26/7/10

Clubs de Lectura: primeiros títulos da nova tempada

Como o verán é unha boa época para ler, adiantamos o primeiro título co que abrirán a tempada cada un dos clubs de lectura de Espazo Lectura, que reanudarán as súas sesións en outubro.

Club de lectura compartida Lendo Contigo (para nenos e nenas e as súas familias)

Contaremos coa presenza do autor

Segundo os vellos costumes celtas e seguramente tamén os castrexos, o ano pártese en dúas estacións: verán e inverno. Non reparan e máis matices. E o paso dunha estación a outra exactamente na noite que vai do último día de outono ao primeiro día de Santos. A noite de Samaín. Claro que, se fose só isto o que os costumes celtas ou castrexos ordenasen facer, a cousa non pasaría dun cambio de aires. Non, a noite de Samaín, ademais de separar o ano, confunde o mundo do máis alá co noso munto terreal. E iso si xa é outra historia, a historia que viven neste cómic do autor de Os Bolechas os coñecidos habitantes do castro de Baroña: os Barbanzóns.


Club de lectura Sete Vidas (narrativa)

Banana Yoshimoto (Toquio, 1964) é unha das escritoras xaponesas máis relevantes dos ultimos anos. En Kitchen (1987), a súa primeira novela, narra unha historia do Xapón contemporáneo. Estrañamente, a cociña é o lugar onde Mikague se sente arroupada tras a morte da súa avoa, única persoa coa que vivía. Un día, un mozo chama á porta e ofrecelle que vaia vivir con el e coa súa nai durante un tempo. Cando o mozo lle confesa que a súa nai non é realmente a súa nai, os dous inician unha profunda amizade.


Club Lecturas Debuxadas (cómic)


Will Eisner é un dos grandes mestres do cómic mundial e Contrato con Dios é unha das súas obras máis coñecidas e admiradas. Cando se publicou por vez primeira en 1978 cambiou o rumbo da historia da banda deseñada dando á luz a primeira novela gráfica, coa que o cómic entrou no mundo adulto con historias máis maduras e profundas. Este volume recolle tres historias situadas nun mesmo barrio americano que amosan o Eisner máis conmovedor e universal.
En Viñetas desde o Atlántico, a gran cita galega do mundo do cómic que se celebrará do 9 ao 15 de agosto na Coruña, ofrécese este ano unha gran retrospectiva deste clásico americano que recomendamos visitar.

25/7/10

O Sete Vidas celebra unha sesión extraordinaria centrada en "O lapis do carpinteiro"

O venres 23 de xullo, na Casa da Lectura, Espazo Lectura celebrou unha sesión especial do club de lectura Sete Vidas onde máis de 15 persoas compartimos as nosas impresións sobre a novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro a partir das preguntas que nos realizou Todd Mack, un investigador da Universidade de Stanford que nos visitou para asistir a un dos nosos clubs de lectura e poder recabar información sobre a recepción da novela de Rivas nos lectores galegos.
Todd Mack é un estudante de doutoramento na Stanford University que está a traballar nunha tese sobre a influencia que tiveron catro novelas nas prácticas narrativas ou de memoria histórica nas comunidades que describen. As novelas son O lapis do carpinteiro (de Manuel Rivas), O fillo do acordeonista (de Bernardo Atxaga), Les veus del Pamano (de Jaume Cabré) e Beatus Ille (de Antonio Muñoz Molina).



7/7/10

Ler + durante o verán

As vacacións de verán, co tempo de lecer que proporcionan, son unha boa época para divertirse en familia lendo.
Na sección Familias da páxina web Leer.es do Ministerio de Educación, hai múltiples ideas para ler cos nenos e nenas. Tamén na páxina do Plano Nacional de Leitura do goberno portugués se pode consultar a completísima sección Ler + em família con consellos e moita información sobre como incentivar a lectura dende a casa.

1/7/10

Última sesión da tempada do Lecturas Debuxadas

Velaquí dúas imaxes da sesión do Lecturas Debuxadas dedicada á lectura de Persépolis, de Mariane Satrapi. Con esta sesión remata a tempada do club que se reanudará a partir do mes de outubro.

A fogueira dos versos iluminou a noite de San Xoán

O 23 de xuño celebramos a noite de San Xoán na Casa da Lectura arredor de A fogueira dos versos. Na primeira parte da noite acendemos o lume, soou música e compartimos sardiñas e outros petiscos. Despois reunímonos arredor do lume onde se recitaron poemas que logo se botaron ás lapas, con moita participación infantil. Como despedida, escoitamos unha das magníficas narracións orais de Cándido Pazó.
Velaquí algunhas imaxes da noite.

