30/1/11

"A elegancia do ourizo" centrará a sesión de febreiro do Sete Vidas

O martes 1 de febreiro celebraremos a sesión mensual do club Sete Vidas centrada na lectura do éxito literario da escritora francesa Muriel Barbery, A elegancia do ourizo (Galaxia, 2008). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O libro

Coa súa segunda novela, Muriel Barbery converteuse en pouco tempo nunha revelación literaria, primeiro en Francia e logo en toda Europa. A elegancia do ourizo conta a historia de Renée, a porteira dun edificio do París burgués. Viúva, cativa e laída, ninguén sospeita que é máis culta ca todos os ricos finchados que moran na veciñanza. E a de Paloma, que vive na mesma casa, ten doce anos, é extraordinariamente intelixente e négase a ter como destino a vacuidade e a inepcia da existencia adulta. Cando faga trece anos, ten pensado suicidarse.

A autora

Muriel Barbery (Casablanca, Marrocos, 1969) é unha escritora francesa, profesora de filosofía, autora das novelas Una golosina (2000), traducida a doce linguas, e A elgancia do ourizo (2006) (publicada en galego por Galaxia en 2008). Esta última obra tivo un grande éxito no seu país con máis de 30 edicións e máis dun millón de exemplares vendidos, ocupou o primeiro lugar de vendas durante 30 semanas consecutivas e foi traducida a numerosos idiomas. A directora francesa Mona Achache rodou a película O ourizo baseándose nesta novela.

Para ler máis

- Reportaxe en El País
- Páxina do Club de Lectura de Pontevedra



Na sesión de xaneiro do Sete Vidas tivemos un encontro co ecritor Cid Cabido, autor da novela Unha historia que non vou contar. Estas son algunhas imaxes dese día.

No hay comentarios: