4/11/12

Así foi o Lendo Contigo con Ramón Caride

Na primeira sesión desta tempada do Lendo contigo recibimos a visita do escritor Ramón Caride que nos veu falar do seu libro Andanzas de Xan Farrapeiro. Foi unha sesión moi animada. Na primeira parte, investigamos con Rosana algunhas das curiosidades que nos presentaba o folleto.
Tamén puidemos pintar e decorar pequenos anacos de tea para compoñer un farrapo colectivo orixinal e multicor. Logo Ramón Caride contounos como xurdiu a idea de escribir a historia de Xan Farrapeiro, unha marabillosa mestura dun conto da tradicion oral coa imaxinación e capacidade creativa do autor. Os nenos e nenas, coma sempre, preguntáronlle cousas sorprendentes. E cando xa pensabamos que todo rematara apareceu Xanfa... Si, Xanfa, o rapeiro, que por un erro fora
convocado á sesión e traía un agasallo moi especial para os nenos e nenas do Lendo: un rap dedicado ao club. Todos cantamos: “Berra comigo: Lendo contigo!”. Como despedida, Rosa, Bea e Irene ensináronnos a composición final do farrapo de Xan Farrapeiro. E así, entre raps, farrapos e libros transcorreu esta primeira sesión, da cal podedes ver unha completa crónica en imaxes.


Agardámosvos na seguinte sesión do club o 24 de novembro con Daniel Ameixeiro e o seu libro Bonifacio foi a palacio, unha sorprendente historia de familia, castelos, dragóns e princesas. Picando sobre esta imaxe podedes ver a guía de lectura que preparamos sobre o libro.

No hay comentarios: