13/2/08

Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros

Circula polo ciberespazo un enigmático correo electrónico que se dirixe a persoas concretas, asinado por unha misteriosa Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros que, segundo afirman «nace co firme propósito de divulgar ideas e pensamentos, e ante todo, comentar e compartir lecturas ou recomendacións literarias». Aseguran que non pretenden ser un «grupúsculo pequeno» senón «continuar un anel» e mesmo teñen un blog, aínda moi embrionario.
Ademais, fan público o seu Primeiro Pronturario Fundacional, que reproducimos:



  1. A irmandade Secreta dos Devoradores de Libros é unha alternativa á cultura que as grandes fontes de poder fan mastigar ás masas. Non é unha corrente artística, non unha forma de expresar o eu interior que todos levamos. Tan só un medio onde canalizar as experiencias (literarias polo momento) que pasan polas nosas mans e que, polo escaso público, pola pouca difusión, ou pola consciente condea de certos estamentos, resulta complicado atopar referencias.
  2. A Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros non ten un fin sectáreo ou relixioso, o seu obxectivo primeiro e último é o de imbuír dun sentimento cultural á sociedade de consumo, a cultura de lixo, ao pensamento único.
  3. Un cravel ou un crisantemo son para un locutor televisivo flores que se atopan no lugar erróneo no momento equivocado. Un cravel ou un crisantemo son para a irmandade un símbolo, un lugar, un momento, un sentir, unha ausencia, un nada, unha evocación calquera.
  4. A Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros exprésase en galego, ao tratarse, logo de milleiros de probas científicas, do idioma dos ceos.
  5. A irmandade Secreta dos Devoradores de Libros destinase a devorar literatura, a mastigala e pasala polo filtro da alma individual. É, polo tanto, unha visión parcial, valiosa e parcial, non sempre compartida, mais sempre respectada.
Os fins parecen nobres, así que lle damos a nosa benvida.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

De certo que parecen bos desexos. E por que non recibiría eu un correo de asociación con tan altos valores!! Teño ata morriña!!

paideleo dijo...

Curiosa asociación.

irmandade dijo...

Mensaxe da Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros:
Aproveitamos a liberdade que nos ofrecen estes medios dixitais para contestarvos.
- En primeiro lugar, grazas por facervos eco deste noso... proxectiño, sinceramente, grazas, fainos moita ilusión.
- En segundo lugar, en referencia aos comentarios: 1. Polo de agora aínda non somos asociación senón irmandade (todo se andará). 2. Non temos altos valores, cremos que os que ata agora pronunciamos son os básicos que toda sociedade debera defender (cultura como poder social). 3. Queremos publicar aquí o noso correo (infoirmandade@gmail.com) para que todas aquelas persoas interesadas en participar ou coñecer este proxecto se dirixan para realizar as súas consultas.

Atentamente:
Gran Maestre
Irmandade Secreta dos Devoradores de Libros