Esta próxima fin de semana, 2 e 3 de xuño, celebramos en Gondomar a V Noite na Biblioteca, organizada por Espazo Lectura coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. Este ano serán 35 nenos e nenas os que teñan a oportunidade de durmir na Biblioteca Municipal e participar en diferentes actividades de fomento da lectura.
Coma en edicións anteriores, a programación comeza ás 19:00h na Praza de Portugal, diante do Centro de Saúde. Nesta primera parte, aberta a nenos e nenas de todas as idades e as súas familias, asistiremos á escenificación da inauguración do -efémero- Museo do Conto de Gondomar e logo, a partir das 20:30h, contaremos cunha sesión de contos, poemas, cancións, adiviñas e lengalengas: Burromaquia, a cargo de Inacio, de Fantoches Baj.
A segunda parte da programación, dirixida só aos 35 nenos e nenas inscritos na V Noite na Biblioteca, comeza a partir das 22:00h e conta con actividades como o recital Maldita poesía! ou a función de Ollofábulas da man de Charo Pita e Óscar Villán.
Na seguinte imaxe podedes consultar toda a programación.
28/5/12
Contos de comidas na Casa da Lectura
Este mércores 30 de maio na sesión da Casa da Lectura imos contar Unha eiruga moi larpeira (Kalandraka), Un cabaliño de mar soíño (Linteo) e Comida rápida (Linteo). Logo de coñecermos os vexetais e os seus beneficios, imos xogar a transformalos convertendo un cogombro nun auto. A sesión de dinamización comezará coma sempre ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta desde as 17:30h.
Deixámosvos a continuación algunhas imaxes da sesión da semana pasada, na que, a partir do conto Se os gatos levasen botas gobernarían as ras, fixemos ras de papiroflexia.
27/5/12
O Contomar despídese coa visita da familia Caravana
do mundo mundial, por primeira vez en Gondomar, contaremos coa
presenza da familia Caravana, "o seu hipopótamo áxil", os "desaparecidos
por arte de maxia", e moitas sorpresas máis. Non faltarán Changchun,
Wuhan, Lemmon, Mimongo, Fagaloa, Ivanovo, Trutanovo, Safonovo, Tzucacao,
Luengué nin, por suposto, o mozo do circo, Roxelio.
A sesión será, como todos os luns, ás 18:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar. O Contomar despídese ata despois do verán cos personaxes desta ampla parentela creada por Carreiro & Carreiro e publicada por Edicións do Cumio. Vémonos na pista!
24/5/12
Sesión de peche do Lendo contigo
Este próximo sábado 26 de maio,
ás 12 da mañá, na Casa da Lectura (Nogueira, 8 Donas) terá lugar a última
sesión desta tempada do Club de lectura compartida Lendo contigo. E para o remate
temos preparada unha sesión moi especial: o obradoiro Historia do libro e da
imaxe impresa, impartido por Xose Valtierra, co que faremos unha marabillosa
viaxe na busca das pegadas que a escritura e a imaxe impresa foron deixando ao
longo do tempo. Unha aventura para toda a familia que non podedes perder!
Ao remate, e sempre que o
tempo meteorolóxico o permita, imos celebrar un xantar compartido de despedida
da tempada polo que aquelas familias que queiran quedar teñen que traer comida.
Deixámosvos a continuación algunhas imaxes do que imos facer no obradorio.Vémonos o sábado!
22/5/12
Gatos e ras na Casa da Lectura
Este mércores 23 de maio a Casa da Lectura acollerá unha sesión de dinamización centrada no conto Se os gatos levasen botas gobernarían as ras, de OQO Editora, unha historia que nos permitirá despois poñer a proba a nosa destreza manual na confección de gatos e ras de papiroflexia. A sesión será, como todos os mércores, ás 18:30h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta xa a partir das 17:30h.
Deixamos a continuación algunhas imaxes da sesión da semana pasada, na que contamos contos sobre bebés, recibimos a visita (nas barrigas das súas nais) de Vera e de Comba -que xa naceu-, cantamos cantigas de berce e fixemos uns vistosísimos móbiles de cores.
21/5/12
Chega a V Noite na Biblioteca
Espazo Lectura
abre o prazo de inscrición para a V Noite na Biblioteca, que terá lugar os
días 2 e 3 de xuño de 2012. Poderán quedar a durmir na Biblioteca Municipal 30 nenos e nenas
que estivesen matriculados en Educación Primaria no presente curso
2011-2012 e que participasen ao longo do ano nas distintas actividades
de fomento da lectura que organiza Espazo Lectura (Contomar, Lendo
contigo, Casa da Lectura) ou que sexan fillos e fillas de socios/as.
Inscricións: no correo-e espazolectura@gmail.com ou no teléfono 619292991. O prazo de inscrición finaliza o 29 de maio.
Inscricións: no correo-e espazolectura@gmail.com ou no teléfono 619292991. O prazo de inscrición finaliza o 29 de maio.
19/5/12
O luns, Contomar
No Contomar deste luns leranse, entre outros, os seguintes contos: A vaca condesa, Oso atrapabolboretas e A voda dos ratos.
A sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos e os seus pais e nais comeza ás 18:00h na Biblioteca de Gondomar.
As seguintes imaxes recollen diferentes momentos da sesión da semana pasada, cando viñeron contarnos contos os profes do CEIP Chano Piñeiro Óscar, Marta, Pili, Mari, Estela e Dolo. Moitas grazas!
A sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos e os seus pais e nais comeza ás 18:00h na Biblioteca de Gondomar.
As seguintes imaxes recollen diferentes momentos da sesión da semana pasada, cando viñeron contarnos contos os profes do CEIP Chano Piñeiro Óscar, Marta, Pili, Mari, Estela e Dolo. Moitas grazas!
16/5/12
Acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade
Reproducimos unha información remitida polo Instituto de Estudos Miñoranos sobre o acto dedicado a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que terá lugar este xoves, 17 de maio, ás 19:30 h, no auditorio Lois Tobío de Gondomar. O acto consistirá nun recital de poemas de Paz Andrade a cargo de empresarios do Val Miñor e na actuación do coro tradicional Cantares do Brión.
O Instituto de Estudos Miñoranos está a organizar un acto de homenaxe a Valentín Paz Andrade (Pontevedra 1899 – Vigo 1987), un dos máis poliédricos activistas do galego da nosa recente historia. Destacou, ademais, como grande empresario e, por iso, este día 17 de maio a el dedicado os seus colegas, empresarios do Val Miñor, queren renderlle homenaxe recitando poemas seus no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. Únese xenerosamente á homenaxe o coro tradicional Cantares do Brión que interpretará pezas do seu repertorio coa incorporación dunha obra creada e ensaiada para este evento ao musicar o poema "Tríadas do vento no mar", do libro Sementeira do vento. O acto será conducido polas escritoras Marta Dacosta e Rexina Vega e comezará ás sete e media da tarde do Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2012.
15/5/12
O nacemento dos bebés, na Casa da Lectura
A sesión de dinamización lectora deste mércores 16 de maio estará dedicada ao embarazo e aos bebés. A partir de contos como Vou ter un irmán!, Mamá puso un huevo, Artur ou Upa!, mergullarémonos no mundo dos meniños: como se fan, como nacen, que lles cantamos para adurmiñalos, con que lles gusta xogar...
A actividade comeza ás 18:30 horas na Casa da Lectura.
Estas son algunhas imaxes da sesión da semana pasada, coa música como protagonista.
14/5/12
Club Lecturas Debuxadas de maio
O martes 15 de maio, a sesión do club de cómic Lecturas Debuxadas estará dedicada á novela gráfica Agencia de viajes Lemming (Astiberri) do autor portugués José Carlos Fernandes.
A cita é na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20:00 horas.
O libro
A idea para Agencia de viajes Lemming, un percorrido imaxinario polos máis improbables destinos turísticos, saíu exclusivamente da cabeza de José Carlos Fernandes, aínda que sexa unha homenaxe asumida ás cidades invisibles de Italo Calvino, esa obra mestra da imaxinación, a intelixencia e o profundo coñecemento da arquitectura das relacións humanas.
Igual que Calvino, José Carlos Fernandes tamén fala do que temos máis cerca, aínda que pareza deambular por mundos distantes. E desde Dulia, a cidade que busca desesperadamente ter algún elemento interesante, á inhóspita Manzil, que crece como un tumor a pesar de que todos os seus habitantes queiran abandonala; desde Gallupi, cidade de humores volubles e estatuas retiradas, a Kwinz, a cidade dos cemiterios, atopámonos cunha xeografía de lugares distantes que resultan estar demasiado próximos; de cidades nunca vistas que, ao final, coñecemos demasiado ben.
O autor
(Loulé, Portugal, 1964) empezou a destacar nos fanzines portugueses onde publicou numerosos traballos na década dos noventa. Entre a súa ampla obra merecen destacarse títulos como Coração de Arame, As aventuras do Barãou Wrangel, Pessoas que usam bonés-com-hélice, A última obra mestra de Aaron Slobodj (Devir, 2005), O que está escrito nas estrelas e, sobre todo, a serie A peor banda do mundo (de próxima publicación por Astiberri), que recibiu numerosos premios e atravesou as fronteiras de Portugal con traducións ao castelán, francés, polaco e eúscaro, e foi obxecto de adaptacións ao cine e ao teatro. Escribiu guións, debuxados por Luís Henriques, para Tratado de umbrografía (Devir, 2006) e A metrópole feérica.
Lendo para medrar
Víctor Freixanes publicou este domingo, 13 de maio, un artigo no xornal La Voz de Galicia sobre o traballo de Espazo Lectura.
Lendo para medrar
Lendo para medrar
No concello de Gondomar, no sur da provincia
pontevedresa, un grupo de pais e de nais iniciaron no 2006 unha
experiencia de socialización diferente arredor da comunicación e a
lectura. Dous anos despois constituíron unha especie de asociación
veciñal que denominan Espazo Lectura e que dende entón enche de festa
participativa a contorna, tanto para adultos como para os máis pequenos.
Habilitaron as antigas dependencias dunha escola infantil, cedida
daquela polo Concello, e alí, por propia iniciativa e co apoio dalgunhas
editoras, configuraron unha biblioteca que serve de campo de
actividades lúdicas nas que participan as familias: pais e fillos,
unidos pola afección común aos libros.
Os clubs de lectura son un fenómeno relativamente
recente que opera de xeito espontáneo por todo o país. Poño de
referencia o de Gondomar pola súa eficacia, polo seu activismo, pola
imaxinación que o caracteriza e pola súa capacidade de dinamización
social. Tiven ocasión de visitalo recentemente. Son arredor de 120
socios, que o sosteñen con modestas achegas económicas, arredor de 30
euros ao ano, e case que medio cento de familias. Non precisan nin
demandan máis axuda, agás que os deixen actuar e desenvolverse. Nestes
tempos de precariedade e escaseza son un exemplo a salientar. ¿Quen di
que o país non está vivo?
Nenos e adultos. Non é a primeira vez que
saliento esta cuestión, que me parece moi importante. A lectura (a
cultura en xeral) é fundamentalmente un territorio de afectos
compartidos. Afectos e descubertas. A primeira vez que me enfrontei a un
texto literario, a emoción do texto, mesmo sen sabelo, foi da man do
meu pai, que nos metía a meu irmán e mais a min na cama nas mañás dos
domingos e nos recitaba poemas. O romance do prisioneiro, recórdoo moi
ben. Cando anos despois o profesor de literatura comentou no instituto
aquel texto eu xa o levaba dentro, non coma un produto literario senón
coma un territorio de amor, inzado de bicos. Tal é a filosofía das
xentes de Gondomar.
Dentro duns días conmemoramos o Día das Letras
Galegas. Os amigos da asociación pontevedresa celebran periodicamente as
Noites Golfas, noites de festa arredor dos libros, contacontos para os
máis pequenos, debates para os adultos arredor de textos e autores,
experiencias de banda deseñada... O espazo infantil move lectores entre 3
e 11 anos. A condición é sempre a mesma: pais e fillos xuntos. Os pais
len, contan historias aos máis pequenos, comparten con eles a alegría de
estar xuntos e descubrir xuntos os libros. Os pequenos celebran os
cumpreanos con sesións de Cumprecontos, que consiste en ler e compartir
en voz alta as historias que máis lles gustan. Ocupan espazos na vila,
facendo lecturas públicas nas que invitan a outros veciños. Acampadas
nocturnas no xardín da escoliña, sempre rodeados de historias.
Necesitamos, agora máis ca nunca, iniciativas deste tipo, que xorden da
base social, non impostas, nin programadas dende enriba. Velaquí a panca
que, se a sabemos aproveitar, ha de mover o mundo.
11/5/12
Os profes do Chano Piñeiro visítannos no Contomar
Esta semana, serán os profes do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar, centro socio protector de Espazo Lectura, os que veñan ler contos aos cativos e cativas do Contomar. A sesión levará por título "Nada é o que parece" e entre os títulos que van contar están Xil Moniz, Pilú Pilú, Manu ou Non é unha caixa.
A actividade será o luns 14 ás 18:00 h na Biblioteca de Gondomar.
Aquí deixamos varias fotos da sesión do Contomar do luns pasado.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)