Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro, para o Lendo Contigo do mes de marzo escollemos como lectura Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can), unha divertida obra treatral de Roberto Salgueiro publicada por Baía Edicións.
Cambio de día
A sesión trasládase do último sábado de mes (o seu día habitual) ao domingo 27, para poder contar coa presenza do autor. Coma sempre, será a partir das 12.00 horas.
E pola tarde, imos aos teatro
O propio domingo, a partir das 18.00 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, dentro da programación da Mostra de Teatro da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, teremos a oportunidade de ver a montaxe desta obra da man da compañía Talía Teatro. Dese xeito, os nenos e nenas que previamente leron o texto poderán ver como se transforma en representación teatral.
O libro
Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) é unha comedieta farsesca dirixida ao público infantil, como a define o seu autor. Transcorre en Venecia (Italia) nunha fría noite do século XVIII.
Valentino Rufini, de regreso á súa casa en Milán, é abandonado polo seu criado, que marcha con todos os seus cartos. Só e cargando co seu baúl de viaxe, decide pasar a noite nunha casa en ruínas no camiño por onde pasará a carruaxe que vai cara a Milán.
No mesmo lugar aparece coa idéntica intención Âkil Pillabán, a quen a súa ama deixara composto, sen cartos e cun baúl cheo de traxes de señora ostentosa vida a menos.
Ambos se coñecerán e compartirán a noite, e, con ela, desexos, sospeitas e medos mutuos, mentres agardan a que chegue o día e continuar as súas viaxes, pero...
O autor
Roberto Salgueiro (Caracas, 1966). Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC e DEA en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Como autor teatral foi galardoado cos seguintes premios: Premio Álvaro Cunqueiro 1988, con O arce do xardín; finalista do Premio Álvaro Cunqueiro 1989, con Historia de Neera; Premio Álvaro Cunqueiro 2000, con Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado; finalista do Premio Rafael Dieste 2001, con Matanza, Premio Álvaro Cunqueiro 2002, con Moliere final; Premio de Dramaturxia Carlos Couceiro 2002 con Apnea; Premio de Teatro Abrente 2006, con Memoria de Helena e María; Premio Álvaro Cunqueiro 2007, con Historia da chuvia que cae todos os días. É director da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1990, publicou diversos ensaios e traducións sobre a práctica teatral e dirixiu montaxes para diversas compañías de teatro e institucións públicas. Os seus traballos como director de escena e autor presentáronse en numerosas localidades de Galicia e España así como en Bélxica, Francia, Países Baixos, Noruega, Alemaña, Portugal, Marrocos, Porto Rico, Estados Unidos...
Talía Teatro
Valentino Rufini e Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) foi estreada pola compañía galega Talía Teatro no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 4 de decembro de 2008.
Talía Teatro naceu no ano 1988 no Concello de Cee como grupo de teatro afeccionado vinculado á asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, entidade organizadora da Mostra de Teatro de Cee. No ano 1996, despois de se constatar a evolución da compañía e despois das boas críticas e premios, decidiu dar o salto ao sector profesional montando numerosos espectáculos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario