Ao longo de sete días, dende o martes 17 ao luns 23 de abril, Espazo Lectura organizou en colaboración co Concello de Gondomar a
V Semana do Libro e a Lectura con motivo da celebración do
Día Internacional do Libro. Tratouse dunha ampla oferta de actividades diarias que culminaron o domingo 22 cunha Senada Lectora nunha praza pública que foi todo un éxito.
O martes 17, arrincaba a Semana cunha sesión especial do
club de cómic Lecturas Debuxadas na que nos acompañou
Brais Rodríguez, autor de
A man do diaño. Máis de quince persoas asistiron ao encontro co autor que foi galardoado co Premio Castelao de banda deseñada por esta obra.
O mércores 18 chegaba a quenda da
sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura. Tratouse dunha proposta tamén especial, xa que tivemos como convidada á actriz e contadora Bea Campos, que presentou o espectáculo
"Cantarela, contos e cantos para nenos e nenas".
A actividade do xoves 19 estivo relacionada co mundo da ilustración. O debuxante e autor
Kiko da Silva impartiu un
obradoiro de ilustración para nenos e nenas na Biblioteca de Gondomar.
O venres 20 celebramos un dos actos centrais da Semana, o
V Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta que ten como finalidade celebrar o día do libro lendo e trasladar os libros dos andeis a diferentes espazos relacionados coa vida cotiá. Nesta ocasión, a lectura organizouse nun café, no café Keik de Gondomar.
A
oferta do sábado 21 foi a máis completa, con tres actividades para diferentes tipos de público. Pola mañá, a Biblioteca de Gondomar acolleu a sesión mensual do club
Lendo Contigo que contou coa presenza do autor e actor teatral
Diego Rey que veu falarnos da súa obra
Carta urxente para Máximo Toxo. Durante a sesión, puidemos ver un tráiler desta obra de teatro protagonizado polos nenos e nenas que asisten asiduamente a este club. Ademais, recibimos a agarimosa visita dos nenos e nenas do
club de lectura do CIP do Rosal, a quen lles agradecemos moito a súa participación na actividade, así como o agasallo que nos fixeron.
Despois, a partir das 18:00 horas, dentro da programación da Concellería de Cultura de Gondomar, o Auditorio Lois Tobío acolleu a
representación teatral de
Carta urxente para Máximo Toxo da man da compañía
Talía Teatro: un magnífico complemento do Lendo Contigo da mañá.
O propio sábado, ás 22:30 horas, a Casa da Lectura acolleu unha nova edición das
Noites Golfas a cargo d'
O Leo i Arremecághona que encheu a Casa de humor e decibelios.
O domingo foi o día grande da Semana, coa organización dunha
Sentada Lectora. Este ano propuxemos o reto de encher a Alameda de Gondomar de xente sentada lendo, nun acto lúdico e reivindicativo a favor da lectura e en contra dos recortes no ámbito do libro e a cultura. Acompañáronnos a actriz
Paula Carballeira e a xornalista
Araceli Gonda, que leron un
Manifesto conxuntamente, xunto co grupo infantil
Migallas e o coro tradicional
Cantares do Brión. A resposta da xente foi estupenda, con cerca de cincocentas persoas que ergueron os seus libros para reclamar políticas de fomento da lectura como un investimento de futuro seguro.
Esta é a reportaxe fotográfica que preparou o fotógrafo
Manuel G. Vicente:
A semana pechouse no
Contomar do 23 de abril, Día do Libro, coa adaptación a cargo da compañía
Tres Globos da obra
Pedro e o lobo.