Mostrando entradas con la etiqueta Rosa Aneiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rosa Aneiros. Mostrar todas las entradas

30/11/09

Rosa Aneiros, Premio Xerais de Novela 09, charlará cos lectores/as na Biblioteca de Gondomar

Mañá celébrase a sesión de decembro do Club de Lectura Sete Vidas. O libro sobre o que imos falar é Sol de Inverno, da escritora Rosa Aneiros, obra gañadora da última edición do Premio Xerais de Novela. Pódese completar a información aquí.

Tertulia coa autora
Rosa Aneiros estará mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar para charlar arredor de Sol de Inverno coas persoas que se queiran achegar.

Lembrade, a cita é mañá 1 de decembro a partir das 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar. Para participar non é preciso inscribirse, só hai que achegarse á biblioteca con ganas de compartir lecturas.

23/11/09

Rosa Aneiros estará no Club de Lectura Sete Vidas

O martes, 1 de decembro, ás 20:00 horas, a escritora Rosa Aneiros estará na Biblioteca Municipal de Gondomar, compartindo as súas opinións con todas as persoas que queiran asistir á próxima sesión do club de lectura Sete Vidas, que se centrará na novela gañadora do Premio Xerais 2009, Sol de Inverno. Aquí pode lerse un capítulo da novela.

Rosa Aneiros declarou, cando recibiu o Premio Xerais, que en Sol de Inverno «quería contar a historia dunha nena, Inverno, a que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo de toda a súa vida pelexa por retornar e recuperar ese paraíso. Inverno tenta sempre regresar, especialmente cando vive en Cuba en contacto coa comunidade de emigrantes galegos, aí nese treito da narración, quixen recuperar a memoria da miña propia infancia». Rematou Rosa Aneiros salientando que «Inverno é un personaxe completo que loita polos seus ideais, mais tamén polos ideais de outros, que sinte tan preto como os propios».

En Sol de Inverno desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado sinalou que «esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes –nada máis que trinta lumes a comezos de 1936– a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano –onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns–; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza».

A novela, de profunda instrospección nos protagonistas e no deseño dos ambientes, constrúe un mundo simbólico, máxico, riquísimo en referentes, a través do que pululan seres entrañables, que nos conmoven, e tamén persoas reais, como Castelao, Carmen Muñoz ou Rafael Dieste. Deste xeito, apaña o fío da tradición literaria galega este longo relato de pulso vagoroso, meditado, que reborda nun río de historias que nunca nos deixan indiferentes. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno ten que lamber unha e outra vez coma un pesadelo, é a que vai erguendo as sólidas paredes desta novela que, de seguro, engaiolará desde a primeira páxina, desde a dedicatoria inicial a Silvia Mistral.

4/6/09

Tertulia do IEM con Rosa Aneiros

Dentro das tertulias que organiza o IEM no Pazo da Escola, en Gondomar, mañá venres 5 de xuño, ás 20:30 horas, tócalle o turno á escritora Rosa Aneiros. Xornalista e narradora, Rosa Aneiros é investigadora da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega e colaboradora habitual de distintos medios de comunicación. Ao remate do acto, aberto ao público, o IEM organiza unha cea co escritora, á que se pode asistir reservando previamente no teléfono 986360575.
Como escritora, Rosa Aneiros é autora de novelas como Resistencia (Xerais, 2002, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente) e Veu visitarme o mar (Xerais, 2004); do libro de artigos A pé do abismo (Xerais, 2007); e no ámbito da literatura infantil e xuvenil publicou O xardín da media lúa (Galaxia, 2004) e Os ourizos cachos e o gran río gris (Galaxia, 2008).
A súa obra, traducida ao castelán e ao portugués, recibiu recoñecementos como o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), ou o Losada Diéguez (2005).

14/4/09

Ler

Rosa Aneiros publica no Xornal de Galicia a seguinte columna de opinión sobre a próxima celebración do Día do Libro.
Ler
“Aprendín a ler sen que ninguén se decatase. Cando a mestra seguía ensinando aos outros nenos a xuntaren o eme co a, había xa tempo que eu coñecía a solidariedade que tecen entre si os signos escritos, as súas combinacións infitinas e os sons marabillosos (...). Ninguén se decatou. Lin coma unha posesa, primeiro ás agachadas, e despois, cando me pareceu que transcorrera o tempo normal de aprendizaxe, á vista de todos, mais tendo moito coidado de disimular o meu interese e o pracer que me proporcionaba. A nena fráxil convertérase nunha alma famenta. Aos doce anos deixei a escola para traballar na casa e mais nos campo cos meus pais e os meus irmáns. Aos dezasete, casei”. Así di Renée, a protagonista d´A elegancia do ourizo de M. Barbery. A súa é unha historia de ficción pero para millóns de nenas convértese na única realidade. Por iso a Unesco dedica o vindeiro 23 de abril –Día Mundial do Libro– á alfabetización cunha mensaxe clara: “Open books, open doors”. Porque cando aprendemos a ler e a escribir, aprendemos a abrir as portas.

26/6/08

De pixamas e libros



Durante a próxima fin de semana publicaremos unha ampla reportaxe fotográfica sobre a noite na biblioteca organizada por Espazo Lectura. Mentres, reproducimos un artigo de Rosa Aneiros sobre esta actividade que se publicou onte nos xornais El Progreso e Diario de Pontevedra e hoxe mércores no Galicia Hoxe, titulado «De pixamas e de libros». Vaia por diante o noso agradecemento a Rosa Aneiros por un texto tan fermoso. Tamén en Praza das Letras se poden ver algunhas fotos sobre a noite na biblioteca.

De pixamas e libros

Shmuel vestía un pixama de raias e tiña a cabeza afeitada. Os pixamas son roupa cómoda e divertida que nos prepara para o sono pero non así para Shmuel. El non semellaba un neno feliz. Ou iso lle pareceu a Bruno, o protagonista do libro O neno do pixama de raias de John Boyne. Ese libro azul estaba alí deitadiño no andel da biblioteca municipal de Gondomar disposto a que calquera pícaro con pixama quixese collelo e mergullar na súa historia. Porque a noite do sábado 21 de xuño, o mesmo día que comeza o verán, a biblioteca de Gondomar non quixo ficar en silencio. Dúas ducias de nenos e nenas con pixama ávidos de palabras e contos enchérona de murmurios e gargalladas. Tratábase da primeira noite na biblioteca, unha iniciativa pioneira en Galicia organizada polo colectivo Espazo Lectura para nenos de entre 6 e 11 anos. Coa caída da noitiña chegaron os cepillos de dentes, os contacontos, o teatro, o recital de poesía e música, as cubertas dos libros enriba das colchonetas e as lanternas nos sacos para devorar historias. Toda unha marea de vagalumes a alumear os estantes dos libros mudos. Logo, co mencer, espreguizaron os xogos de pistas, os tesouros de moedas de chocolate e os biscoitos do almorzo. No medio, por suposto, pouco sono e moitos soños. Porque así son os libros, unha experiencia íntima que pode ser compartida, como todas as ilusións. Non é un deber da escola senón un divertimento. A Shmuel, aquel neno do pixama de raias de Boyne, roubáranlle o futuro e as palabras pero el, convertido en libro, puido contar a súa historia a outro neno con pixama. E ese lector ou lectora puido comprender así por fin por que non todos os pixamas serven para soñar.
Rosa Aneiros