O sábado 26 de maio
celebramos a última sesión desta tempada do club de lectura compartida Lendo Contigo. Durante este curso tivemos de todo: libros estupendos, gravacións en vídeo, limericks, lecturas públicas
colectivas e compartidas, obras de teatro abreviadas, galiñas azuis,
receitas urxentes, golfiños...
E para a despedida
preparamos unha sesión especial en moitos sentidos: era a primeira
vez que non tiñamos proposto un libro de lectura, que realizabamos
a actividade na Casa da Lectura e que faciamos un obradoiro sobre a
historia da escritura, o libro e a imaxe impresa.
Para tan novidosa sesión
contamos coa presenza de Xose Valtierra, especialista en divulgación de patrimonio histórico, que fixo con nós
un interesantísimo percorrido pola historia da escrita e do libro desde o
Paleolítico ata a Idade Media, sen esquecer os exipcios, os romanos
ou os árabes. Papiros, pergamiños ou imprentas foron algúns dos
materiais dos que nos falou e aprendemos, por exemplo, como se facían
os primeiros contratos económicos ou de troco cunhas bólas de barro
nas que se gravavan os acordos. Agradecémoslle a Xose que
viñese a compartir con nós todos os seus coñecementos sobre como
eran as cousas na antigüidade.
Como peche celebramos o
remate do club cun xantar compartido e quedamos citados para finais
do mes de outubro, cando o Lendo Contigo abrirá de novo as súas
portas aos segredos que agochan no seu interior os libros.
Mentres tanto, quedades coa
crónica fotográfica desta última sesión. Que teñades un verán
cheo de amigos e amigas, de sol e de libros!
No hay comentarios:
Publicar un comentario