7/2/10

Novidades no Club de lectura compartida Lendo Contigo


O sábado 30 de xaneiro iniciamos unha nova tempada no Club de lectura Lendo Contigo, destinado a nenos/as de 8 a 11 anos e os seus pais e nais. Introducimos varios cambios no formato e no desenvolvemento das sesións coa finalidade de que, por unha parte, a lectura nas casas sexa máis reflexiva e proveitosa e, por outra, que o papel dos rapaces durante as sesións sexa máis activo. Estas son algunhas das novidades:
  • A cada neno/a repartíuselle un pasaporte lector. Ao remate de cada sesión poderán selalo. Os nenos e nenas que máis visados teñan ao final da tempada recibirán unha sorpresa.
  • Ao remate de casa sesión, os nenos levan á casa unha guía de lectura sobre o libro do que se falará no vindeiro encontro con preguntas sobre os aspectos que máis lles gustaron e os que menos, un apartado para investigar arredor dalgún tema que trate a lectura e con dúas preguntas finais que teñen o aliciente de, se as acertan, poder participar no sorteo dun exemplar do libro proposto para o seguinte mes.
  • Son os propios nenos e nenas que asisten regularmente ao club os que presentan aos autores e autoras convidados.
  • Na entrada da biblioteca colocamos unha árbore espida á que lle van ir agromando follas, unha por cada novo libro lido. Arestora xa ten dúas: Valados e Violeta non é Violeta, a lectura do mes de febreiro.

O sábado 30 de xaneiro, Día da Paz, tivemos o privilexio de manter un encontro virtual co escritor Agustín Fernández Paz, con motivo da lectura de Valados, o seu último libro. Fernández Paz mantivo unha conversa cos nenos e nenas dende a súa casa a través de vídeo conferencia. O autor foi presentado por Nicolás e Erea, dous nenos que asisten a miúdo ao club.


Antes de falar co autor de Valados, comentamos o libro coa axuda da guía de lectura que todos traballaran na casa. Unha das preguntas era dicir a palabra que máis lles gustou do libro, e estas son algunhas delas:

soños, amizade, valados, recendo, bico, papavento, aguia, tardiña, sorrisos, desexos...

Tamén lles preguntamos que outro título lle porían ao libro e velaquí algunhas das respostas:

A árbore dos desexos; Reixas físicas e mentais; Todos somos iguais; Dúas cidades separadas por un muro; Alegría; Unha amizade sen fronteiras; A árbore da amizade; Os valados nunca separarán a amizade

As dúas últimas preguntas que tiñan que responder eran importantes, porque se as acertaban participarían no sorteo do libro do vindeiro mes (Violeta non é Violeta, de Xosé A. Neira Cruz). Houbo tres nenas que acertaron a resposta e a gañadora do libro foi Emma Domínguez Heduy.

A conversa con Fernández Paz foi moi enriquecedora, falounos da orixe do libro, das primeiras versións, ensinounos o orixinal manuscrito, falounos das ilustracións, dos diferentes títulos que tivo ata dar co definitivo... Despois os nenos fixéronlle diferentes preguntas sobre o libro e sobre o seu traballo como escritor.

Ao remate da sesión, vimos un audiovisual con guión do propio Agustín Fernández Paz sobre os muros existentes no mundo, visibles e invisibles, e a necesidade de alzar a voz para proclamar a necesidade de derrubalos.

2 comentarios:

nestor dijo...

Ola son Néstor…despois da sesión do Dia da Paz, e de leer o libro de Agustin, querovos falar dunha cousa positiva que se está a facer nos barrios marxinais en Caracas, -Venezuela-
Ahí ,no ano 1975 o maestro Abreu comenzou un proxecto educativo,solidario,poñendo en marcha escolas de música; facilitanlle ós nenos o instrumento, e danlles clases,organizan orquestas en cada cidade ou pobo.Asi moitos rapaces que o tiñan moi difícil para sair adiante pola sua situación social aprenden a tocar un instrumento e teñen un futuro mellor. De aquí veñen músicos como Dudamel que esta a dirixir agora a Sinfonica dos Angeles,ou Edicson Ruiz contrabaixista que está na Filarmonica de Berlín.
O proxecto funciona tan ben que directores de orquestas moi importantes como Simon Rattle da Sinfónica de Berlín ou Claudio Abbado o apoian,e promocionan o sistema por todo o mundo, tanto pola sua importancia social como por lo novedoso dun sistema educativo que pon a música, o alcance de todos.

Por si queredes saber mais acerca deste historia tan chula hai unha peli que se chama Tocar y luchar. Tamén en you tube podedes ver resumos de actuacións. Esta por exemplo http://www.youtube.com/watch?v=_El7qwib0dc é o final dos concertos Prom do 2007.

Ben e agora….alguen se anima a contar mais cousas positivas que se esten a facer para derrubar os “Valados” dos que falamos o outro día?

nestor dijo...

Ola son Nicolás, e eu tamén vou contar unha cousa positiva…En Brasil, o músico Carlinhos Brown tamen levo a cabo un proxecto solidario para intentar cambiar a situación de pobreza nas favelas, concretamente no barrio de Candeal, o seu barrio de rapaz. Alí e a partires da posta en marcha de escolas de música desenrolaron proxectos educativos que favoreceron a escolarización dos nenos, aprenderonlles a tocar instrumentos, baile…axudandolles por tanto a ter un futuro mellor. Co paso do tempo votaron a andar mais proxectos sociais, que serviron para mellorar a vida da xente de Candeal, dende rehabilitación das viviendas ata sistemas de saneamento.
Tamén neste caso hai unha peli, que se chama “El milagro de Candeal” dirixida por Fernando Trueba e que conta esta historia. E si queredes saber mais sobre Carlinhos Brown en Internet hai un montón de páxinas que falan de él e deste proxecto.

E agora? Alguén sigue a contar mais cousas importantes coma esta?