30/6/09

A sesión de atrapacontos da Noite na Biblioteca

Anxo Moure veu montado na súa ciclobiblioteca, na cal moitos nenos e nenas puideron pasear mentres lían un conto. Despois, fixo unha sesión de atrapacontos: atrapou todas as historias que contan os montes e os bosques e transmitíullelas aos máis pequenos, para que se convirtan en protagonistas da defensa da natureza...

29/6/09

O día da Noite na Biblioteca a praza tamén estivo moi animada...

Dentro da programación ao aire libre da II Noite na Biblioteca, que comezou ás sete do serán, realizáronse catro obradoiros que tiveron moito éxito: un obradoiro de elaboración de marcapáxinas, un obradoiro de ilustración, un de cancións de conto e un "gravacontos", onde os nenos e nenas (e non tan nenos!) puideron poñer a proba os seus dotes artísticos representando un conto diante dunha cámara de vídeo.








28/6/09

A maxia da noite na biblioteca












Fotografías de Manuel G Vicente

Lecturas Debuxadas: A conta atrás

Na última sesión desta tempada do Club Lecturas Debuxadas, o pasado 16 de Xuño, falamos do cómic A conta atrás. Acudiron 15 persoas que comentaron sobre todo a historia moi ben coñecida por todos.

Os contidos serviron para reflexionar sobre todo o acontecido durante a crise do Prestige e como se moveu no seu día a política, os medios de comunicación, os mariñeiros, os voluntarios, os cooperantes, a sociedade en xeral. Unha crítica a todos os elos que formaron parte da historia.

Falouse de que era necesario unha obra na que se contase o que sucedeu, pero tamén se criticou que se utilizaran moitos tópicos típicos.

A maneira de contar a historia, indo cara atrás no tempo, foi o que máis chamou a atención no apartado formal.

Esperamos que se que publique a segunda parte para comprobar como conta o inicio da historia tristemente lembrada por todos.



Na segunda parte da sesión compartimos unha serie de títulos como recomendacións de lectura para o verán.

As recomendacións da xente que acudiu ao club:

El arte. Juanjo Sáez
Historias de los niños sobrenaturales. Luis Bleinstein e Ramón Trigo.
Ghost world. Daniel Clowes.
Di algo. Flix.
Batman (El regreso del señor de la noche). Frank Miller.
Algún cómic de Mezzo y Pirus.
Café Budapest. Zapico
Gipi.
Blueberry.
Berlín. Jason Lutes.
Algún cómic de Robert Crump.
Todo Paracuellos. Carlos Giménez.

Outros títulos dos autores que lemos no club:

Tanxencias, Stratos, Quotidianía Delirante, Fragmentos de la enciclopedia délfica, Trazo de tiza. Miguelanxo Prado.
Línea de fuego, Vida de perros, El retorno a la tierra (3 vol.). Manu Larcenet.
La virgen de plástico. Pascal Rabaté.
Las calles de arena, Emotional Word Tour (con Miguel Gallardo). Paco Roca.
Os amigos de Archimboldo Roque. Jacobo Fernández.
Lupus (4 vol.), Koma (6 vol.), R&G (2 vol.). Frederik Peeters.

25/6/09

Este sábado durmimos na biblioteca!


O vindeiro sábado, 27 de xuño, Espazo Lectura celebra, coa colaboración do Concello de Gondomar, a segunda edición da Noite na Biblioteca. Por segundo ano, un grupo de 31 nenos e nenas durmirán na Biblioteca Municipal entre palabras, contos e moita maxia. Pero antes de poñer o pixama haberá unha manchea de actividades co libro e a lectura como protagonistas.

O programa consta de dúas partes:

A primeira parte, de acceso libre, celebrarase no exterior a partir das 19.00 horas e está destinada a nenos e nenas de todas as idades. Se a meteoroloxía o permite, será na Praza de Portugal, diante da biblioteca; en caso de que chova, desprazarase a unha carpa situada na alameda.
Os nenos e nenas poderanse inscribir en diversos obradoiros (de ilustración, de elaboración de marcapáxinas, de cancións de conto, de interpretación...). Tamén contaremos coa presenza de Anxo Moure, o Carballo con Botas, que virá montado na súa ciclobiblioteca ateigada de libros e que nos vai agasallar cunha sesión de atrapacontos.

A segunda parte do programa comeza ás 22.00 horas. Será no interior da biblioteca e asistirán os nenos e nenas que se inscribiron previamente. Gustaríanos que fosen moitos máis, pero as limitacións do espazo fan que só poida participar un número reducido.
Logo de cear coas familias, chega o momento de lavar os dentes e poñer os pixamas para que dea comezo unha noite chea de emocións. A biblioteca vaise converter nun lugar de engado coa presenza do Mago Cali, que fará que descubramos A Maxia da Lectura a través do libro Ó outro lado do sombreiro, de Carles Cano, que será agasallado aos participantes grazas á colaboración de Edicións Xerais de Galicia.
Despois da sesión de maxia, leremos contos antes de nos meter nos sacos de durmir e apagar as luces.

Á mañá do domingo, espertaremos con xogos e cancións e almorzaremos todos xuntos. Será o momento de recoller os sacos, as zapatillas e os pixamas; recibir as familias e agardar ata o próximo ano para volver vivir unha noite na biblioteca.

23/6/09

Merenda con contos na Casa da Lectura

A Casa da Lectura acollerá mañá mércores, 24 de xuño, a última actividade antes das vacacións do verán: unha merenda con contos. Ás 18.30 horas haberá unha sesión de contacontos con contos que falan das comidas: Cocorico, A casa da mosca chosca, Unha eiruga moi larpeira ou O gato lambón. Ao remate da sesión, Espazo Lectura convidará a todos os nenos e nenas a unha merenda de conto na que haberá froita, galletas e biscoitos.
Con esta merenda con contos, Espazo Lectura despide ata setembro a súa programación infantil na Casa da Lectura, que incluíu sesións de contacontos e, a semana pasada, un obradoiro de ilustración con Chus Ferrín no que os nenos e nenas puideron ver diferentes propostas plásticas de sereas e presentar ante os demais a súa propia serea, ao tempo que aprendían que, lamentablemente, no mar hai de todo... Grazas, Chus!

22/6/09

A fogueira dos versos

O próximo martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntaremos poesía, lume e contos: a fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego.
Non será unha fogueira grande, senón un pequeno lume para realizar unha actividade en torno á lectura. Esta actividade de lume e palabras da Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. As persoas que asistan poden levar algún poema breve para ler arredor do lume e, se o desexan, algo de comida para compartirmos na primeira parte da noite.

Santi Prego (Vigo, 1962) é contacontos especialista en narración oral, actor de cine, teatro e televisión e director teatral, así como autor de diversas publicacións especializadas. O seu traballo como contacontos desenvolveuse en salas, bares e teatros e en programas de distintas universidades, así como na Radio Galega e no programa da TVG "Apaga a lus". Participou, ademais, como narrador oral, nas campañas de animación á lectura da Consellería de Cultura. Como actor de teatro comezou en 1987 coa Escola Dramática Galega e traballou para diversas compañías como Ollomol Teatro, Producións do Noroeste, Bucanero, Teatro do Atlántico, Centro Dramático Galego, etc. Como director, exerceu con Teatro Buratini ou Bucanero, entre outras. En televisión, participou en series como El Comisario ou Hospital Central (Telecinco), Mareas vivas e Terra de Mirnada (TVG), entre outras moitas. Así mesmo, foi actor de cine en longametraxes dirixidos por Ángel de la Cruz, Jorge Coira, Antón Reixa, Patricia Ferreira, Manuel Gutiérrez Aragón ou José Luis Cuerda.

21/6/09

Visita á Biblioteca Almeida Garret de Porto

A pasada semana, a Oficina de Formación de Espazo Lectura organizou unha viaxe a Porto, para visitar na cidade portuguesa diversos espazos dedicados ao libro e á lectura. Era unha nova saída para coñecer lugares, eventos ou iniciativas relacionadas co libro e a lectura que teñan interese para a experiencia e formación das persoas que colaboran activamente coa asociación.
Xa que logo, o sábado 13 de xuño, un grupo de persoas de Espazo Lectura visitaron as instalacións da Biblioteca Municipal Almeida Garret de Porto, onde unha das bibliotecarias, Maria Jõao Sampaio, tivo a xentileza de ofrecer unha visita guiada a través das intalacións, acompañándo o grupo a través dun percorrido que foi descubrindo todos os espazos da fermosa biblioteca portuguesa: as distintas salas de lectura para diferentes idades, o espazo para visionado de filmes e escoita de música, a bebeteca, a sala de contacontos, a hemeroteca, os postos para acceder á rede wi-fi e unha ampla sala de exposicións.



Finalmente, os membros do grupo de Espazo Lectura que se deprazou a Porto tiveron un interesante encontro con Maria Jõao Sampaio nunha das salas de traballo da institución, a fin de intercambiar impresións, recibir información e establecer lazos de amizade entre a Biblioteca Almeida Garret e Espazo Lectura. Durante a agradable tertulia con Maria Jõao Sampaio o grupo púxose ao día acerca da infraestrutura bibliotecaria de Porto, do Plano Nacional de Leitura, da dotación bibliotecaria da Almeida Garret e do seu catálogo, facendo un repaso polas diversas actividades de fomento da lectura que desenvolven. Finalmente, Espazo Lectura agasallou a biblioteca portuguesa cun exemplar de Os ollos do Contomar.


Pola tarde, o grupo de Espazo Lectura achegouse a visitar a marabillosa Livraria Lello e Irmao, fundada en 1906 e emprazada nun edificio de estilo modernista. En 2008, o xornal inglés The Guardian considerouna a terceira libraría máis bela do mundo.
A continuación, o resto da tarde empregouse en visitar a interesante Feira do Livro de Porto, que alcanzaba este ano a súa 79 edición e que retornou á Avenida dos Aliados para reencontrarse co público nun horario de apertura que duraba até as doce da noite nas fins de semana.





19/6/09

As Redes Escarlata premian o IEM

O sábado, día 20 de xuño, a partir das 12.30 horas, terá lugar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, o acto de entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño que a asociación sociocultural Redes Escarlata outorgou ao Instituto de Estudos Miñoranos.

O acto, presentado polo escritor Anxo Angueira, desenvolverase co seguinte programa:
12.30 horas. Representación de Unha historia da lingua, a cargo das alumnas e alumnos do Colexio da Cruz, de Camos (Nigrán).
13.15 horas. Recital poético das Redes Escarlata.
13.30 horas. Exposición dos motivos do premio, pola escritora e ceramista Elvira Riveiro e entrega do premio.
14.00 horas. Clausura do acto a cargo do alcalde de Gondomar. A continuación terá lugar un xantar de confraternidade.

17/6/09

Xabier P.Docampo presenta o seu último libro na libraría Libraida

A libraría Libraida acolle o venres 19 de xuño, ás 20.30 horas, a presentación de O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais), a última obra de Xabier P.Docampo, ilustrada por Xosé Cobas Gómez.
Ao acto asistirán o autor e o ilustrador e estará presentado polo escritor e profesor Gonzalo Navaza.

Xabier P. DoCampo: naceu en Rábade (Lugo 1946). A súa obra conta con preto de trinta títulos. Recibiu numerosos premios, entre eles, o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, en 1995. É membro do Consello de Redacción da Revista de Literatura Infantil Fadamorgana e mais do equipo de redacción da Revista de Arte y Literatura Infantil Bloc.

Xosé Cobas Gómez: naceu en Logrosa - Negreira (A Coruña, 1953). A súa traxectoria profesional está ligada ao mundo da pintura e do deseño gráfico. A comezos dos anos 80 toma contacto coa ilustración. Dende aquela publicou numerosos libros, gañou varios premios e participou en diversas exposicións de ilustración nacionais e internacionais.

O Libro das Viaxes Imaxinarias: Premio Isaac Díaz Pardo do libro ilustrado 2008; Premio Irmandade do Libro 2008 da federación de librarías; Premio AELG na categoría de mellor libro infantil e xuvenil.

16/6/09

Obradoiro coa ilustradora Chus Ferrín na Casa da Lectura

A ilustradora Chus Ferrín vai impartir mañá mércores, 17 de xuño, ás 18.30 horas, na Casa da Lectura, un obradoiro titulado "O que hai no mar". A actividade está dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos e vai incluír lendas sobre sereas, mostras de traballos de ilustración feitos a partir de recursos que se poden obter no mar e unha parte final na que serán os propios nenos os que fagan unha proposta de ilustración.
Este obradoiro forma parte da programación que a Casa da Lectura está a ofrecer todos os mércores de 17.30 a 19.30 h.

Chus Ferrín naceu en Vigo en 1968. É licenciada en Belas Artes na especialidade de Pintura. As súas obras foron obxecto de diversas exposicións e tamén recibiu o premio de escultura Cidade de Lugo. No campo da ilustración para literatura infantil e xuvenil publicou A encontadora (2003), Buguina namorada (Xerais, 2003), Contos prodixiosos (Xerais, 2004), Unha de lobos (Baía, 2005), O ladrón de paxaros (Baía, 2006) e Bertiño Rompetodo (Xerais, 2008), entre outros.

Chus Ferrín xa colaborou anteriormente con Espazo Lectura. Aquí podedes ver un pequeno vídeo do obradoiro de ilustración impartido o 2 de abril de 2008 na Biblioteca Municipal de Gondomar, con motivo da celebración do Día Infantil e Xuvenil.

Aberto o prazo para a II Noite na Biblioteca

A partir de hoxe, 16 de xuño, queda aberto o prazo para inscribirse na II Noite na Biblioteca que Espazo Lectura organiza, coa colaboración do Concello de Gondomar, a noite do 27 ao 28 de xuño na Biblioteca Municipal. Igual que o ano pasado, a actividade terá dúa partes:
1) A 1ª parte (de 19:00h a 21:30h), será totalmente aberta a nenos e nenas de todas as idades, con obradoiros e paseos lectores en ciclobiblioteca, así como unha sesión de atrapacontos con Anxo Moure.
2) Na 2ª parte, a partir das 21:30h comezan as actividades da noite, dirixidas a nenos e nenas de 6 a 11 anos.
Dispoñemos de 30 prazas e terán preferencia, en primeiro lugar, os fillos e fillas de socios/as de Espazo Lectura e, en segundo lugar, os nenos e nenas que participaron ao longo do curso nas nosas actividades estables de fomento da lectura (Contomar e Club de lectura compartida Lendo contigo).

Durmiremos na biblioteca en colchonetas e con sacos de durmir.
Se estades interesados en que o voso fillo ou filla quede a durmir na biblioteca podedes mandarnos un correo electrónico (espazolectura@espazolectura.org) ou chamar ao 619.29.29.91. O prazo de inscrición remata o luns 22 de xuño.

Nos vindeiros días publicaremos información máis detallada da actividade.