16/3/11

Espazo Lectura recolleu en Lugo o Premio Fernández del Riego

O sábado 12 de marzo a directiva de Espazo Lectura desprazouse a Lugo para asistir á VI Noite da Edición, unha gala na que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores.
Durante a gala, a presidenta de Espazo Lectura recolleu o Premio Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural 2010, galardón que o gremio de editores fixo público o mes de febreiro pasado. Concha Costas agradeceu a concesión deste premio, e dixo que pertence a moita xente que colabora desinteresadamente con Espazo Lectura, entre a que se atopan as 11 editoriais socias protectoras da asociación. Tamén dixo que o premio dá azos para continuar a traballar a prol do fomento da lectura e do libro galego e en galego.

14/3/11

Profesoras do CRA Antía Cal visitan a Casa da Lectura

Este mércores, a Casa da Lectura recibe a visita das profesoras do Centro Rural Agrupado Antía Cal de Gondomar. Entre outros contos, lerannos O nacemento do dragón. A través desta lectura coñeceremos a orixe desta criatura mítica que en Asia é sinónimo de paz e que foi creada en tempo inmemorial polos nenos e nenas de diversas tribos chinesas.
A actividade comezará a partir das 18.30 horas e a Casa da Lectura xa estará aberta unha hora antes para os lectores e lectoras que queiran achegarse a ela.

A anterior actividade de dinamización lectora na Casa da Lectura estivo dedicada ao entroido. Estas son algunhas imaxes dese día.


12/3/11

Quinto aniversario do Contomar


O luns 14 de marzo Espazo Lectura celebra na Biblioteca Municipal de Gondomar o 5º aniversario do Contomar, as exitosas sesións de contacontos semanais que foron o xermolo do que hoxe é Espazo Lectura.
Para celebralo, contarase coa presenza dunha convidada especial, a actriz e contacontos Raquel Queizás que narrará os seus “Contos do cestiño”, unha recompilación de contos populares e lendas para os máis pequenos.
A cita será o luns 14 de marzo a partir das 18.00 horas no segundo andar da Biblioteca Municipal de Gondomar.

Estas son algunhas imaxes do Contomar do 28 de febreiro.


11/3/11

O sábado 12 de marzo: Asemblea Xeral Ordinaria

O próximo sábado 12 de marzo ás 11.30 horas, en primeira convocatoria, e ás 12.00 horas en segunda, Espazo Lectura celebrará a Asemblea Xeral Ordinaria de 2011 que terá lugar na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas-Gondomar).
Nesta Asemblea Xeral, na que, entre outros puntos, se integrarán novos socios e socias (tamén protectores), a Xunta Directiva de Espazo Lectura presentará a memoria de actividades e de tesourería do pasado ano e someterá a consideración da asemblea os proxectos de futuro e o novo orzamento.
Animamos a todos os socios e socias a que asistan e participen.

9/3/11

Espazo Lectura no Centro de Día Atalaia

Espazo Lectura colaborou co Centro de Día Atalaia de Vigo realizando unha sesión de contacontos a cargo de Rosana Estévez. A páxina web do Consorcio Galego de Servizos Sociais recolle así a noticia:

O Centro de día Atalaia de Vigo acolleu unha actuación de contacontos que reuniu a un público de moi diversas idades e procedencias. Así, entre os asistentes había dende nenos e nenas de 2 anos ata maiores que xa cumpriran os 99, e tamén persoas residentes na cidade pero procedentes de países como Marrocos, Senegal ou Romanía.

Así, unha contacontos da entidade Espazo de Lectura, unha asociación que fomenta a lectura e a consideración do libro como elemento socializador e educativo, relatou as historias "A que sabe a lúa", "Cocodrilo", "Cocorico" e "Coco e a lúa" e conseguiu divertir e facer rir a ese público tan diverso.

Esta actividade enmárcase nun programa desenvolvido dentre hai tres anos entre o Centro de día Atalaia e o Plan Comunitario de Teis, unha iniciativa que permite a nais procedentes doutros países e residentes en Vigo asistir a clases nun instituto mentres os seus nenos fan actividades cos maiores do Centro de día. Esta actividade transcurre durante o curso escolar dúas tardes á semana.


Moitas grazas a todo o persoal do centro Atalaia pola súa colaboración nesta experiencia. Estas son máis imaxes dese día, tomadas polo fotógrafo Manuel G. Vicente.

7/3/11

No Lendo Contigo de febreiro quitámoslle a roupa aos libros


O sábado 26 de febreiro celebrouse a sesión do Lendo Contigo centrada na lectura da obra Cama e conto, do escritor Gonzalo Moure. Este conto, que reflexiona sobre a importancia da lectura na infancia, foi unha grande oportunidade para afondar no mundo da creación, edición e produción de libros.
Da man de Fran Alonso, tradutor de Cama e conto, e Anaír Rodríguez, editora deste libro, quitámoslle a roupa aos libros e descubrimos todo o que se agocha detrás de cada un dos exemplares que lemos.

Nesta ocasión o escritor Gonzalo Moure non puido estar presente en Gondomar, pero acompañounos a través dun vídeo no que explicou as claves da historia de Malva, a protagonista de Cama e conto.


A través do visionado doutro vídeo tamén soubemos que é o Bubisher, un proxecto no que están implicados "Escritores por el Sáhara", grupo do que forma parte Gonzalo Moure.

Deseguido, preguntámonos sobre as posibles formas e tamaños dos libros e sobre que é e que non é un libro, e descubrimos que ás veces as fronteiras non son tan doadas de delimitar.


Despois fixemos un percorrido a través da historia do libro, dende o papiro ata o libro electrónico. Tamén vimos como funciona unha imprenta e aprendemos que os libros tamén teñen lombo e que poden vestir camisa.

Na segunda parte da sesión coñecemos o traballo que se leva a cabo nunha editorial: dende que o autor ou autora presenta o orixinal dunha obra ata que esta se entrega á imprenta, pasando polo proceso de ilustración, maquetación e corrección dos textos. Por último, soubemos como se calcula e como se reparte o prezo dun libro.

Antes de rematar fixemos o sorteo, entre todos os nenos e nenas que acertaron as superpreguntas da guía de lectura, da obra de teatro de Roberto Salgueiro que imos ler o mes que vén e selamos o pasaporte lector.

4/3/11

Vichelocrego Teatro, novo socio protector de Espazo Lectura

Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Vichelocrego Teatro, que se incorpora como socio protector da asociación.
Vichelocrego Teatro é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como finalidade a promoción do teatro. A súa sede social atópase en Gondomar. Constituíuse como tal no ano 1999 partindo da necesidade de manter e consolidar un grupo emerxente de afeccionados e cultivar ao mesmo tempo esa afección no ámbito do teatro escolar. A partir da creación da asociación fúndase, no mesmo ano, o grupo de teatro de igual nome.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Vichelocrego Teatro súmase así a outros colaboradores que xa forman parte de Espazo Lectura como, El Patito Editorial, Ir Indo, Rinoceronte, Patasdepeixe, Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira, Xerais, Berrobambán e diferentes centros de ensino do Val Miñor. Deste xeito, entre editoras, empresas e asociacións culturais e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 22 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.

2/3/11

"En clave de conto" pasou por Gondomar

Música, literatura e ilustración combináronse nas actividades En clave de conto, unha iniciativa de OQO editora dentro da campaña Bocaberta promovida pola SXPL, que estivo en Gondomar xestionada por Espazo Lectura os días 19 e 25 de febreiro.
As actividades, dixiridas a un público familiar, pretenderon achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e tamén no da escoita, para educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a nosa lingua.

Concerto-espectáculo teatral A NENA E O GRILO
O día 19 de febreiro o auditorio Lois Tobío de Gondomar encheuse para ver e escoitar este espectáculo baseado no conto-cd A nena e o grilo.


Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ
O 25 de febreiro, a Biblioteca Municipal acolleu o obradoiro destinado a familias con escolares de 3 a 5 anos. A partir da canción "Cri-cri" de A nena e o grilo xogouse a identificar as distintas linguas do tema e o seu idioma principal: o galego. Estas son algunhas imaxes dese día.

1/3/11

O entroido chega este mércores á Casa da Lectura

A partir do conto Os Bolechas van de entroido, imos ir na procura do entroido por diferentes países (Brasil, Colombia, Venecia...), ata chegar ao entroido de Laza, en Ourense. Ao final, converterémonos todos e todas en peliqueiros.

Esta sesión de dinamización lectora será o mércores 2 de marzo a partir das 18.30 horas na Casa da Lectura.

As seguintes imaxes correspóndense coa sesión do mércores pasado.