1/1/13

Espazo Lectura saudará o ano con nova web

Saudamos o ano con esta anotación publicada no minuto 00:00 do 1 de xaneiro
anunciando que Espazo Lectura celebrará o 2013 coa renovación da súa imaxe dixital. De feito, faltan unicamente 27 días para que a nova web de Espazo Lectura se abra ao público, coincidindo co quinto aniversario da fundación a asociación. Esta renovación dixital vai ser posible logo do rigoroso e estudado traballo que está a levar a cabo o equipo de profesionais de Pumpún Dixital, capitaneado por Chiu Longuina e Berio Molina, aos que desde Espazo Lectura queremos agradecerlles o enorme interese mostrado polo noso proxecto, así como o seu asesoramento.

Desde o primeiro día da fundación de Espazo Lectura, consideramos relevante a nosa imaxe corporativa, á que sempre lle demos importancia. O actual blog, que nos permitía manter unha relación fluída cos nosos socios e coas persoas que asisten ás nosas actividades, así como difundir o espírito do noso proxecto, estaba quedando desfasado ante os novos retos que esixe unha sociedade crecentemente dixital. As dificultades de financiamento que vivimos actualmente as asociacións impedíronnos dar pasos adiante nese sentido. Agora, malia o esforzo económico que supón, grazas a un sistema de financiamento que aprobamos o pasado 11 de decembro en Asemblea Xeral Extraordinaria e ás facilidades que nos ofreceron de xeito entusiasta desde Pumpún Dixital, acometemos este novo reto que vai fortalecer enormemente a nosa identidade dixital así como a nosa capacidade de comunicación.

A nova web de Espazo Lectura terá apartados para información actualizada, ofrecerá espazos específicos para os nosos Clubs de Lectura, para a Casa da Lectura, para o Contomar e outras actividades novas como Contos en cueiros ou o Comando Le. Ademais, integrará a nosa presenza nas redes sociais (Facebook e Twitter), abrirá a canle de Espazo Lectura TV e outorgará moita importancia á imaxe gráfica. Outra das novidades máis relevantes da nova web será unha axenda moi completa e áxil que permitirá o seguimento e localización de todas as nosas actividades.

Xa que logo, nada nos comprace máis que compartir con todos e todas vós esta boa nova que nos trae o ano 2013 da man dos profesionais de Pumpún Dixital. A eles, e a todos vós, moitas grazas e que o ano 2013 nos traia unha sociedade cada vez máis lectora e consciente. Nós, hoxe e todos os días, brindamos por iso.

1 comentario:

Pumpun Dixital dijo...

Para nós, Pumpuneros, é un pracer traballar en proxectos como o voso, que só se pode aplaudir e desexarlle futuro.

Grazas a vós de todo o equipo Pumpún