Remata abril, mes do libro e da lectura, e con el remata a programación especial desenvolvida por Espazo Lectura ao longo destes 30 días. O refrán que pronunciamos hai un ano volveuse cumprir: En abril, libros mil!
Comezamos o mes cun obradoiro de ilustración a cargo de Óscar Villán, que nos explicou como é o traballo do ilustrador, dende que chega a unha editorial, pasando por como concibe e crea as ilustracións, ata que chega o momento de fabricar o libro. Con el tamén ilustraron un conto entre todos os nenos e nenas, que logo se encargou o propio Óscar de contar.
O martes 14 celebramos a sesión mensual do Club de Lectura Sete Vidas, dedicado a O soño da febre, coa particularidade de que o día 20 de abril estivo con nós na libraría Libraida o autor do libro, Miguel Anxo Murado.
Ao día seguinte do encontro con Murado, xuntáronse os participantes do club Lecturas Debuxadas, centrado este mes no cómic Aventuras de Cacauequi. Tratouse tamén dunha sesión especial porque contamos coa presenza do autor, Jacobo Fernández.
O día 23 de abril, Día do Libro, celebrouse o acto central do mes, a segunda edición do Dar de ler coma quen dá de beber. Este ano, como metáfora da necesidade de que os libros e a lectura formen parte da nosa vida diaria, celebramos unha lectura pública na praza de abastos de Gondomar, en colaboración co Concello e coa amabilidade do persoal do mercado que nos cedeu o seu posto de traballo durante unhas horas.
Como peche dos actos encadrados no mes do libro, o sábado 25 de abril estivo no Club de Lectura Compartida Lendo Contigo a autora Gloria Sánchez, que nos falou, entre outras moitas cousas, do seu libro Dez piratas.
Ademais, durante todos os luns de abril, coma sempre, os lectores máis pequenos puideron gozar cos contos do Contomar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario