Con motivo da celebración do Día do Libro o pasado 23 de abril e dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura, a asociación Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, celebra este venres 29 de abril a cuarta edición do Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras escollidas por elas mesmas para compartir cos demais e recomendar. Con esta iniciativa preténdese celebrar a Semana Libro lendo.
Lecturas na taberna
O lema escollido é “Lecturas na taberna” e será a xamonería Catro Camiños de Gondomar a que acolla o acto. Con esta iniciativa preténdese reivindicar a presenza dos libros e a lectura en todos os espazos da vida e facer que formen parte da nosa actividade cotiá. O acto, aberto a quen queira achegarse ao longo da tarde, transcorrerá dende as 19.30 ata ás 22.00 horas.
A programación especial da Semana do Libro conclúe o sábado 30 con dobre sesión:- Ás 12.00 h, para público infantil, visita da autora Marica Campo, acompañada do músico Tino Baz, á Biblioteca de Gondomar dentro do club de lectura Lendo Contigo.
- Pola noite, a partir das 22.30h, para público adulto, celebración da primeira edición das Noites Golfas na Casa da Lectura que consistirá no espectáculo poético baixo o formato de combate lírico chamado A Hostia en Verso e presentado por María Lado e Lucía Aldao.
No hay comentarios:
Publicar un comentario