15/11/12

O músico Julián Hernández e o poeta Manuel Romón estarán este sábado nas Noites Golfas


O músico Julián Hernández e o poeta Manuel Romón estarán este sábado, 17 de novembro, nas Noites Golfas que celebra Espazo Lectura na Casa da Lectura, en Donas, Gondomar.
O acto, que dará comezo á 22:30 horas, titúlase "Opera aperta"e consiste nun recital performativo construído a base de combinar a palabra, a música e os silencios, establecendo un diálogo contemporáneo entre a palabra e a música.
O músico Julián Hernández, fundador e líder de Siniestro Total, e o poeta Manuel Romón ofreceranlle ao público de Espazo Lectura un recital de carácter minimalista con vocación transgresora.

Ambos os dous artistas teñen unha longa traxectoria de traballo en común desde que, a finais dos anos 70, se creara o grupo de comunicación poética Rompente na cidade de Vigo. A súa actitude de vangarda como forma de encarar a relación co proceso creativo e a súa comunicación forma parte dos espectáculos, que teñen vocación de axitar e levar a poesía e a música a espazos e escenarios novos, procurando conectar co público desde o seu carácter experimental. Este magnífico espectáculo, que Espazo Lectura se comprace en poder ofrecer no Val Miñor, realizouse en lugares como a Fundación Luís Seoane da Coruña ou o Auditorio Municipal do Concello de Vigo.

Fonte imaxe: El Mundo.

No hay comentarios: