Noite na bibliotecaA pasada fin de semana vinte e seis rapaces e rapazas quedaron durmir unha noite na biblioteca de Gondomar. Unha experiencia moi innovadora e atrevida, organizada polo colectivo Espazo Lectura coa colaboración do concello de Gondomar, destinada a fomentar a lectura e o interese polos libros entre os rapaces e rapazas de seis a once anos. As actividades comezaron no serán do venres cun pasacorredoiras a cargo da sección xuvenil “Vichelocrego Teatro” e coa actuación de contacontos e do grupo de música infantil Mamá Cabra na praza de Portugal, transformando así as rúas da localidade miñorana nun espazo para escoitar e gozar das palabras. Chegada a noitiña, os participantes e os seus monitores converteron a biblioteca en ceador improvisado onde compartiron viandas preparadas na casa e a ledicia de cear arroupados por milleiros de libros. Antes de rematar o día do solsticio (o máis longo do ano) e despois de lavar os dentes, vestidos xa cos seus pixamas, estes auténticos leóns da lectura participaron nunha “noite meiga”, onde non faltaron os contacontos e un pequeno recital de poemas preparado polos seus monitores. Antes de prender no sono, agarimados pola dozura dos seus sacos e colchonetas, os xoves lectores e lectoras miñoranos aínda tiveron unha nova oportunidade de arrolarse cos seus libros máis amados. E co mencer, acordaron con cancións e, antes do almorzo compartido, volveron ao acubillo proporcionado polos libros. Ás dez da mañá saíron para as súas casas contentos coma cucos, con moitas cousas novas para contar e cantar. Todo un éxito!
Esta interesantísima e novidosa actividade de Espazo Lectura –un modélico colectivo de fomento da lectura, formado por oito persoas e cunha ampla rede de colaboradores (ao longo de todo o ano organiza os ciclos “Contomar” e “Lendo contigo”, amais de actividades de formación de mediadores familiares en lectura)– recolle con características propias o fío prendido por experiencias semellantes (“Pixamas às letras”) realizadas dende hai catro anos en Portugal, nas bibliotecas municipais de Oeiras, de Algés e de Carnaxide con motivo da celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil (2 de abril). En todos os casos, estas experiencias, que chaman a atención dos medios, salientan a importancia do papel da biblioteca pública como eixo da vida cultural dunha comunidade local e o da lectura (e por extensión dos libros) na conformación dunha nova cidadanía.
Alén da importancia da vivencia para os seus participantes, sen dúbida dispostos a repetila o vindeiro ano, esta gozosa noite gondomareña puxo de relevo que é posible transformar a biblioteca pública no fogar primeiro das palabras e dos libros. Unha biblioteca que é casa primeira dos libros; lareira da actividade lectora realizada sobre os diversos soportes (dende os impresos aos dixitais ofrecidos nas pantallas); sollado privilexiado para visibilizar aos autores e autoras e para compartir cos lectores e lectoras a súa creación; adro de encontro interxeracional dos clubs de lectura… Como demostra esta experiencia de Espazo Lectura é posible mergullar dentro das instalacións e actividades da biblioteca a ledicia argallada polo balbordo entusiasta dos picariños co acougo proporcionado polos textos impresos, xa que é, en definitiva, o espazo especializado para compartir a lectura e a vida.
A pesar destas valiosas experiencias do voluntariado pola lectura (un fenómeno recente, interesantísimo) e do esforzo dos actuais responsables da Consellaría de Cultura e Deporte, o número, as instalacións, os fondos, os recursos humanos e técnicos dispoñibles da rede de bibliotecas públicas galegas é claramente insatisfactorio. O funcionamento da nosa rede de bibliotecas presenta carencias clamorosas (o ermo bibliotecario vigués continúa sendo vergonzoso), que nos impiden abandonar o vagón de cola dos índices de lectura; insuficiencias mais inadmisibles, aínda, no marco da actual sociedade da información dixital, no que a biblioteca pública (como sinalan todas as recomendacións internacionais) debera xogar un papel sobranceiro no proceso de alfabetización informacional da cidadanía de todas as idades.
A refundación do modelo actual de biblioteca pública sitúase en Galicia como primeiro obxectivo das novas políticas de fomento da lectura (non esquezamos que temos un plan de lectura en marcha) e como o alicerce máis sólido sobre o que desenvolver as políticas culturais de cada comunidade local. A exitosa experiencia desta noite na biblioteca en Gondomar e das actividades do colectivo de voluntariado de Espazo Lectura amosa que este é un vieiro que pode contribuír a aumentar o número de lectores e a conformar o seu criterio lector. Fomentar a lectura é formar cidadanía.Manuel Bragado
30/6/08
Campo de Granada
O artigo dominical de Manuel Bragado (Campo de Granada) no Faro de Vigo de onte estaba dedicado á noite na biblioteca organizada por Espazo Lectura. Bragado é unha das persoas que máis escribe sobre temas relacionados coa lectura e o seu fomento, moi especialmente desde o seu blog Brétemas. No artigo, denunciábase tamén o grave déficit de dotación das bibliotecas públicas galegas. Desde Espazo Lectura, vaia o noso agradecemento polas súas palabras.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario