Mostrando entradas con la etiqueta Carlos Casares. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carlos Casares. Mostrar todas las entradas

22/2/12

O Lendo Contigo le a Carlos Casares

 O club Lendo Contigo propuxo como lectura do mes de febreiro o clásico infantil A galiña azul (Galaxia, 1968) de Carlos Casares, e este sábado 25 de febreiro celebraremos a sesión dedicada ao libro. Evidentemente, Carlos Casares non vai poder acompañarnos, malia sabermos que lle había encantar, mais é un autor que está tan presente en Gondomar (no paseo que leva o seu nome, na escultura dedicada á galiña deste conto situada no parque da Coelleira...), que de seguro o imos sentir moi preto.
A sesión comezará ás 12:00 horas na biblioteca de Gondomar e adiantamos que será un chisco diferente, así que vos recomendamos que non a perdades.

O libro
Publicado por primeira vez en 1968, en A galiña azul o narrador vai recordando para unha nena amiga, Ana, algúns episodios vividos por ela na infancia, entre os que destacan as historias de Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade e do "papaio", unha lingua para falar cos paxaros. Claro que o personaxe central é a Galiña Azul, á cal quere matar Manolito Listón porque, segundo di, unha galiña que en vez de dicir cacaracá di cocorocó e que ten cinco plumas encarnadas na á dereita, "non é unha galiña como é debido".

O autor
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.

17/5/08

Lectura de textos de Álvarez Blázquez

A petición do Concello de Gondomar, Espazo Lectura realiza hoxe, ás 19 h., unha lectura pública de textos de Xosé María Álvarez Blázquez, diante do consistorio. Este acto enmárcase no programa que o Concello ten preparado para o día de hoxe, 17 de maio, durante o que tamén inaugurará, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos, a escultura A galiña azul, de Alfonso Soliño, instalada no Paseo Carlos Casares.