8/5/08

Vai na procura dos libros!

Como xa informamos, Espazo Lectura promove a partir deste próximo sábado unha campaña de Bookcrossing no Val Miñor, que conta coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. A iniciativa suporá a liberación de 120 libros en diferentes espazos públicos dos tres concellos para que a xente poida collelos, lelos e volver a deixalos ceibes co obxectivo de que outras persoas os atopen. O acto de prensentación da campaña terá lugar o próximo sábado, 10 de maio, ás 11 da mañá, nos xardíns do parque da Ramallosa, ao lado da antiga estación do tranvía, e contará coa presenza de representantes de Espazo Lectura e dos tres alcaldes e outros representantes das corporacións municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Esta iniciativa, que bota a andar na Semana das Letras Galegas, ten como obxectivo achegar o libro galego aos veciños e veciñas do Val Miñor, fomentar a lectura e divulgar a iniciativa do Bookcrossing na nosa zona. Os 120 libros rulantes que se van liberar foron rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e están etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros vai acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explica o espírito da campaña e o que hai que facer se se atopa un destes libros e serán distribuídos a través de centros de ensino, bibliotecas, asociacións culturais e veciñais, etc. A iniciativa tamén conta coa colaboración da editorial Galaxia e de Edicións Xerais de Galicia.
Para facilitar a busca, haberá algúns puntos fixos de bookcrossing que se farán públicos o próximo sábado á hora da solta.



1 comentario:

loli dijo...

Que todo o traballo e organización previa véxase recompensado o sábado, e sobre todo que as semillas caídas arraigen nesa fermosa terra do Val Milñor.