Continuando coa programación que Espazo Lectura realizou para a Semana do Libro en colaboración co Concello de Gondomar, e coa intención fortalecer a relación entre libro e representación teatral, mañá domingo 27, no Auditorio Lois Tobío, teremos a representación de O merlo branco, a cargo de Talía Teatro. A obra é aberta ao público e, moi especialmente, ás persoas que participan na sesión de hoxe de Lendo Contigo, que poderán continuar gozando da obra de Cándido Pazó, agora na súa representación teatral. Será ás 19:00 h. do domingo e o espectáculo está dirixido a todos os públicos.
A compañía Talía Teatro fundouse en Cee, localidade onde ten a súa base, en 1988 e está dirixida por Artur Trillo. Ademais de O merlo branco, Talía Teatro representou outras obras da autoría de Cándido Pazó como A secreta obscenidade de cada día ou E ti de quen ves sendo? O traballo desta compañía enriba dos escenarios é amplamente coñecido polo público, moi especialmente a través da súa obra Bicos con lingua, unha das máis representadas da historia do teatro galego, que foi escenificada en Gondomar en varias ocasións. Talía Teatro tamén visitou o Val Miñor con Esperando a Godot.
No hay comentarios:
Publicar un comentario