Mostrando entradas con la etiqueta artigos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta artigos. Mostrar todas las entradas

14/5/12

Lendo para medrar

Víctor Freixanes publicou este domingo, 13 de maio, un artigo no xornal La Voz de Galicia sobre o traballo de Espazo Lectura.

Lendo para medrar
No concello de Gondomar, no sur da provincia pontevedresa, un grupo de pais e de nais iniciaron no 2006 unha experiencia de socialización diferente arredor da comunicación e a lectura. Dous anos despois constituíron unha especie de asociación veciñal que denominan Espazo Lectura e que dende entón enche de festa participativa a contorna, tanto para adultos como para os máis pequenos. Habilitaron as antigas dependencias dunha escola infantil, cedida daquela polo Concello, e alí, por propia iniciativa e co apoio dalgunhas editoras, configuraron unha biblioteca que serve de campo de actividades lúdicas nas que participan as familias: pais e fillos, unidos pola afección común aos libros.
Os clubs de lectura son un fenómeno relativamente recente que opera de xeito espontáneo por todo o país. Poño de referencia o de Gondomar pola súa eficacia, polo seu activismo, pola imaxinación que o caracteriza e pola súa capacidade de dinamización social. Tiven ocasión de visitalo recentemente. Son arredor de 120 socios, que o sosteñen con modestas achegas económicas, arredor de 30 euros ao ano, e case que medio cento de familias. Non precisan nin demandan máis axuda, agás que os deixen actuar e desenvolverse. Nestes tempos de precariedade e escaseza son un exemplo a salientar. ¿Quen di que o país non está vivo?
Nenos e adultos. Non é a primeira vez que saliento esta cuestión, que me parece moi importante. A lectura (a cultura en xeral) é fundamentalmente un territorio de afectos compartidos. Afectos e descubertas. A primeira vez que me enfrontei a un texto literario, a emoción do texto, mesmo sen sabelo, foi da man do meu pai, que nos metía a meu irmán e mais a min na cama nas mañás dos domingos e nos recitaba poemas. O romance do prisioneiro, recórdoo moi ben. Cando anos despois o profesor de literatura comentou no instituto aquel texto eu xa o levaba dentro, non coma un produto literario senón coma un territorio de amor, inzado de bicos. Tal é a filosofía das xentes de Gondomar.
Dentro duns días conmemoramos o Día das Letras Galegas. Os amigos da asociación pontevedresa celebran periodicamente as Noites Golfas, noites de festa arredor dos libros, contacontos para os máis pequenos, debates para os adultos arredor de textos e autores, experiencias de banda deseñada... O espazo infantil move lectores entre 3 e 11 anos. A condición é sempre a mesma: pais e fillos xuntos. Os pais len, contan historias aos máis pequenos, comparten con eles a alegría de estar xuntos e descubrir xuntos os libros. Os pequenos celebran os cumpreanos con sesións de Cumprecontos, que consiste en ler e compartir en voz alta as historias que máis lles gustan. Ocupan espazos na vila, facendo lecturas públicas nas que invitan a outros veciños. Acampadas nocturnas no xardín da escoliña, sempre rodeados de historias. Necesitamos, agora máis ca nunca, iniciativas deste tipo, que xorden da base social, non impostas, nin programadas dende enriba. Velaquí a panca que, se a sabemos aproveitar, ha de mover o mundo.

21/4/12

Artigo de Manuel Bragado sobre a Sentada Lectora

Manuel Bragado publicou esta semana en Faro de Vigo un artigo sobre a Sentada Lectora que celebramos mañá a partir das 12:00 horas na Alameda de Gondomar.


Sentada lectora
Manuel Bragado

Espazo Lectura convoca para o domingo 22 de abril, ás doce da mañán, unha "Sentada lectora" na Alameda de Gondomar. Encadrado na completa semana de actividades que a hiperdinámica asociación gondomareña de fomento da lectura organiza con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), este acto cívico reunirá a persoas de todas as idades comprometidas a ler durante un cuarto de hora o libro que levará cada unha delas. A lectura dun manifesto a prol da lectura por parte de Paula Carballeira e Araceli Gonda e as actuacións musicais do grupo Migallas e do coro Cantares do Brión de Vincios completarán o programa deste acto lúdico e reivindicativo co que os organizadores pretenden nun momento de crise financeira e certo conformismo social salientar que "o valor da lectura e a cultura é máis importante que nunca para facer libre á cidadanía e dotala de instrumentos de futuro, de esperanza". Un acto orixinal de rebelión e insubmisión lectora, do que non existen precedentes en Galicia, que de forma simbólica e silenciosa evidenciara o carácter cívico da lectura e a necesidade de que sexa incluída na axenda pública utilizada polas administracións públicas, partidos políticos, asociacións veciñas e medios de comunicación.
Hoxe a lectura é un fenómeno híbrido e socialmente moi relevante, que afecta a toda a cidadanía, xa que vivimos un proceso de mudanza profunda entre o modelo de lectura textual, característico dos libros, revistas e xornais impresos, e o de lectura hipertextual, utilizado sobre as pantallas de ordenadores, taboíñas, e–readers ou teléfonos. Os lectores de todas as idades, non só os máis novos, compartimos decote a actividade lectora sobre libros e xornais impresos coa que realizamos sobre as diversas pantallas hipertextuais. Os espazos públicos urbanos quedaron inzados de máquinas dixitais para ler e escribir das que ningún cidadán pode prescindir, sexan caixeiros automáticos, parquímetros, pantallas informativas ou servizos de administración dixital. Vivimos nunha sociedade saturada de textualidade, onde en internet ninguén sabe nin pode lelo todo, onde todos debemos asumir que somos parcialmente analfabetos nalgúns eidos, onde rematou o monopolio da escritura correcta, onde hai unha parte significativa da escritura pública –como a das mensaxes de sms ou das anotacións de twitter– que non se atén as convencións ortográficas, onde o devir cotián está marcado polas transaccións lectoras realizadas sobre as pantallas dos máis diversos formatos –algunhas tamén táctiles e interactivas que utilizan recursos iconográficos e multimodais moi atractivo– ás que adoito non son alleas interferencias publicitarias e outros spams que poden chegar a confundir a lectores sen experiencia dixital previa ou máis afeitos a intercambios orais.
Neste proceso de mudanza xa non podemos concebir a lectura como un hábito ou unha afección dunha parte da cidadanía (arredor do 58% dos maiores de 14 anos defínese como "persoas lectoras") disposta ao goce das obras literarias impresas. Hoxe a lectura é moito máis, é unha competencia cidadá imprescindible, un mecanismo de inclusión social necesario para a convivencia e o benestar de cada comunidade. A cidadanía contemporánea será lectora multisoporte ou non será cidadanía, non hai posibilidade escolla, eis unha nova fronteira, unha revolución imparable na que como sinala o profesor Daniel Cassany "se diversifican tanto os artefactos letrados, como os usos e as funcións da lectura".
O fomento da lectura así entendida transfórmase na prioridade das políticas educativas, culturais e de igualdade. É esencial o papel do sistema educativo para formar lectores e lectoras con capacidade crítica e competencias abondas para utilizar toda clase de textos e hipertextos presentes en libros, xornais ou revistas, sexan os impresos ou os dixitais. Como adquire especial significatividade o papel no fomento da lectura contemporánea das bibliotecas, os espazos públicos especializados en favorecer á cidadanía de todas as xeracións o acceso a todo tipo de información e a todo tipo de textos e formatos escritos, sen esquecer a responsabilidade dos seus profesionais como mediadores no fomento da lectura no seu ámbito local. As familias tamén poden contribuír de forma decisiva á lectura, xa que no seu seo se poden consolidar hábitos lectores xerados e compartidos ao abeiro dos afectos. Outrosí sucede coas redes sociais capaces de compartir recomendacións literarias no que xa se denomina "lectura social" ou do papel dinamizador do chamado "voluntariado para a lectura", promovido por entidades privadas como Espazo Lectura, capaces de provocar poderosas revolucións lectoras como a que se vive en Gondomar dende hai apenas tres anos.