14/1/13

A escritora Rexina Vega estará este marte no Sete Vidas



O martes 15 o club de lectura Sete Vidas celebra o seu encontro de xaneiro para falar da novela Dark Butterfly (Xerais 2012) da escritora miñorana Rexina Vega.
A partir das 20:00 horas, na biblioteca municipal de Gondomar, os lectores e lectoras da novela porán en común as súas impresións sobre a obra e, a partir das 21:00h, a propia autora Rexina Vega unirase á tertulia para conversar coas persoas que se animen a participar na actividade.

Rexina Vega

O mes de decembro, a sesión do Sete Vidas estivo dedicada á novela POB. 1280, de Jim Thompson. Estas son algunhas imaxes dese día.


12/1/13

O Comando Le achégase este trimestre a "Mundos fantásticos"


Espazo Lectura lanza unha nova proposta de actividades para o Comando Le, o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos que comezou a funcionar dentro da asociación o pasado mes de outubro. As actividades do Comando Le deste trimestre xirarán arredor de dous títulos de literatura fantástica (O hobbit, de Tolkien, e Cartas de inverno , de A. Fernández Paz) e permitirannos relacionar estes libros con outros mundos: o cine, o cómic, a fotografía… A primeira actividade será ler O hobbit, de Tolkien, e irmos xuntos ao cine para ver a película El hobbit. Un viaje inesperado, o que nos permitirá despois celebrar unha sesión na que comentaremos a novela e a súa adaptación ao cine. Posteriormente celebraremos tamén unha sesión de club de lectura para comentar a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e a adaptación a cómic que fixo Antonio Seijas. As actividades deste trimestre permitirannos tamén facer un achegamento ao tema da propiedade intelectual e dos dereitos de autor.

11/1/13

Volve cargado de contos o Contomar


O luns 14 de xaneiro o Contomar volve á biblioteca de Gondomar tras a pausa de Nadal. Na sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos leremos, entre outros, os seguintes contos: O soño do galo, Amelia quere un can, Paco Trolas ou A bruxa regañadentes.
A actividade comeza ás 18:00 horas.

8/1/13

Un soño para cada mes, na Casa da Lectura


Espazo Lectura reinicia as actividades tras o Nadal coa sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura deste mércores, 9 de xaneiro.
Os soños van encher de esperanza as paredes da Casa. Durante a sesión, leremos varios contos como O home máis rixo do mundo, publicado por Kalandraka, e escoitaremos cancións como "O trenzinho do Caipira", do libro-disco Maria Fumaça publicado por Galaxia. Despois, encheremos o calendario de soños para cada mes.
Non faltedes! A actividade comeza ás 18:30 horas e, unha hora antes, xa podedes consultar os fondos da Casa da Lectura ou levar libros en préstamo.

5/1/13

Xabier Díaz e Guillerme Fernández estiveron na segunda sesión de Contos en Cueiros

O 14 de decembro de 2012 tivo lugar na Biblioteca de Gondomar, coa colaboración da Concellería de Cultura, a segunda sesión de Contos en Cueiros, a actividade de Espazo Lectura destinada a bebés de 0 a 3 anos.
Consistiu nun delicioso concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretaron para os pequechos e as súas familias o repertorio de Arrolos de Salitre, un disco que actualiza a tradición musical galega das nanas ou arrolos.
Tal e como sinalou Ana Abelenda na charla que inaugurou Contos en Cueiros, a tradición oral, desde as nanas ás cantarelas para xogar no colo, son o primeiro contacto do bebé coa literatura oral: un primeiro paso indispensable para achegar posteriormente os nenos e nenas á literatura escrita.
O concerto foi un auténtico luxo que puideron compartir numerosas familias que se achegaron á biblioteca.
Estas son as imaxes dese día:


3/1/13

María Solar na última sesión de dinamización lectora de 2012 na Casa da Lectura

A escritora e xornalista María Solar foi a encargada de pechar o ano 2012 nas sesións de dinamización lectora da Casa da Lectura.
María contou o seu conto Vou ter un irmán, publicado pola editorial Galaxia, pero antes falounos dos tipos de nacemento e xestación que se dan na natureza para logo centrarse nos nove meses de xestación humana.
Con María Solar pasamos unha tarde divertida poñéndonos na pel de todos os nenos e nenas que van ter un irmán e que se fan unha chea de preguntas: como será?, cando vai nacer?, como vai cambiar a vida da familia?


 
As sesións de dinamización lectora regresarán á Casa da Lectura o mércores 9 de xaneiro, ás 18:30 horas.

