28/3/11

Roberto Salgueiro no Lendo Contigo

Este mes o Lendo Contigo celebrouse en domingo e coincidiu co Día Mundial do Teatro. Por ese motivo, tivemos o pracer de recibir a un autor e director de pezas teatrais, Roberto Salgueiro, que escribiu, entre outros, o libro que lemos nesta ocasión: a peza dramática Valentino Rufini e Âkil Pillabán... que pola tarde puidemos ir ver ao auditorio municipal representada por Talía Teatro, dentro da programación cultural do Concello de Gondomar.

Durante a sesión do Lendo Contigo todo cheiraba a teatro na biblioteca municipal: as presentadoras de Roberto Salgueiro (Carme e Claudia, dúas "seareiras" deste club) convertéronse en fantásticas actrices que mesmo se puxeron na pel de Hamlet; Salgueiro falounos das súas obras, de como concibe el a escrita teatral, dos nervios previos á estrea ou de que unha peza teatral só adquire pleno sentido ao ser pronunciada enriba dun escenario.

Ao final, presentamos e sorteamos o libro que leremos durante o mes de abril: o poemario Abracadabras, de Marica Campo, e despois Salgueiro asinou exemplares da súa obra para os nenos e nenas lectores.


Foi unha sesión moi interesante que se completou pola tarde no auditorio Lois Tobío, cheo para ver a función.

1 comentario:

roberto salgueiro dijo...

Que tal, amigos. Paseino moi ben esa mañá, foi un pracer compartir con vós os recunchiños de Valentino. Pero, sen dúbida, o mellor de todo foi a representación destas estupendas actrices que presentaron o acto. Os meus parabéns!
Un abrazo, Roberto