1/12/11

Iníciase o proceso de desafectación do espazo que hoxe ocupa a Casa da Lectura


O pleno do Concello de Gondomar aprobou hoxe por unanimidade iniciar formalmente o proceso de desafectación da casa do mestre e da antiga escola de preescolar de Donas, espazo que hoxe ocupa a Casa da Lectura. Logo desta aprobación do pleno, o Concello terá que enviarlle a solicitude e a documentación necesaria á Consellería de Educación, que será a que decida finalmente a desafectación do inmoble para que o Concello de Gondomar poida dispoñer do seu uso. Espazo Lectura solicitáralle xa á anterior corporación municipal que se iniciasen os trámites deste proceso e reiterou logo esa petición dentro das 6 propostas que lle presentou aos partidos políticos que se presentaban ás pasadas eleccións municipais. Neste sentido, Espazo Lectura quere manifestar publicamente a súa satisfacción polo feito de que o pleno aprobase esa proposta por unanimidade e agarda que o proceso poida permitir que se asine un convenio para establecer formalmente a cesión do espazo para o uso que se lle está a dar na actualidade e que, coa ampliación da casa do mestre, poidamos estudar unha mellora do aproveitamento dos dous edificios.

Espazo Lectura mantivo na pasada semana xuntanzas con membros das xuntas directivas da Asociación Veciñal e da Comunidade de Montes de Donas para presentarlles o proxecto, convidalas a coñecer a Casa da Lectura e informalas do inicio do proceso de desafectación. Mantivemos tamén esta semana unha xuntanza co alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e co Concelleiro de Cultura, Ignacio Troncoso, para solicitar o seu apoio na axilización do proceso, así como para debater co novo goberno municipal o marco de relacións da institución municipal e Espazo Lectura para o futuro. Agardamos que, tal e como acordamos, as relacións entre ambas as entidades queden formlizadas nun convenio que lles dea maior estabilidade.

No hay comentarios: