7/12/10

A Mediateka de Bilbao, unha nova concepción bibliotecaria

Durante a viaxe a Bilbao do mes de outubro para expoñer o proxecto de Espazo Lectura nas xornadas Pequeños lectores, grandes mundos, fomos convidados a visitar a nova Mediateka da Alhóndiga de Bilbao, que ao día seguinte se inauguraba e abría ao público. A Mediateka de Bilbao é todo un exemplo do que debe ser unha biblioteca que, desde unha concepción moderna e pensada para o usuario, integra o seu servizo documental desde unha oferta multisoporte (libros, vídeos, cedés, xornais, revistas, internet, laboratorio de idiomas, etc), apoiándose nas novas tecnoloxías e no emprego funcional dos espazos.

A Mediateka, cun amplísimo horario de apertura (de 10 da mañá a 22 horas da noite os días de semana e de 11 da mañá a 21 horas da noite os sábados, domingos e festivos), e pensada para todos os públicos, conta cunha superficie de 4.000 metros cadrados repartidos en tres plantas. Trátase dun novo xeito de entender a biblioteca, o ocio e a cultura, ao servizo da cidadanía.

Desde Espazo Lectura convidamos ás distintas administracións galegas a seguir o exemplo das inciativas que se levan a cabo noutros lugares. A continuación reproducimos unha serie de fotografías que tivemos ocasión de sacar na nosa visita, guiada pola directora da Mediateka, Alasne Martín.

No hay comentarios: