A este club de lectura compartida adoitan asistir entre 50 e 60 persoas, entre nenos, nenas, pais e nais; a actividade pretende fomentar o diálogo familiar arredor do libro e a lectura. A participación da autora, neste caso, convértese nun aliciente especial para estes lectores e lectoras máis novos que poden desta maneira coñecer máis de preto como xorde a idea do libro e como vai tomando forma até que finalmente se publica. Coma sempre, Ana María Fernández estará á disposición dos nenos e nenas para responder todas aquelas cuestións e curiosidades que arredor do seu libro poidan ter e intercambiar opinións sobre a lectura e sobre o mundo.
Ana María Fernández naceu en Palma de Mallorca en 1949 pero vive na Coruña desde o ano 1967. É mestra e, xunto co seu home Xoán Babarro, é autora dos primeiros textos modernos para a aprendizaxe do galego. Ten unha ampla produción na que destacan Primeiro libro con Malola (1985) e Barrigaverde e o dragón Achís (1989), premios Barco de Vapor; e Amar e outros verbos (2001), Premio Lazarillo. A súa produción continúa en actividade e Poemas que cantou o grilo (2007) é unha das súas últimas obras. Ana María Fernández cultiva a poesía, o teatro e a narración e co gallo da celebración o pasado día 21 de marzo do Día Mundial da Poesía este encontro pode ser un bo momento para descubrir o encanto marabilloso dos versos e o feitizo da poesía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario