaiada para este evento ao musicar o poema "Tríadas do vento no mar", do libro Sementeira do vento. O acto será conducido polas escritoras Marta Dacosta e Rexina Vega e comezará ás sete e media da tarde do Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2012.

No hay comentarios: