29/12/11

Próximos títulos para os clubs de lectura

Como o Nadal pode ser un bo momento para ler e regalar libros, achegamos os títulos das próximas lecturas para os diferentes clubs:

  • O 10 de xaneiro ás 20.00h celebrarase a sesión do Sete Vidas, que estará centrada na novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández. Contaremos coa presenza do autor na biblioteca de Gondomar.
  •  O 17 de xaneiro, tamén ás 20.00 horas, no club de cómic Lecturas Debuxadas falaremos de Inolvidable, de Alex Robinson. 
 
  • O 28 de xaneiro, ás 12.00 horas, terá lugar a sesión do Lendo Contigo, dedicada ao libro O fillo do Pintamonas de María Solar. A autora estará connosco na biblioteca.

26/12/11

"Cama e conto" en Gondomar

O auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle o martes 27 de decembro ás 18:00h a representación teatral da obra Cama e conto, a cargo da compañía Babaluva, dentro da programación infantil de Nadal da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar. A peza está feita a partir do libro Cama e conto, de Gonzalo Moure (Edicións Xerais), co que Espazo Lectura realizou dúas actividades no 2011: unha sesión do club de lectura compartida Lendo contigo e unha sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura.



A programación de nadal da Concellería de Cultura complétase con outros dous espectáculos: Dous pallasos en apuros de Os sete magníficos +1, o mércores 28 de decembro ás 18:00h, e Area e auga de Teatro del Andamio, o xoves 29 de decembro ás 18:00h.

21/12/11

Así foi o Lendo Contigo con Paula Carballeira

O domingo 18 de decembro celebramos unha saborosa sesión do club de lectura Lendo Contigo centrada no libro Correo urxente de Paula Carballeira.
Na primeira parte, os cociñeiros Anxo e Rosana fixéronlles as preguntas da guía de lectura aos nenos e nenas que participaron na actividade e convidáronnos a croquetas, non de area, senón de xamón.

Despois, dúas estupendas chefs, Eva e Noa, prepararon a receita perfecta para cociñar a autora convidada: Paula Carballeira, quen nos fixo pasar unha divertidísima mañá de domingo na cal non só nos alimentamos de comida (Paula tróuxonos a proba das famosas receitas dos plátanos esmagados, a do chocolate con pipas e mais a das galletas siberianas), senón tamén de palabras: dos diversos contos que Paula foi enfiando ao longo da sesión, ademais de contestar as preguntas que sobre o libro tiñan os seus lectores e lectoras.

Nesta ocasión, as palabras de Paula Carballeira estiveron acompañadas de música, interpretada por un grupo de nenos e nenas asiduos a este club de lectura: Néstor, Nicolás, David e Erea, a quen lles estamos moi agradecidos.

20/12/11

A Casa da Lectura recibe a visita do Apalpador para despedir o ano

O mércores 21 de decembro a Casa da Lectura acolle unha sesión especial de despedida de ano cun personaxe propio da tradición galega do Nadal, o Apalpador.
A compañía Barafunda Animación presentará, a partir das 18.30 horas, un espectáculo baseado no conto Antón e o Apalpador que combina contacontos, música, maxia e xogos.
O apalpador baixa a noite do 31 de decembro para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura.

As seguintes imaxes recollen varios momentos da sesión do 14 de decembro centrada no libro Cama e conto.

19/12/11

Jacobo Fernández Serrano estará no Lecturas Debuxadas para falar do seu cómic "Lois Pereiro. Breve encontro"


Este martes, 20 de decembro, celébrase a sesión mensual do club de cómic Lecturas Debuxadas.
Nesta ocasión, como peche do ano das letras galegas dedicado ao poeta Lois Pereiro, falaremos do cómic Lois Pereiro. Breve Encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta (Xerais, 2011) escrito e ilustrado por Jacobo Fernández Serrano.
A sesión comeza ás 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar.

Contaremos coa presenza do autor

Jacobo Fernández Serrano achegarase á biblioteca de Gondomar a partir das 21.00 horas para conversar cos lectores e lectoras da súa obra.

A obra
Esta novela gráfica, en branco e negro, de Jacobo Fernández Serrano constitúe un singular e fermoso achegamento comiqueiro á vida e á obra do poeta homenaxeado na Letras Galegas 2011. Iníciase cun breve encontro no que o autor homenaxea a película de David Lean, percorrendo cada unha das etapas da vida do poeta monfortino. Dende o seu nacemento na vila de de néboa e trens, pasando polos días de descubrimento da adolescencia, as primeiras loias en Madrid, o envelenamento e doenza posterior provocado pola colza, as viaxes europeas, as antoloxías coruñesas de amor e desamor, a edición do primeiro libro, os días da conversa ultramarina e da modesta proposición, ate a poesía última de amor e enfermidade. A novela inclúe ademáis a edición gráfica dalgúns dos textos máis emblemáticos do poeta, así como as visións do creador arredor da súa figura. Como sinalou Manuel Rivas, esta novela gráfica “non trata de condecorar a Lois nin de poñelo nun pedestal. Trata de facelo reexistir, de andar por aquí de novo”.

O autor

Jacobo Fernández Serrano (Vigo 1971) é licenciado en Belas Artes na especialidade de pintura pola Universidade Complutense. Ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro, como autor de literatura infantil publicou A gardería de dona Bixelmina (2005), A pedra e as formigas (2006), Mil cousas poden pasar. Libro I (2009), premio Merlín de literatura infantil e Mil cousas poden pasar. Libro 2 (2011). Ademais de traballos de ilustración de libros infantís, de texto, dicionarios, guías de natureza, carteis ou ilustracións para televisión, etc., é tamén, autor da serie de banda deseñada Os amigos de Archimboldo Roque, publicada na revista Golfiño (2000 a 2004) e recollida no volume homónimo. Tras realizar este personaxe converteuse en colaborador da publicación periódica Dos Veces Breve, así como da segunda época da revista BD Banda, na que desenvolve a serie titulada Animais pantasma. Co álbum de cómic Aventuras de Cacauequi (2007), obtivo o premio Castelao da Deputación da Coruña de Banda Deseñada, e a nominación ao Premio Expocómic 2008 de Madrid e do Salón do Cómic de Barcelona, no apartado de autor español revelación. Marcopola. La isla remera (2009) é o inicio dunha serie de cómic para os primeiros lectores. Lois Pereiro. Breve encontro (Xerais, 2011) é a súa primeira novela gráfica. Mantén abertos dous blogs, onde publica adianto das súas ilustracións e traballos:
http://jacobofernandezserrano.blogspot.com/
http://osamigosdearchimboldoroque.blogspot.com/
http://milcousas.wordpress.com/


As seguintes imaxes corresponden á sesión do Lecturas Debuxadas do 15 de novembro centrada no cómic Piel color miel.

15/12/11

A escritora e actriz Paula Carballeira, este domingo no Lendo Contigo


O DOMINGO 18 de decembro, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Correo urxente, da escritora Paula Carballeira (Rodeira, 2002).

Contaremos coa presenza da autora
Paula Carballeira estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.


O libro
Ata sete cartas, un aviso, outro telegrama e receitas de cociña compoñen este conxunto de textos amables en clave de xogo.
Milio, cociñeiro nun colexio de cidade escríbelle á súa irmá, Mara, que segue na aldea coidando os animais e a horta, das cousas que lle pasan na súa nova vida (e como lle gustan ao carteiro Raúl, tamén a este lle escribe): da rapaza á que non lle gustan as súas croquetas desde que xogou na praia a que era unha croqueta empanada de area; de cando uns alumnos lle botaron sal no café ao rosmón do profesor de ximnasia; dunha rapaza que sempre comía cos dedos e grazas a uns pos de cores no ovo frito deixou de facelo; da bibliotecaria do colexio, preocupada porque aos nenos gústalles comer mentres len os libros e deixan sabores ou manchas neles; ou de Visilín, o pallaso do Gran Circo de Moscova que se desincha cando chora...

A autora
Paula Carballeira naceu en Fene, A Coruña, en 1972. É licenciada en Filoloxía Hispánica. Realizou cursos de interpretación, técnicas de actor e expresión corporal. Desde 1994 traballa como contacontos; participou en programacións culturais en Galicia e o resto de España, Portugal, Brasil e Chile. Na súa faceta como actriz está vinculada ao grupo de teatro Berrobambán, socio protector de Espazo Lectura; tamén traballa en series de ficción para a Televisión de Galicia. Un dos seus últimos proxectos foi a montaxe teatral infantil A cabana de Babaiagá, do Centro Dramático Galego.

13/12/11

Cama e conto na Casa da Lectura


Esta semana, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, asistiremos á dramatización do libro de Gonzalo Moure, Cama e conto (Xerais, 2010). Este é un texto fermoso, moi fermoso, no que Gonzalo Moure pretende compartir cos nenos de hoxe ese espazo de liberdade infinita ao que se pode chegar no acto íntimo dun pai ou dunha nai contándolle un conto ao seu fillo ou filla.
Nesta ocasión, os nenos e nenas que veñan á actividade poden traer a parte de arriba do seu pixama, porque imos durmir...
A actividade comeza ás 18.30 h e unha hora antes a Casa da Lectura xa permanece aberta para consulta e préstamo de libros.

As seguintes imaxes correspóndense coa sesión do mércores 7.

12/12/11

Narrativa francesa actual no club de lectura Sete Vidas


O martes 13 celébrase a sesión de decembro do club Sete Vidas que estará centrada na lectura da novela A neta do señor Linh (Rinoceronte, 2010) do autor Philippe Claudel. A cita será a partir das 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Contaremos coa presenza da tradutora do libro
A tradutora da novela ao galego, Isabel García Fernández, achegarase á biblioteca a partir das 21:00 horas para falar cos lectores e lectoras.

O libro
Dúas soidades que se xuntan. Un vello, o señor Linh, que abandona o seu país fuxindo da guerra e levando nos brazos a súa neta, único motivo polo que viaxa cara a unha terra hostil da que descoñece a lingua e os costumes. E un home só, o señor Bark, que vive decote sumido nas súas lembranzas.
O día a día do protagonista mostra unha experiencia de soidade, desarraigo e illamento, unha realidade crúa, pero é tamén un canto á tolerancia, ao respecto e á esperanza a través da amizade.

O autor
Philippe Claudel naceu en 1962 en Dombasle-sur-Meuthe (Francia). No seu labor como docente, impartiu clases no ensino secundario e superior e tamén no cárcere. É autor de varias novelas, pero entre as súas obras figuran tamén relatos, guións de cine e televisión, ensaios e teatro.
Entre outros galardóns, recibiu o premio Renaudot pola novela As almas grises e o Premio Goncourt des Lycéens por O informe Brodeck. É guionista e director da película Hai moito tempo que te quero, que obtivo o Cesar á mellor ópera prima no ano 2009.

10/12/11

O Contomar celebra unha sesión especial cunha obra de teatro sobre a verdadeira historia dos tres porquiños

O Contomar de Espazo Lectura, en colaboración coa Concellería de Cultura de Gondomar, celebra unha sesión especial no Auditorio Lois Tobío o luns 12 de decembro a partir das 18.00 horas.
Trátase da representación teatral da obra A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz, a cargo da compañía Teatro del Andamio. Un espectáculo de actores e obxectos que narra a verdadeira historia dos tres porquiños..., mellor dito, dos dous porquiños e a súa irmá, unha porquiña moderna, intelixente e loitadora. Unha visión actual que defende dous principios fundamentais: a igualdade e a solidariedade.
A entrada é libre ata completar aforo.
Con este evento finalizan as sesións do Contomar deste ano, que se reanudarán o luns 9 de xaneiro de 2012.

8/12/11

Pintura e acto literario en homenaxe a Álvaro Cunqueiro


A pintora e socia de Espazo Lectura Irene Silva Xiráldez promove un acto de homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro que terá lugar o sábado 10, ás 19:00 horas, no Mercado da Tía Ni (Sabarís).
Trátase dunha exposición da obra pictórica de Irene Silva inspirada na poética e narrativa do autor de Mondoñedo. A exposición acompáñase dun acto literario que inclúe a lectura de textos de Cunqueiro, unha representación teatral e un contacontos para os máis pequenos.

6/12/11

Nova sesión de dinamización lectora na Casa da Lectura


Este mércores, 7 de decembro, a sesión semanal de dinamización lectora da Casa da Lectura xirará arredor de tres contos: O galo traganoces (OQO), O peixe vermello (Faktoría K) e Un globo vermello (Kalandraka). A actividade comeza a partir das 18.30 horas.

As seguintes imaxes recollen diferentes momentos da actividade do mércores 30 de novembro, dedicada á diferenza e á discapacidade.