28/10/10
O Lendo Contigo comeza nova tempada celebrando o Samaín co autor e ilustrador Pepe Carreiro
O libro
Segundo os vellos costumes celtas, o ano divídese en dúas estacións: verán e inverno. E o paso dunha estación a outra prodúcese exactamente na noite que vai do último día de Outono ao primeiro día de Santos. A noite de Samaín. A noite de Samaín, ademais de dividir o ano, confunde o mundo do máis alá co munto terreal. E iso si xa é outra historia. Precisamente a historia da que imos falar no club, a protagonizada polos Barbanzóns, os personaxes de Pepe Carreiro que habitan no castro de Baroña, na noite do Samaín.
O autor
Pepe Carreiro (Vigo, 1954) é iustrador e autor de banda deseñada. Foi un dos fundadores de Can sen Dono, revista que chegou a dirixir, e ten colaborado en numerosas publicacións como Teima, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, A Peneira, A Nosa Terra ou La Codorniz. Publicou a saga A retirada de Sir John Moore na primeira etapa da revista Golfiño, que despois foi recompilada en formato álbum por Xerais. Outras creacións súas inclúen O curral de Don Mundo, Maxistérico, O galo Camilo e Robinson. Como ilustrador para nenos ten acadado moita fama, asinando a serie Os Bolechas. Na editorial Toxosoutos viu a luz a súa serie de álbumes "Os Barbanzóns", protagonizada por unha familia castrexa que habita no Castro de Baroña.
25/10/10
Cantas cousas sabes sobre as ras?
Estas son imaxes da sesión da semana pasada, na que contamos coa colaboración de Dolo Portabales.
22/10/10
Este luns, no Contomar...
Este luns no Contomar leremos, entre outros, os seguintes contos: O elefante que non era elefante, de Marta Rivera Ferrer, que narra a historia dun elefante que malia ter grandes orellas, unha bonita cola e unha longa trompa négase a aceptar que é un elefante, e ¿E ti, que farías por min?, de Fina Casalderrey, a historia de amizade entre Malta e Marqués, dous cans en apuros que se alimentan dos restos de comida atopados nas rúas. Ambos son libros publicados por Edicións Xerais.
A actividade, para nenos/as a partir de 3 anos e seus pais/nais, comeza ás 18.00h na Biblioteca de Gondomar.
21/10/10
Espazo Lectura participa en Bilbao nas xornadas "Pequeños lectores, grandes mundos"
Será na tarde do 22 de outubro cando Concha Costas interveña na mesa redonda titulada “Experiencias de mediación lectora en LIX” para expoñer o proxecto de Espazo Lectura.
Espazo Lectura compartirá mesa con outras iniciativas de fomento da lectura de diferentes puntos do Estado, como o programa Leer juntos de Ballobar (Huesca), Municipi Lector do Consell de Lectura de Catalunya ou Liburuen altxorra de Galtzagorri elkartea.
Na páxina web de Pequeños lectores, grandes mundos pódese consultar toda a información sobre as xornadas.
19/10/10
Chegou o outono á Casa da Lectura
Este mércores 20 de outubro, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura, imos darlle a benvida ao outono con dous contos: Xaime e as landras de Tim Bowley e Un gato na árbore de Pablo Albo.
Despois, empregando as nosas mans, imos apreixar a estación do ano das follas secas e das castañas.
Como cada mércores, a actividade será a partir das 18.30 h e unha hora antes as portas da Casa da Lectura xa estarán abertas.
17/10/10
O mestre norteamericano Will Eisner abre a tempada do Lecturas Debuxadas
Contrato con Dios é unha das súas obras máis coñecidas e admiradas. Cando se publicou por vez primeira en 1978 cambiou o rumbo da historia da banda deseñada dando á luz a primeira novela gráfica, coa que o cómic entrou no mundo adulto con historias máis maduras e profundas. A edición de Norma Editorial recolle tres historias situadas nun mesmo barrio americano que amosan o Eisner máis conmovedor e universal.
En Viñetas desde o Atlántico, a gran cita galega do mundo do cómic que se celebrou do 9 ao 15 de agosto na Coruña, ofreceuse este ano unha gran retrospectiva deste clásico norteamericano. Tamén durante o verán soubemos que Contrato con Dios vai ser levado ao cine.
14/10/10
O Sete Vidas reiniciou a súa andaina
Tras a primeira hora, durante a cal os participantes comentaron as súas impresións sobre a novela, incorporouse á tertulia a tradutora Mona Imai, quen tamén traduce a obra de Murakami ao galego.
Mona falounos das particularidades e dificultades da tradución dende o xaponés e desvelounos claves da cultura xaponesa presentes na obra de Yoshimoto.
Estas son dúas imaxes da sesión.
O próximo mes, reunirémonos na Biblioteca de Gondomar para falar da novela Denso recendo a salgado (Edicións Xerais) e teremos oportunidade de falar co seu autor, Manuel Portas, que participará na sesión. Será o martes 2 de novembro a partir das 20.00 horas.
12/10/10
Quen dixo que dous máis dous son catro?
Estas imaxes corresponden á da semana pasada, cando o músico Servando Barreiro encheu de música e contos a Casa da Lectura.
11/10/10
Unha película sobre a lectura
As persoas interesadas en acudir a ver a película en grupo, quedaremos dez minutos antes do comezo na porta do cine. A película proxéctase ás 10.45 da noite.
9/10/10
Este luns non hai Contomar
Deixámosvos aquí algunhas imaxes da sesión do pasado luns, 4 de outubro, coa que inauguramos a nova tempada deste contacontos semanal que Espazo Lectura organiza os luns, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal.
8/10/10
Patasdepeixe, novo socio protector de Espazo Lectura
Dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Patasdepeixe Editora, que se incorpora como socio protector da asociación.
Patatasdepeixe é unha editorial que naceu en 2009 especializada na tradución de títulos singulares de literatura infantil e xuvenil. A súa primeira publicación foi O incrible neno devorador de libros, de Oliver Jeffers, e nestes momentos xa teñen catro títulos nas librarías, todos eles de gran valor estétito e literario.
Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, "aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación". Patasdepeixe súmase así a outras editorias que xa forman parte de Espazo Lectura como Edicións do Cumio, Galaxia, Kalandraka, OQO, Rodeira e Xerais. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais como Berrobambán e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 18 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.
5/10/10
O músico e contacontos Servando Barreiro abre as portas da Casa da Lectura
Con esta sesión inaugúrase a nova tempada de actividades de dinamización lectora destinadas a nenos e nenas a partir de 3 anos que cada mércores a asociación Espazo Lectura programa na Casa da Lectura, pequena biblioteca e centro de recursos ubicada na parroquia de Donas (Nogueira, 8), en Gondomar.
Todos os mércores, a Casa da Lectura abrirá as súas portas de 17:30h a 19:30h para que as nais e pais poidan achegarse a ler cos nenos e nenas e para participar nas actividades de dinamización que se organizan semanalmente ás 18:30h. Propostas diferentes nas que se relacionan os contos e as historias con moitas outras expresións, sempre de maneira lúdica.
Servando Barreiro participando nunha sesión do Contomar
4/10/10
A literatura xaponesa inaugura a terceira tempada do Sete Vidas
Encontro coa tradutora
A partir das 21.00h estará connosco a tradutora da novela, Mona Imai, quen asumiu o reto de traducir a obra do xaponés ao galego. Poderemos falar con ela arredor do libro e do seu traballo de tradución.
O libro
Estrañamente, a cociña é o lugar onde Mikage se sente máis arroupada tras a morte da súa avoa, única persoa coa que vivía. Un día, un mozo veciño chama á súa porta e ofrécelle que vaia vivir con el e coa súa nai durante un tempo. Cando o mozo lle confesa que a súa nai non é realmente a súa nai, os dous inician unha profunda amizade.
Banana Yoshimoto narra unha historia do Xapón contemporáneo, cunha delicadeza que embeberá por completo o lector nesta obra, tanto na súa cara dramática como na beleza con que debuxa a amizade e o amor.
A autora
Banana Yoshimoto (Toquio, 1964) é unha das escritoras xaponesas máis relevantes dos últimos anos. Licenciada en literatura na Universidade de Nihon, debutou con Kitchen, novela escrita na súa época estudantil e que supuxo o descubrimento dunha autora de gran sensibilidade. Filla dun coñecido pensador e poeta, Banana Yoshimoto escribiu novelas, relatos e ensaios, caracterizados pola insólita sensibilidade e delicadeza con que aborda os temas do amor, a amizade, a soidade e a morte. Entre outros galardóns nacionais e internacionais obtivo os premios Kaien, Izumi Kyoka, Yamamoto Shugoro, Murasaki Shikibu, Newcomer Writers Prize, Premios Scanno, Premio Fendissime, etc.
3/10/10
Este luns comeza o Contomar
Os contos escollidos para esta primeira sesión do novo "curso" son Perdido?, de Oliver Jeffers, publicado por Patasdepeixe e Viches o león?, As pousadeiras do rei e Lucas e oso, publicados os tres por OQO.
Ademais, celebraremos os cumprecontos de todos os nenos e nenas que fixeron anos durante o verán e repartiremos as primeiras estrelas para que vaian poñendo no carné desta tempada. Lembrade que, antes das vacacións de verán, os nenos e nenas que máis estrelas teñan recibirán un agasallo como premio á súa asistencia.
Este luns agardámosvos no Contomar!