1/1/13

Espazo Lectura saudará o ano con nova web

Saudamos o ano con esta anotación publicada no minuto 00:00 do 1 de xaneiro
anunciando que Espazo Lectura celebrará o 2013 coa renovación da súa imaxe dixital. De feito, faltan unicamente 27 días para que a nova web de Espazo Lectura se abra ao público, coincidindo co quinto aniversario da fundación a asociación. Esta renovación dixital vai ser posible logo do rigoroso e estudado traballo que está a levar a cabo o equipo de profesionais de Pumpún Dixital, capitaneado por Chiu Longuina e Berio Molina, aos que desde Espazo Lectura queremos agradecerlles o enorme interese mostrado polo noso proxecto, así como o seu asesoramento.

Desde o primeiro día da fundación de Espazo Lectura, consideramos relevante a nosa imaxe corporativa, á que sempre lle demos importancia. O actual blog, que nos permitía manter unha relación fluída cos nosos socios e coas persoas que asisten ás nosas actividades, así como difundir o espírito do noso proxecto, estaba quedando desfasado ante os novos retos que esixe unha sociedade crecentemente dixital. As dificultades de financiamento que vivimos actualmente as asociacións impedíronnos dar pasos adiante nese sentido. Agora, malia o esforzo económico que supón, grazas a un sistema de financiamento que aprobamos o pasado 11 de decembro en Asemblea Xeral Extraordinaria e ás facilidades que nos ofreceron de xeito entusiasta desde Pumpún Dixital, acometemos este novo reto que vai fortalecer enormemente a nosa identidade dixital así como a nosa capacidade de comunicación.

A nova web de Espazo Lectura terá apartados para información actualizada, ofrecerá espazos específicos para os nosos Clubs de Lectura, para a Casa da Lectura, para o Contomar e outras actividades novas como Contos en cueiros ou o Comando Le. Ademais, integrará a nosa presenza nas redes sociais (Facebook e Twitter), abrirá a canle de Espazo Lectura TV e outorgará moita importancia á imaxe gráfica. Outra das novidades máis relevantes da nova web será unha axenda moi completa e áxil que permitirá o seguimento e localización de todas as nosas actividades.

Xa que logo, nada nos comprace máis que compartir con todos e todas vós esta boa nova que nos trae o ano 2013 da man dos profesionais de Pumpún Dixital. A eles, e a todos vós, moitas grazas e que o ano 2013 nos traia unha sociedade cada vez máis lectora e consciente. Nós, hoxe e todos os días, brindamos por iso.

22/12/12

Lecturas para un bo comezo de ano

Como o Nadal sempre é unha boa época para agasallar libros e para ler, recordamos os libros propostos para o mes de xaneiro nos diferentes clubs de lectura.

Animámosvos a lelos e a comezar o 2013 participando nas actividades de Espazo Lectura!

21/12/12

O Contomar celebra a sesión de despedida do ano con títeres no auditorio Lois Tobío


O domingo 23 de decembro, ás 18:00h, o Contomar despedirá o ano cunha sesión especial no auditorio Lois Tobío de Gondomar, grazas á colaboración da Concellería de Cultura. Trátase da función de títeres Fábula galénica, de Fantoches Baj.



Esta obra para monicreques de luva ten a súa orixe no texto do mesmo nome, galardoado co VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil. Nel réndese homenaxe ás narracións tradicionais, ás radios de galena e á ciencia farmacéutica. A fábula conta a historia do rei Don Cardo, que decide construír un castelo que acaba cos recursos naturais e económicos do lugar. Este feito provocará a reacción dos animais que viven nos seus dominios.

Con esta sesión especial o Contomar despídese ata despois do Nadal, cando volverá á Biblioteca de Gondomar todos os luns ás 18:00 horas con centos de contos para os cativos e cativas e as súas familias.
Estas son as imaxes tomadas na sesión do luns pasado.


 

20/12/12

O Lendo Contigo celebra o seu quinto aniversario cunha sesión conxunta co Comando Le



Este sábado, 22 de decembro, ás 12:00h, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario.
Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e FranciscoCastro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá...

O neno can é un libro de relatos nos que os autores quixeron abordar asuntos relacionados cos dereitos da infancia, ou máis ben, coa falta de dereitos básicos que unha parte moi importante dos nenos e nenas do mundo padecen hoxe en día. Así, cóntannos historias deses cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo; a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas; a discriminación de quen é diferente por calquera motivo e así carne de canón social.