O pasado venres 24, Día das Bibliotecas, o CRA Antía Cal fixo un acto de inauguración da súa biblioteca escolar, que foi remodelada recentemente. Un dos cometidos máis importantes deste acto era anunciar que a fermosa biblioteca, situada na parroquia de Peitieiros (Gondomar), queda, a partir de agora, á disposición do público do Val Miñor, para o que se abrirá tres veces por semana en horario de tarde. Os luns, mércores e xoves, de catro a seis da tarde, a biblioteca do CRA Antía Cal estará esperando pequenos lectores e lectoras para ofrecerlles a súa suculenta selección de contos e libros infantís. Desde Espazo Lectura non podemos máis que felicitar este novo servizo bibliotecario que se abre para o Val Miñor grazas á entrega e o traballo voluntarista das profesoras do Colexio Rural Agrupado Antía Cal. Para nós esta é unha biblioteca especialmente querida porque acolle algunhas das nosas reunións de traballo (comisións ou xuntas directivas) e mesmo as reunións do Club de Formación Lectora, o único, por certo, que existe en Galicia dedicado á ler e comentar libros sobre a lectura. Se temos en conta, ademais, que a nosa actividade fundacional, o Contomar, naceu hai tres anos vencellada á ANPA do CRA Antía Cal e ao seu alumnado, a satisfacción de ver como medran a biblioteca e o proxecto de fomento da lectura da escola é aínda maior.
Vaian, pois, os nosos agarimosos parabéns para as profesoras que ilusionan e dinamizan esa biblioteca que está a esperar por todos nós.
1 comentario:
Graciñas pola esta reseña da nosa biblioteca, coma sempre feita con moreas de agarimo. Intentaremos que sexa unha nova semente que medre e medre tanto como Espazo Lectura ata ser algo cotiá e que se bote en falta si non está. Xa vos avisaremos das novidades que teñamos, e lembrade todos onde está esa Bibliocra, pensada principalmente para os máis cativos.
Unha aperta. Marila
Publicar un comentario