25/6/10

As actividades de fomento da lectura na Casa da Lectura regresan despois do verán

A Casa da Lectura despediu o pasado 16 de xuño as sesións de dinamización até despois do verán e fíxoo converténdose nun restaurante moi especial no que os clientes puideron degustar un completo Menú do Conto no que os contos daban paso a soborosos pratos inspirados nos textos. Comezamos cuns montadiños de pan e queixo preparados na cociña real do conto A pota que trota. Servíronse a continuación croquetas de Pito cairo e tortilla feita co ovo de A vaca que puxo un ovo. As sobremesas incluíron chocolate saboreado aos diferentes estilos de Gústame o chocolate e torta de amoras traída de A casa da mosca chosca. Cun servizo de camareiras de luxo e moito humor, os nenos e nenas gozaron da comida e do sabor delicioso das palabras que alimentan a imaxinación.



As actividades de dinamización lectora da Casa da Lectura reiniciaranse á volta das vacacións de verán.

Así foi a III Noite na Biblioteca

Como despedida das actividades infantís de fomento da lectura desenvolvidas ao longo do curso, por terceiro ano durmimos, a fin de semana do 19 ao 20 de xuño, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Pero antes de durmir, gozamos dun intenso programa de animación á lectura.

As actividades destinadas ao público en xeral comezaron ás sete e media da tarde do sábado diante da biblioteca, cando Alicia e o Coello Branco, acompañados de ducias de nenos e nenas, iniciaron un roteiro na busca do conto do que saíran e que perderan. Para iso, foron na procura de catro condesas que lles leron cadanseu conto en diferentes prazas de Gondomar. Tras seguir as pistas que lles proporcionaron e coa axuda da Raíña de Cozaróns atoparon o seu libro: Alicia no país das marabillas. Pero antes diso, coñeceron a Almudena Janeiro e aos seus músicos, que interpretaron as cancións do libro-DVD Contos en cantos.

Ao remtar o concerto subimos á biblioteca onde comezou a segunda parte da programación, na que participaron 33 nenos e nenas inscritos previamente. Tras a cea coas familias, despedíronse dos pais e nais, puxeron os pixamas, presentáronse aos demais coa axuda dun nobelo de la e comezaron as actividades nocturnas centradas no libro A pedra e as formigas do escritor e ilustrador Jacobo Fernández Serrano. Jacobo non puido estar con nós na biblioteca, pero deixounos un agasallo: as ilustracións orixinais do libro.


Despois, Rosana e Bea, de Espazo Lectura, fixeron unha adaptación do conto de Jacoco Fernández para teatro de sombras; deseguido, foron os actores de Casahamlet os que representaron para nós A formiga, unha divertida peza treatral baseada nese mesmo libro.


Cando remataron as actividades, máis alá da media noite, tocou meterse nos sacos e ler un chisco antes de durmir e agardar polo novo día.

Grazas ao fotógrafo Manuel G. Vicente polas marabillosas
fotografías que realizou todo o sábado e por cedérnolas para publicar neste blog.


Á mañá seguinte, espertamos con cancións e con ximnasia para afrontar un reto. Os nenos e nenas convertéronse en formigas que tiveron que transportar grandes pedras de maneira colectiva.


Como foron capaces de transportar todas as pedras sen que caesen, recibiron un agasallo: o libro sobre o que xirou toda a programación, A pedra e as formigas, dedicado para cada un dos nenos polo propio Jacobo Fernández Serrano.

Despois almorzamos e agardamos a que chegasen os pais e as nais que, sorpresa!, tamén tiveron que se converter en formigas e demostrar que sabían transportar pedras colectivamente.
Pouco a pouco a biblioteca foise baleirando. O ano que vén volveremos espertar entre libros!

21/6/10

Acendemos "A fogueira dos versos" na noite de San Xoán

O próximo mércores, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura, en Donas, Gondomar, cunha actividade na que xuntaremos poesía, lume e contos: A Fogueira dos Versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contos a cargo do actor Cándido Pazó, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira.

Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas, Gondomar) pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.




Imaxes da Fogueira dos versos, 2009


Cándido Pazó (Vigo, 1960). Autor teatral, guionista de televisión e director de escena con numerosos espectáculos estreados, entre os que destacan: O Merlo Branco (Premio Xeración Nós, 1989), Commedia (Premio Compostela 93 e Premio da Crítica do País Valenciano 94) Nano (Premio María Casares 99) O bululú do linier (Premio María Casares 2000), Ñiqui-Ñaque (Premio Max ao Mellor Texto Galego 2002) ou Binomio de Newton (nomeado para un premio Max 2003). Participa nos máis importantes foros galegos de reflexión e discusión sobre teatro, como a comisión técnica de teatro do Consello da Cultura Galega. Foi parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participar en Bruxelas na Marathon Europea de Creación Teatral. É, ademais, guionista de televisión (A familia Pita, Pratos convinados, Mareas vivas) e dedícase tamén á narración oral, pola que se sente especialmente seducido, participando en numerosos festivais e programacións de Europa e América Latina.

No ano 2008, participou no Club de Lectura Compartida Lendo Contigo de Espazo Lectura, como autor de O merlo branco.