6/2/12

A escritora Marica Campo, no Sete Vidas deste mes


O martes 7 de febreiro na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira (Baía Edicións 2010) da autora luguesa Marica Campo. A actividade comeza ás 20.00 horas.

Contaremos coa visita da autora
A partir das 21.00 horas, a escritora Marica Campo achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.

O libro
Confusión e morte de María Balteira é unha incursión narrativa no mundo das nosas lendas, máxico e poliédrico; unha revelación do universo feminino (a presenza dignificada de tantas mulleres que se revelan e se rebelan) adoito oculto e incomprendido; o empeño por corporeizar e materializar vellas personaxes do imaxinario popular, tan real canto ignorado; un novo deseño do histórico e mais do fantástico, tratados como formas de coñecemento rupturista... Do caos e da fragmentación aparente viaxamos, da man de Marica Campo, ao cosmos peculiar e único dun universo inequivocamente galego. Eis o convite audaz e enriquecedor que a escritora nos formula nesta ducia de novelas en síntese que encerran as páxinas de Confusión e Morte de María Balteira, a obra madura e feita que suporá, de certo, un salto cualitativo na narrativa dos nosos días.

A autora
Marica Campo naceu en Val do Mao (O Incio) en 1948. Dende sempre compaxina a docencia coa literatura. A pesar de ser moi coñecida como poeta, nos últimos anos está a destacar tamén polas súas incursións na narrativa e no teatro. Entre outros méritos, foi letrista do mítico grupo galego Fuxan os ventos.
Entre as súas obras cómpre salientar títulos como Confusión e morte de María Balteira, Memoria para Xoana, Abracadabras e a adaptación teatral do clásico de Curros Enríquez O divino sainete .

 As seguinte imaxes foron tomadas na sesión de xaneiro do Sete Vidas, cando estivo con nós o autor Miguel Anxo Fernández.






No hay comentarios: