30/4/11

Primeiras Noites Golfas na Casa da Lectura: A Hostia en Verso

Dentro do programa da Semana do Libro e a Lectura, a asociación Espazo Lectura celebra as primeiras Noites Golfas na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar) co espectáculo poético A Hostia en verso. Será o sábado 30 a partir das 22:30 horas.

A Hostia en verso V: mafiosos vs. corruptos
O singular e itinerante enfrontamento de poetas A Hostia en verso visita a a Casa da Lectura na súa V edición. Se aínda non sabes como é unha velada da Hostia ou simplemente queres recuncar, achégate a unha nova e sempre diferente sesión deste combate lírico sen igual, no que poderás votar polo poeta que máis che encha o ollo. Sen necesidade de campañas!
A oportunidade terala este sábado, día 30 de abril, ás 22:30 horas, na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar) e desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xavier Xardón, Lara do Ar, Elvira Ribeiro, Eduardo Estéveze Miguel Valverde ou o que é o mesmo: poetas corruptos versus poetas mafiosos!
O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúa electrónico IgMig.
O público asistente, que é o máis importante de todos os artistas, verase reconfortado coa posibilidade de escoller el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen o combate!!!
E todo isto... de balde!!! Hai algún lugar onde che dean máis por menos, que non sexa a casa de túa nai?
Pois xa sabes. Vente animar os poetas mafiosos ou os corruptos. A nós encantaríanos verche por alí, porque sabes que todo isto que facemos non ten sentido sen a túa presenza.

29/4/11

IV Dar de ler coma quen dá de beber


Con motivo da celebración do Día do Libro o pasado 23 de abril e dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura, a asociación Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, celebra este venres 29 de abril a cuarta edición do Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras escollidas por elas mesmas para compartir cos demais e recomendar. Con esta iniciativa preténdese celebrar a Semana Libro lendo.

Lecturas na taberna

O lema escollido é “Lecturas na taberna” e será a xamonería Catro Camiños de Gondomar a que acolla o acto. Con esta iniciativa preténdese reivindicar a presenza dos libros e a lectura en todos os espazos da vida e facer que formen parte da nosa actividade cotiá. O acto, aberto a quen queira achegarse ao longo da tarde, transcorrerá dende as 19.30 ata ás 22.00 horas.

A programación especial da Semana do Libro conclúe o sábado 30 con dobre sesión:
  • Ás 12.00 h, para público infantil, visita da autora Marica Campo, acompañada do músico Tino Baz, á Biblioteca de Gondomar dentro do club de lectura Lendo Contigo.
  • Pola noite, a partir das 22.30h, para público adulto, celebración da primeira edición das Noites Golfas na Casa da Lectura que consistirá no espectáculo poético baixo o formato de combate lírico chamado A Hostia en Verso e presentado por María Lado e Lucía Aldao.

27/4/11

Obradoiro de ilustración impartido por Fausto Isorna

A Semana do Libro e a Lectura ten o xoves 28 unha nova cita. O ilustrador Fausto Isorna impartirá un obradoiro de ilustración para nenos e nenas na Biblioteca Municipal a partir das 18.00 horas.
Para participar, cómpre inscribirse a través do correo electrónico de Espazo Lectura (cun límite de 30 prazas).
A actividade enmárcase dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura que a asociación Espazo Lectura desenvolve entre o luns 19 e o sábado 24 de abril con motivo da celebración do Día Internacional do Libro.

Fausto Isorna, un dos grandes nomes da ilustración en Galicia, ideará o obradoiro a partir do personaxe Golfiño, o clásico da banda deseñada galega que regresa ás librarías da man de El Patito Editorial cun novo título: Golfiño e os invasores.

26/4/11

Teatro de monicreques na Casa da Lectura

Dentro da programación da Semana do Libro, a Casa da Lectura acolle unha sesión especial da man da compañía de teatro de monicreques Titirimaña.
Titirimaña representarán este mércores 27, a partir das 18.30 horas, a obra Perico o cangrexo, unha adaptación do conto con este título da autora Amparo Gómez Cuerpo, editado por Ir Indo.
A obra, estreada en 2009, destaca polo atractivo do seu decorado, que nos fai viaxar ao fondo do mar.

A anterior actividade na Casa da Lectura xirou arredor da reciclaxe a partir da lectura dos contos Eu non fun e O zoo de Xoquín. Estas son algunhas imaxes dese día.

24/4/11

A Semana do Libro inaugúrase cunha sesión do Lecturas Debuxadas na que participarán José Manuel e Ramón Trigo

A Semana do Libro e a Lectura 2011 arrinca o martes 26 de abril a partir das 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar cunha sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas, que recibirá a visita dos irmáns José Manuel e Ramón Trigo, guionista e ilustrador, respectivamente, de O burato do inferno, o cómic sobre o que vai xirar a sesión.
Durante a primeira hora, os lectores e lectoras poderán falar sobre a lectura desta obra. Despois, os autores achegaranse á biblioteca para charlar sobre este libro coas persoas que queiran participar.

O cómic

A novela gráfica O burato do inferno, de José Manuel Trigo e Ramón Trigo, é unha historia ambientada na Guarda no século XIX, cando os raqueiros, os piratas de terra, asaltaban e desvalixaban os barcos que facían encallar na costa aproveitando as noites sen lúa, cando prendían fogueiras que lles facían errar o rumbo...
A Guarda, Galicia, ano 1858. Xosé recibiu un día a chamada de don Elías, o párroco, para que o acompañara visitar o pai do mozo, que regresara moi enfermo da Habana. Aínda que Xosé desprezaba o moribundo, non podía negarse a aquela petición. O seu pai, Benito o Lindo, era un home endurecido pola miseria e a fame, que abandoara a súa muller cando quedou embarazada. Durante un tempo foi raqueiro e contrabandista na fronteira con Portugal; despois desapareceu. Xosé non tivo noticias súas ata que comezou a enviarlle cartos para a súa manutención. Trala morte da súa muller, Benito fíxose cargo dos gastos do seu fillo ata que este puido valerse por si mesmo. Mentres...

Os autores

José Manuel Trigo (Vigo, 1954)
Dende hai máis de 40 años é ebanista e carpinteiro. Tamén ten unha longa experiencia impartindo obradoiros de formación ocupacional.
Colabora coa Fundación Érguete de axuda ao toxicómano. O burato do inferno é o seu primeiro libro, aínda que ten colaborado na realización de guións para proxectos audiovisuais e de banda deseñada.
Ramón Trigo (Vigo, 1965)
Con 18 anos publicaba os seus traballos como ilustrador e debuxante de cómic en xornais e revistas especializadas. As súas primeiras obras pictóricas datan de 1986; dende entón adícase á ilustración de libros e a expoñer as súas obras. Entre os seus traballos máis destacados figura p álbum As luces que se acenden e se apagan ou as ilustracións de O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.

A pasada edición do Lecturas Debuxadas estivo dedicada á lectura de Pyonyang, de Guy Delisle. Estas son algunhas imaxes dese día.

16/4/11

Semana do Libro a Lectura: do 26 ao 30 de abril en Gondomar


Con motivo da celebración do 23 de abril, Día do Libro, entre o luns 26 e o sábado 30 de abril de 2011, Espazo Lectura (en colaboración co Concello de Gondomar) organiza a Semana do Libro e a Lectura cunha programación de actividades para todos os días.
O acto central será o venres 29 de abril, cando terá lugar o IV Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta para celebrar o Día do Libro, na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras que queren compartir cos demais e recomendar. Será na xamonería Catro Camiños de Gondomar entre as 19.30 e as 22.00h.

Ademais, durante a semana desenvólvese unha programación especial de actividades diarias. Este é o calendario completo:

- Martes 26 ás 20:00h (Biblioteca Municipal Gondomar)
CLUB LECTURAS DEBUXADAS. cómic proposto: O buraro do inferno. Contarase coa presenza dos autores, JOSÉ MANUEL E RAMÓN TRIGO.
- Mércores 27 ás 18:30h (Casa da Lectura, Donas, Gondomar)
Sesión especial: TITIRIMAÑA. Representación de Perico, o cangrexo, teatro de títeres baseado nunha obra de Amparo Gómez Cuerpo publicada en Ir Indo.
- Xoves 28 ás 18:00h (Biblioteca Municipal Gondomar)
OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN para nenos e nenas, impartido polo pintor e ilustrador FAUSTO ISORNA.
- Venres 29 de 19:30h a 22.00h (xamonería Catro Camiños de Gondomar)
IV DAR DE LER COMA QUEN DÁ DE BEBER, sesión de lecturas en voz alta.
- Sábado 30 ás 12:00h (Biblioteca Municipal Gondomar)
CLUB DE LECTURA COMPARTIDA LENDO CONTIGO. Club de lectura para pais e nais e nenos e nenas de 8 a 11 anos. Libro proposto: Abracadabras. Contarase coa presenza da autora MARICA CAMPO e co acompañamento musical de TINO BAZ.
- Sábado 30 ás 22:30h (Casa da Lectura, Donas, Gondomar)
NOITES GOLFAS. Para público adulto. A HOSTIA EN VERSO: recital baixo o formato de combate lírico. Presentado por María Lado e Lucía Aldao.

15/4/11

Espazo Lectura estivo en Ballobar

Os pasados días 1 e 2 de abril dúas persoas da xunta directiva de Espazo Lectura viaxaron ata Ballobar para participar, convidadas polo Departamento de Educación do Goberno de Aragón, nas V Jornadas aragonesas de bibliotecas, lectura y escritura, nas que interviñeron escritores, bibliotecarios e especialistas de todos o estado que puideron compartir coas 200 persoas asistentes dous días intensos de debate e reflexión arredor das bibliotecas e da lectura.

O sábado 1 de abril ás 11:00h, Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura, ofreceu na Biblioteca Municipal de Ballobar unha sesión de contacontos baixo o título Contando cocodrilos. Ás 16:30h Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, presentou o proxecto de fomento da lectura que a asociación desenvolve no Val Miñor dentro dunha mesa redonda que tiña como obxectivo debater sobre o traballo coas familias.

Espazo Lectura fai unha avaliación moi positiva da súa participación nestas xornadas, non só polo feito de podermos presentar e difundir as nosas actividades fóra de Galicia, senón sobre todo pola oportunidade de coñecer de preto o traballo de fomento da lectura que se fai en Ballobar, unha pequena vila aragonesa na que naceu hai máis de quince anos o proxecto Leer juntos, unha iniciativa de dinamización lectora que recibiu numerosos premios e que constitúe un modelo de referencia no ámbito do fomento da lectura. Poder sentir a calor e a ilusión coa que "as nais de Ballobar" participan no programa Leer juntos e na organización das xornadas fíxonos sentir como na casa, xa que hai moitas semellanzas co espírito do proxecto que Espazo Lectura desenvolve en Gondomar.

13/4/11

Propostas aos grupos municipais para o fomento da lectura (1): ampliación da biblioteca


Ampliación e mellora do espazo da Biblioteca Municipal

O actual espazo da Biblioteca Municipal de Gondomar é claramente insuficiente e require melloras urxentes en canto a mobiliario, fondos e equipamento. Espazo Lectura propón que se asuma unha ampliación a curto prazo incorporando o 2º andar do edificio da Casa da Cultura, de xeito que podería destinarse o actual espazo da Biblioteca Municipal (1º andar) á zona infantil, mentres que a nova sala (2º andar) quedaría como sala de estudo e consulta e sala de ordenadores para público adulto.

A ampliación de espazo debe ir acompañada dunha renovación do mobiliario, pois é preciso un mobiliario flexible e axeitado ás necesidades dos usuarios e á versatilidade que reclama o espírito de servizo bibliotecario. Esa renovación é especialmente importante na futura Sala Infantil.

A medio prazo habería que estudar unha nova localización para a Biblioteca Municipal, fóra do actual edificio da Casa da Cultura, nun lugar máis accesible, sen barreiras arquitectónicas e cunha situación céntrica na vila. Desde Espazo Lectura consideramos que ese novo local para a Biblioteca Municipal podería ser o edificio do actual Centro de Saúde, unha vez que se constrúa o novo e se trasladen alí todos os servizos sanitarios.

12/4/11

Reciclamos na Casa da Lectura



A sesión de dinamización lectora deste mércores, na Casa da Lectura, xirará arredor da reciclaxe. Os contos que se lerán nesta ocasión serán Eu non fun e O zoo de Xoquín. Despois haberá un obradoiro no que faremos un "zoo colgatodo".
A actividade comezará ás 18:30 horas e unha hora antes a Casa da Lectura xa estará aberta.

A semana pasada, da man do libro Abrapalabra! de Antón Cortizas, desciframos a linguaxe dos paxaros, tal e como se pode ver nestas imaxes do fotógrafo Manuel G. Vicente.

9/4/11

Contomar

Este luns, a partir das 18.00 horas, temos unha nova cita co Contomar no segundo andar da Biblioteca Municipal de Gondomar.
Nesta ocasión, entre outros, leremos os seguintes contos: O libro dos porcos (Kalandraka), O ladrón de palabras (A Nosa Terra), La semillita (Kókinos) ou Pedro y la luna.

A semana pasada, José Luis, Luisa, Belén, Begoña e Bea (un grupo de profes do colexio Souto-Donas de Gondomar, socio protector de Espazo Lectura), fixéronnolo pasar moi ben como se pode ver nestas imaxes. Moitas grazas!

7/4/11

Espazo Lectura envía ás principais forzas políticas de Gondomar 6 propostas relacionadas co fomento da lectura

Ante as próximas eleccións municipais de maio de 2011, Espazo Lectura fíxolles chegar aos distintos grupos políticos do Concello de Gondomar seis propostas relacionadas co fomento da lectura, co obxectivo de que as asuman e as inclúan nos seus respectivos programas electorais. Así mesmo, Espazo Lectura ofrécese a debater e asesorar respecto dos contidos destas seis propostas, así como a seguir colaborando co Concello de Gondomar e coa Biblioteca Municipal no desenvolvemento dun amplo programa de fomento da lectura que continúe destacando a Gondomar como un concello que aposta pola lectura. Neste sentido, cremos necesario que a nova corporación municipal, ademais de manter as liñas de colaboración con Espazo Lectura que se viñan dando até o momento, asuma uns compromisos mínimos necesarios para seguir dando pasos adiante neste ámbito.

As 6 propostas
  1. Ampliación e mellora do espazo da Biblioteca Municipal.

  2. Ampliación do persoal da Biblioteca Municipal e convocatoria da praza de bibliotecario/a cun perfil de especialista.

  3. Establecemento dun orzamento específico estable para a Biblioteca Municipal.

  4. Creación dun Consello Municipal da Lectura.

  5. Xestión e desafectación do espazo da antiga escola de educación infantil de Donas (Casa da Lectura) e creación dun Museo do Conto.

  6. Declaración de Gondomar como a 1ª Vila do Libro de Galicia.
De cada unha destas propostas falaremos polo miúdo nas próximas semanas.

Gondomar, lendo para medrar
Esta é a primeira actuación da campaña Gondomar, lendo para medrar, presentada hai unha semana por Espazo Lectura. A campaña está destinada a fortalecer a relación entre a vila de Gondomar e os libros e a lectura, conscientes de que, para Gondomar, a lectura pode ser todo un símbolo e unha oportunidade para progresar, para desenvolverse, para apostar por un futuro mellor, por un futuro no que o nome da localidade se converta en sinónimo de cultura, de avance e, sobre todo, de imán capaz de atraer o interese, a curiosidade e a riqueza.