Espazo Lectura recibiu esta noite, na vila luguesa de Sarria, o Premio Irmandade do Libro 2009 na modalidade de Fomento da Lectura polo traballo desenvolvido no Val Miñor ao longo do ano 2009. Estes premios, que son concedidos anualmente pola Federación de Libreiros de Galicia, fallaronse esta pasada noite no Hotel Alfonso IX de Sarria e estiveron presentes libreiros, escritores, editores, bibliotecarios e autoridades. Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, recolleu o galardón, consistente nunha figura alegórica de bronce, deseñada para os Premios Irmandade do Libro polo artista lucense Ismael López Fernández, así como 2000 euros en libros que formarán parte do patrimonio bibliográfico da Casa da Lectura, en Donas (Gondomar). A modalidade de Fomento da Lectura ten por obxecto premiar calquera tipo de actividade realizada para o fomento da lectura, coa utilización de soportes tanto impresos como virtuais (páxinas web, internet) e que asemade contribuísen á promoción e divulgación do libro e a lectura durante o ano 2009. Na pasada edición foron galardonadas nesta modalidade as Bibliotecas Públicas do Concello de Oleiros.
A escritora Luz Pozo Garza resultou elixida gañadora na modalidade de mellor autor do ano.
Desde Espazo Lectura queremos manifestarlles aos libreiros e libreiras de Galicia, así como aos membros do xurado, o noso agradecemento polo seu apoio e confianza no noso proxecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario