10/1/11
O escritor Cid Cabido participará no Club de Lectura Sete Vidas para falar da súa última novela
O martes 11 de xaneiro, celébrase unha nova xuntanza do club de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, a novela escollida é Unha historia que non vou contar do autor Cid Cabido. Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00 horas.
Contaremos coa presenza do autor
A partir das 21.00h o propio autor, Cid Cabido, achegarase para compartir as impresións dos lectores e lectoras sobre o libro.
O libro
Con Unha historia que non vou contar (Xerais, 2009) o escritor Cid Cabido retorna á actualidade cunha novela que cuestiona os moldes da propia ficción. Dinamitando os cimentos da novela e partindo dun estilo depurado e persoal que sempre caracterizou ao autor, Unha historia que non vou contar conforma unha novidosa e intrigante narración protagonizada por un escritor que habita un apartamento en plena Porta do Sol viguesa, fronte ao Sereo de Leiro.
A partir dun suceso real que conmocionou o Vigo dos anos 70, a novela arrastra con voracidade ao lector por unhas páxinas ateigadas de intriga, de humor, de orixinalidade e de constantes referencias cinematográficas que conforman o particular universo literario de Cid Cabido. Unha historia que non vou contar enfronta ao lector ás miserias e contradicións da sociedade viguesa dos últimos estertores do franquismo e, ao tempo, convídao a repensar a propia construción literaria do que é unha novela, botando man dos recursos narrativos propios da non ficción. Sen dúbida ningunha, estamos diante dun gran libro, que suscitará interese e debate dos lectores e da propia crítica literaria.
O autor
Cid Cabido (1959) ten publicadas, entre outras, as seguintes obras narrativas: Días contados (1991), Premio Cidade de Lugo de Narrativa; Panificadora (1994), Premio Blanco Amor de Novela 1994; Oralmente pola boca (1997); grupo abeliano (1999), Premio Blanco Amor de Novela 1999; Fálame sempre (2003); Blúmsdei (2006); e Unha historia que non vou contar (2009), Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega 2010. Todas elas publicadas por Edicións Xerais.
Máis información
Pódese ler máis información sobre o autor e esta obra picando nesta ligazón.
Na anterior sesión do Sete Vidas tivemos un encontro co escritor Alberto Lema a teor da súa novela Unha puta percorre Europa. Estas son algunhas imaxes dese día:
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario