1/3/10

A escritora Begoña Caamaño falaranos da súa obra no Club de Lectura Sete Vidas

Mañá martes 2 de marzo celebraremos a sesión do club Sete Vidas centrada na lectura da novela da escritora viguesa Begoña Caamaño Circe ou o pracer azul (Galaxia, 2009). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Encontro coa autora
A partir das 21.00 horas, a autora Begoña Caamaño achegarase á biblioteca de Gondomar para falar cos lectores e lectoras de Circe ou o pracer azul sobre esta novela.

O libro
Nesta novela Begoña Caamaño relata o que nunca se contou da historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea.
Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña, unha muller misteriosa que a informa de que o seu home non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas; o home dunha e amante doutra acábase convertendo só no pretexto que vai unir para sempre o destino das dúas mulleres.
A autora
Begoña Caamaño (Vigo, 1964) é xornalista. Redactora do Diario Cultural da Radio Galega, emisora na que traballa dende 1989. Antes traballou nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño El Sol. Colaborou en A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza, e é autora de reportaxes e artigos nas revistas Festa da Palabra, Silenciada e DeLiberadaMente. Circe ou o pracer azul é a súa primeira novela.

Para ler máis
- Información sobre a novela no blog de Galaxia.
- Entrevista á autora en La Voz de Galicia.
- Crítica en Cartafol de libros.

No hay comentarios: