29/3/11

Susurradores de poesía na Casa da Lectura


O mércores 30, na Casa da Lectura terá lugar unha sesión para susurrar poesía. A partir da lectura de dous libros que indagan na esencia da poesía, os nenos e nenas converteranse en susurradores de poemas. En primeiro lugar, lerase Un poema para curar os peixes, de Jean-Pierre Siméon (Kókinos), e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita (Espiral Maior), e a partir deles os nenos sacarán versos das Sacas dos Poemas que logo susurrarán, coma se fosen asubíos do vento.
A sesión comezará a partir das 18.30 horas e unha hora antes a Casa da Lectura xa terá as súas portas abertas.

A actividade de dinamización lectora da semana pasada foi fantástica e entrañable. Catro nenos e nenas que participan regularmente nas actividades de Espazo Lectura foron os responsables da sesión de contacontos, posto que foron eles os contadores e contadoras. Ao final, todos os nenos e nenas tiveron oportunidade de se converter en contacontos, escribindo e lendo un conto entre todos. Que ben o fixeron! Estas son imaxes dese día.

28/3/11

Roberto Salgueiro no Lendo Contigo

Este mes o Lendo Contigo celebrouse en domingo e coincidiu co Día Mundial do Teatro. Por ese motivo, tivemos o pracer de recibir a un autor e director de pezas teatrais, Roberto Salgueiro, que escribiu, entre outros, o libro que lemos nesta ocasión: a peza dramática Valentino Rufini e Âkil Pillabán... que pola tarde puidemos ir ver ao auditorio municipal representada por Talía Teatro, dentro da programación cultural do Concello de Gondomar.

Durante a sesión do Lendo Contigo todo cheiraba a teatro na biblioteca municipal: as presentadoras de Roberto Salgueiro (Carme e Claudia, dúas "seareiras" deste club) convertéronse en fantásticas actrices que mesmo se puxeron na pel de Hamlet; Salgueiro falounos das súas obras, de como concibe el a escrita teatral, dos nervios previos á estrea ou de que unha peza teatral só adquire pleno sentido ao ser pronunciada enriba dun escenario.

Ao final, presentamos e sorteamos o libro que leremos durante o mes de abril: o poemario Abracadabras, de Marica Campo, e despois Salgueiro asinou exemplares da súa obra para os nenos e nenas lectores.


Foi unha sesión moi interesante que se completou pola tarde no auditorio Lois Tobío, cheo para ver a función.

26/3/11

Princesas, ratos, lobos e outras historias no Contomar

No Contomar do luns 28 contaremos, entre outros contos, A princesa Sabela, de Xerais, O gran libro dos medos do rato pequeno, de Patas de Peixe, e unha escolma das 28 historias para rir, de Kalandaka. Recibiremos ademais a visita especial de Cristina, profesora do CEIP Carlos Casares de Vilariño-Nigrán (socio-protector de Espazo Lectura), que nos traerá Un conto cheo de lobos, de OQO. Será no segundo andar da Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 18.00 horas.
Estas imaxes correspóndense co Contomar do luns 21, con contos e cumprecontos.

23/3/11

O Lendo Contigo de marzo celebrarase o domingo 27, Día Mundial do Teatro

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, para o Lendo Contigo do mes de marzo escollemos como lectura Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can), unha divertida obra treatral de Roberto Salgueiro publicada por Baía Edicións.

Cambio de día
A sesión trasládase do último sábado de mes (o seu día habitual) ao domingo 27, para poder contar coa presenza do autor. Coma sempre, será a partir das 12.00 horas.

E pola tarde, imos aos teatro
O propio domingo, a partir das 18.00 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, dentro da programación da Mostra de Teatro da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, teremos a oportunidade de ver a montaxe desta obra da man da compañía Talía Teatro. Dese xeito, os nenos e nenas que previamente leron o texto poderán ver como se transforma en representación teatral.

O libro
Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) é unha comedieta farsesca dirixida ao público infantil, como a define o seu autor. Transcorre en Venecia (Italia) nunha fría noite do século XVIII.
Valentino Rufini, de regreso á súa casa en Milán, é abandonado polo seu criado, que marcha con todos os seus cartos. Só e cargando co seu baúl de viaxe, decide pasar a noite nunha casa en ruínas no camiño por onde pasará a carruaxe que vai cara a Milán.
No mesmo lugar aparece coa idéntica intención Âkil Pillabán, a quen a súa ama deixara composto, sen cartos e cun baúl cheo de traxes de señora ostentosa vida a menos.
Ambos se coñecerán e compartirán a noite, e, con ela, desexos, sospeitas e medos mutuos, mentres agardan a que chegue o día e continuar as súas viaxes, pero...


O autor
Roberto Salgueiro (Caracas, 1966). Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC e DEA en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Como autor teatral foi galardoado cos seguintes premios: Premio Álvaro Cunqueiro 1988, con O arce do xardín; finalista do Premio Álvaro Cunqueiro 1989, con Historia de Neera; Premio Álvaro Cunqueiro 2000, con Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado; finalista do Premio Rafael Dieste 2001, con Matanza, Premio Álvaro Cunqueiro 2002, con Moliere final; Premio de Dramaturxia Carlos Couceiro 2002 con Apnea; Premio de Teatro Abrente 2006, con Memoria de Helena e María; Premio Álvaro Cunqueiro 2007, con Historia da chuvia que cae todos os días. É director da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1990, publicou diversos ensaios e traducións sobre a práctica teatral e dirixiu montaxes para diversas compañías de teatro e institucións públicas. Os seus traballos como director de escena e autor presentáronse en numerosas localidades de Galicia e España así como en Bélxica, Francia, Países Baixos, Noruega, Alemaña, Portugal, Marrocos, Porto Rico, Estados Unidos...


Talía Teatro
Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) foi estreada pola compañía galega Talía Teatro no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 4 de decembro de 2008.
Talía Teatro naceu no ano 1988 no Concello de Cee como grupo de teatro afeccionado vinculado á asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, entidade organizadora da Mostra de Teatro de Cee. No ano 1996, despois de se constatar a evolución da compañía e despois das boas críticas e premios, decidiu dar o salto ao sector profesional montando numerosos espectáculos.

22/3/11

Estes mércores, na Casa da Lectura, son os nenos e nenas os que contan

Este mércores, 23 de marzo, serán nenos e nenas, por primeira vez, quen se convertan en contadores de contos na Casa da Lectura.
A idea xorde dunha exitosa experiencia de contacontos interaulas realizada no colexio Souto Donas, na cal participaron como alumnos dese colexio os nenos e nenas que van facer mañá de contadores na Casa da Lectura. A experiencia terá unha carga afectiva especial xa que son nenos e nenas que asisten habitualmente ás sesións infantís de dinamización de Espazo Lectura.
Así, Ismael vai contar O ladrón de palabras; Ana e Xela, Pequeno Azul, pequeno Amarelo, e Alma e Emma, Gústame o chocolate.
Despois, todos os nenos e nenas se converterán en contadores dos contos que imos artellar en grupo. A actividade comezará a partir das 18.30 horas.

Estas imaxes correspóndense coa sesión do mércores pasado, cando recibimos a visita de Catuxa e María, dúas profesoras do CRA Antía Cal que nos contaron O nacemento do dragón con música en directo.


21/3/11

O Lecturas Debuxadas proponnos unha viaxe á realidade sociopolítica de Corea do Norte


O martes 22 temos unha nova cita co club de cómic Lecturas Debuxadas. Nesta ocasión, o cómic que centrará a charla será Pyonyang, de Guy Delisle, publicado por Astiberri. Será na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20.00 horas.

Pyongyang permitiranos descubrir como é a vida en Corea del Norte vista por un debuxante canadiano que marcha traballar como supervisor de debuxos animados europeos realizados na capital norcoreana. Estamos ante un libro que reflicte de forma maxistral o día a día nun dos reximes totalitarios máis cerrados do mundo. As sorprendentes anécdotas que conta o autor, serven de contrapunto fronte ao horror da ditadura. Pyongyang é unha reportaxe apaixonante realizada por un autor dotado dunha mirada aguda e nada compracente.

20/3/11

Contomar

Na sesión do Contomar do luns vanse celebrar varios cumprecontos e leranse, entre outros, os contos O corazón do xastre, O oso fabuloso e Onde van os bebés?

O luns pasado celebramos o quinto aniversario do Contomar coa actriz e contacontos Raquel Queizás, que abriu para nós o seu cestiño cheo de contos. Estas son varias imaxes dese día.